A portavoz nacional do BNG advirte de que "competencialmente, quen ten que asumir a acollida son as comunidades autónomas" e pregúntase se o que quere facer o PP é cronificar a situación para sacar tallada"
"A única solución que hai é que a Xunta se poña á disposición para acoller unha parte deses menores". A portavoz nacional do BNG insta o presidente da Xunta a "deixar de poñer escusas" e participar activamente na asistencia a nenas, nenos e adolescentes sen compaña familiar que permanecen en Ceuta tras a entrada masiva do pasado xullo, "moitos deles en situacións de abandono pola rúa", "inhumana".
Ante a negativa da dirección estatal do PP a atender os chamamentos do Goberno de España para tramitar a acollida nas autonomías onde gobernan, Ana Pontón insta a diferenciar entre a xestión do Executivo central no conxunto do suceso e unha "cuestión moi sensible, dar unha solución a eses menores". E nese sentido, advirte, no Bloque "entendemos que hai unha responsabilidade clara e directa, quen competencialmente ten que asumir a acollida son as comunidades autónomas, que son as que teñen as competencias en materia de menores"
"Estamos falando de mil menores" que habería que "distribuír" entre as diversas autonomías, abonda a líder do Bloque, quen insta a lembrar que "cando empezou a guerra en Ucraína acollemos máis de 3.000 sen ningún problema". Por iso, advirte, cabe preguntarse "se o que quere facer o PP é cronificar a situación porque cre que así pode sacar tallada política sen importarlle nin o sufrimento das persoas menores nin a situación que se poida estar vivindo en Ceuta. No BNG, subliña, "dános igual se son de Marrocos, se son de Ucraína ou de calquera outar parte do mundo", porque "hai que axudar".
Considera Pontón que "nós somos un pobo emigrante", polo que sabemos o que ter que saír fóra cunha man diante e con outra detrás e creo que esa experiencia nos fai ser moi sensibles ante as situacións que outras persoas migrantes poidan ter noutras partes do mundo". "E moita máis sensibilidade temos que ter no caso de menores que están nas rúas en condicións indignas e inhumanas", advirte.
Posición de Política Social e cifras da Fiscalía
A Xunta vén evitando revelar cantos menores migrantes están efectivamente acollidos en Galicia
Nas últimas semanas a conselleira de Política Social, Fabiola García, insistiu en que para o Goberno galego a "primeira opción" -apoiándose, reiterou, na Lei de Estranxeiría" é "o regreso coas familias de orixe e, no caso de que non sexa posible, o retorno ao sistema de protección de Marrocos". "Calquera hipotético reparto de menores pola península ten que contar co financiamento necesario", agregou asegurando que "no último ano o Executivo central reduciu a Galicia nun 82% os fondos nesta materia".
Estas consideracións do Goberno galego chegaban pouco antes de que, nos primeiros días de setembro a Fiscalía Superior de Galicia, aclarase a cifra de menores migrantes efectivamente acollidos nos últimos meses en Galicia, a mesma que evita revelar a Xunta, e reclamase protexelos. Nese momento o Ministerio Público detallaba que "na actualidade, 90 menores se atopan en Galicia tras os procesos de reubicación" iniciados en 2025, todos procedentes das Canarias agás un, que chegara de Ceuta. Os datos oficiais máis recentes de Política Social apuntaban a un total de 237 menores migrantes sen compaña familiar acollidos en Galicia dentro dun sistema de protección con todas as prazas cubertas, maioritariamente por nenas, nenos e adolescentes sen orixe migrante