Galicia pechou 2025 con 910 prazas residenciais para menores en protección, 42 máis ca un ano antes, cando a conselleira Fabiola García admitiu a sobreocupación sinalada por múltiples entidades. Tanto daquela como na actualidade a maioría de persoas acollidas non son migrantes sen compaña familiar
Galicia dispón de 910 prazas "en centros residenciais para a protección de persoas de 0 a 17 anos" nun total de 65 instalacións, catro delas públicas (con 141 prazas) e o resto de titularidade privada e concertadas pola Xunta. Esta é a información oficial da Consellería de Política Social máis recente dispoñible, datada a 31 de decembro de 2025.
Na mesma data, segundo a mesma fonte oficial, neses centros residían 913 nenas, nenos e adolescentes, tres máis do número de prazas oficial, dos que 312 eran migrantes "en situación de desamparo por non estaren acompañados de ningún familiar". Esa actualización de datos chegou tras meses de resistencia da Consellería a revelar a cifra de menores migrantes con acollemento efectivo no noso país e mentres a Fiscalía Superior de Galicia aclaraba publicamente cifras ao respecto: "90 menores en Galicia tras os procesos de reubicación" iniciados en 2025, todos chegados de Canarias agás un, dende Ceuta.
Un ano antes, a finais de 2024, as prazas eran 868 en 64 centros, segundo a mesma fonte oficial, que reflectía daquela unha ocupación total desas prazas residenciais, con 868 menores dos que 237 eran migrantes sen compaña familiar. En setembro daquel mesmo ano a propia conselleira, Fabiola García, daba en admitir un colapso do que levaban meses e mesmo anos alertando abondosas entidades especializadas en protección da infancia a través da plataforma que as agrupa ou o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia con reiteradas alertas de "sobreocupación".
Os menores migrantes acollidos en Galicia eran 312 a finais do ano pasado, segundo deu en revelar a Consellería
Pasou, polo tanto, xa un ano dende que a conselleira García admitise o colapso ("nin unha praza dispoñible", resumira). Os datos oficiais indican que as prazas residenciais de protección de menores da Xunta aumentaron en 42 a dirixente gobernamental vén de reiterar que o colapso persiste, polo que o incremento non foi dabondo. Fíxoo poñendo foco, como hai doce meses, nos migrantes. Agora, en oito menores con esta condición que van ser trasladados dende Ceuta, segundo manifestou este pasado xoves ante os medios de comunicación.
Horas despois de que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instase o presidente Rueda a colaborar na acollida de menores migrantes que padecen unha "situación inhumana" en Ceuta tras a entrada masiva do pasado xullo, a conselleira de Política Social aseguraba en Baiona que proximamente chegarán a Galicia oito deles. E agregaba que o seu departamento ten "ao límite" a "capacidade residencial de acollida de novos menores estranxeiros non acompañados".
García non especificou se esta nova evidencia de colapso se refire ao conxunto do sistema de protección de menores ou se, pola contra, a liga aos centros "específicos" para menores migrantes sen compaña familiar que deu en habilitar dende o pasado ano -un en Monforte con 80 prazas concertadas cunha entidade social ás que sumou outras doce con outra destas entidades en Burela-. O envío de menores migrantes a centros específicos supuxo, admitiu o propio Goberno galego, romper co modelo de protección de menores baseado na integración -un único sistema con independencia da procedencia das nenas, nenos e adolescentes- que viña rexendo en Galicia dende décadas atrás, cuestión da que a Consellería culpou ao Goberno de España por non "consensuar" o acollemento de migrantes.
A Xunta volve sinalar o Goberno de España polas "novas derivacións" de menores migrantes. O Colexio de Educadoras Sociais ve "preocupante" que a "confrontación institucional, os intereses partidarios ou os cálculos electorais poidan condicionar decisións sobre a atención e protección desta infancia"
No mesmo sentido, a conselleira volve agora sinalar o Executivo de Pedro Sánchez porque "non podemos continuar recibindo menores estranxeiros non acompañados sen financiamento", di, ao tempo no que insiste en que a Xunta se sente obrigada a "informar a todos os veciños e veciñas da comunidade de que segue recibindo novas derivacións".
Con este pano de fondo, o Colexio de Educadoras Sociais volve lembrar que "a protección da infancia é unha obriga legal e democrática". É "preocupante", a xuízo da entidade colexial, "que cuestións relacionadas coa confrontación institucional, os intereses partidarios ou os cálculos electorais poidan estar condicionando a adopción de decisións sobre a atención e protección desta infancia. As infancias non poden converterse en moeda de cambio nin en pezas dentro dunha estratexia política", advirten.