Ceuta centra os debates de Rueda con Pontón e Besteiro sobre o custo da vida e a xestións de emerxencias en Galicia

Rueda durante a sesión de control no Parlamento deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente pide a Sánchez "botarse a un lado e deixar que veña alguén que colla os asuntos do país dunha vez con seriedade" logo de que BNG e PSdeG lle afeasen seguidismo de Feijóo na crise de Ceuta

Había días que os líderes de BNG e PSdeG, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, avanzaran a súa intención de preguntar ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre o custo da vida e a xestión das emerxencias en Galicia na primeira sesión do curso político no Parlamento. Así o fixeron este mércores, pero os dous debates, tanto o de Rueda con Pontón como o de Rueda con Besteiro, acabaron centrándose na crise de Ceuta e no papel da Xunta.

Pontón comezou preguntándose se Rueda vai ao supermercado e nota o que subiu a cesta da compra, ou o encarecemento da volta ao colexio. Unhas dificultades económicas para as que pediu respostas da Xunta, como a gratuidade dos libros de texto. Porén, fronte a eses problemas que considera prioritarios, Pontón lamentou que Rueda comezase este luns o curso político "faltando ao seu posto de traballo" para ir a Madrid como "palmeiro" de Feijóo nun acto de crítica ao Goberno de España pola súa xestión da crise de Ceuta.

Pontón durante a sesión de control deste mércores CC-BY-SA BNG

A crítica de Pontón serviu para que Rueda centrase a súa réplica en criticar o BNG por supostamente non amosar o suficiente apoio ao pobo de Ceuta. "Eu fun apoiar o presidente dun territorio onde viven galegos que están nunha situación insostible", dixo Rueda, que tirou tamén doutro dos seus comodíns habituais de crítica ao BNG para asegurar que o seu comportamento é "moito mellor" que "ir ver a Bildu".

Na súa segunda intervención Pontón afeou a Rueda que volvese tirar de Bildu para criticala e insistiu en pedirlle que falase de Galicia. Nesa liña, a portavoz nacional do BNG dixo que o que debe facer a Xunta coa crise de Ceuta é "acoller os nenos e nenas en situación inhumana e non pecharlles as portas e utilizar este tema para alimentar o odio e a crispación".

Tamén o debate con Besteiro acabou derivando á crise de Ceuta. O socialista sacou cuestións como a seca sufrida este verán, os incendios, o colapso dos centros de saúde ou as dificultades para acceder á vivenda. E tamén citou a crise de Ceuta para insistir en que Galicia debe axudar a superala acollendo menores de idade en lugar de que Rueda acuda a "aquelarres" en Madrid con Feijóo. 

Para varias das emerxencias citadas por Besteiro a resposta de Rueda consistiu en atribuír responsabilidades aos concellos. E para a cuestión de Ceuta o presidente evitou citar o papel da Xunta na acollida de menores e optou por criticar ao Goberno de Pedro Sánchez la situación que se vive nesa cidade con "rapaces sen verán", "violacións" ou "pais que non mandan os fillos ao colexio". 

Besteiro durante a sesión de control deste mércores CC-BY-SA PSdeG

Besteiro insistiu na súa segunda intervención en citar cuestións da actualidade política galega, como a transferencia da AP-9, pero Rueda atribuíuno na súa intervención de peche a que o socialista dedica as súas quendas no Parlamento a "meter os recados de Moncloa". E insistiu en falar de Ceuta asegurando que os ceutís "son compatriotas, hai ceutís en Galicia e galegos en Ceuta que o están pasando moi mal", o que atribuíu directamente a Sánchez. "Quen o provocou co seu sometemento á chantaxe ten que solucionalo, e se non é capaz, o que ten que facer é botarse a un lado e deixar que veña alguén que colla os asuntos do país dunha vez con seriedade", rematou Rueda. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.