Besteiro pide á Xunta "planificación" hidráulica e que invista en cada concello o 50% do que recada co canon da auga

Besteiro no encoro de Baiona este luns CC-BY-SA PSdeG

Desde Baiona, con encoro propio pero coas reservas tan baixas que xa tivo que pedir auga a Vigo, o líder socialista demanda que o Goberno galego prevea o cambio climático "de forma global, non só pensando concello a concello, pensando no país"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este luns a Baiona para iniciar o curso político reclamando á Xunta unha mellor planificación hidráulica ante o cambio climático, unha "situación que vén para quedarse" e ante a que constata que "o futuro vai ser peor". Nun concello con encoro propio pero coas reservas tan baixas que xa tivo que pedir máis auga a Vigo, Besteiro pediu que o Goberno galego lidere unha "planificación axeitada de todo o sistema de abastecemento, de forma global, non só pensando concello a concello, pensando no país". 

O encoro de Baiona este sábado 29 de agosto CC-BY-SA Praza Pública

Besteiro salientou que os 32 concellos galegos que están en situación de alerta por falta de auga están "todos na demarcación Galicia-Costa", a dependente da Xunta. A maioría do resto dos concellos, tanto nesa demarcación como na Miño-Sil, dependente do Estado, están na situación inferior de prealerta. Un problema de seca que o socialista lembrou que non é novo, con situacións similares nos últimos anos e coa previsión de que "o futuro vai ser peor".

Ante este problema, o socialista considera que a postura da Xunta está a ser a de "culpar os concellos" mentres que el reclama "vista longa e apoio aos concellos" non só no abastecemento á poboación senón tamén coas necesidades da industria ou do agro. 

Besteiro reclamou que, do canon da auga que recada a Xunta, o 50% sexa reinvestido en cada concello no que se xeran eses cartos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.