A Xunta fai oficial que só dará axudas á conciliación a quen contratase un campamento privado e non municipal

Condicións publicadas este martes 1 de setembropara o Bono Concilia, que só subvencionará campamentos privados e deixa fóra campamentos municipais xa contratados por familias que descoñecían a restrición CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno galego publica no DOG este 1 de setembro as condicións retroactivas do seu Bono Concilia, meses despois de que as familias contratasen campamentos de verán municipais que en anos anteriores si tiñan dereito á subvención

A Consellería de Política Social publica este 1 de setembro no Diario Oficial de Galicia (DOG) de xeito retroactivo as condicións para que as familias que contrataron hai meses campamentos de verán poidan acceder agora ás axudas do seu Bono Concilia. Como avanzou a propia conselleira o 5 de agosto, cos campamentos xa iniciados, a diferenza de anos anteriores serán excluídas das axudas as familias que contratasen campamentos municipais ou doutras administracións e só terán dereito a subvención as que contrataron campamentos privados.

A Xunta só informou da restrición das condicións da axuda cando as familias xa contrataran o servizo, ao igual que sucedeu coas subvencións do pasado ano para mercar libros de texto, cando o Goberno galego tivo que lexislar de urxencia logo de vetar os pagamentos en efectivos cando esas compras xa estaban realizadas.

Un campamento de verán nun concello galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

O DOG deste 1 de setembro sinala que é subvencionable a asistencia a campamentos "organizados por calquera persoa física ou xurídica privada". A convocatoria do pasado ano só excluía das axudas os campamentos organizados pola propia Consellería de Política Social dentro da súa Campaña de verán, pero a deste ano engade expresamente que tamén quedan fóra da subvención "calquera outro organizado directa ou indirectamente por calquera Administración pública". 

O DOG tamén informa de que o prazo para solicitar o bono comezará o vindeiro mércores 9 de setembro ás 9 da mañá, xusto no momento en que comeza o primeiro día do curso escolar. Rematará un mes máis tarde, o 9 de outubro, pero as axudas outórganse ata que se esgotan os cartos, non ás familias máis necesitadas senón ás máis rápidas.

BNG, PSdeG e Sumar criticaron a decisión da Xunta por "privatizadora" e "clasista"

Segundo a argumentación da Xunta, os campamentos organizados polas administracións xa contan con subvencións para a súa propia celebración, polo que subvencionar tamén ás familias suporía unha dobre axuda. Porén, ese argumento e a restrición foron desvelados por Política Social cando boa parte das familias xa non tiñan marxe de manobra, cos campamentos xa contratados. 

Campamento de verán no Concello de Ourense CC-BY-SA Concello de Ourense

A decisión da Xunta xa foi criticada durante o pasado mes de agosto por BNG, PSdeG e Sumar como "privatizadora" e "clasista" así como pola súa "falta de transparencia" ao comunicarse de xeito retroactivo. 

O agora ocorrido é similar ao acontecido hai un ano cando a Xunta vetou o pagamento en efectivo dos libros de texto logo de que as compras xa fosen realizadas

O agora ocorrido é similar ao acontecido cando a Xunta anunciou o pasado ano a desgravación de libros de texto. O Goberno galego non advertiu ás familias de que o material escolar non se podía pagar en efectivo, algo do que só informou cando as compras xa estaban realizadas. Así que se viu obrigado a aprobar unha lei urxente antes de que comezase a campaña da declaración da Renda para permitilo "excepcionalmente" o pasado ano e validar así os gastos xa realizados polas familias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.