O alcalde vigués lembra que leva 15 anos reclamando unha nova presa no Oitavén por riba da actual de Eiras, onde asegura que non terá efectos nin ambientais nin sociais
As declaracións deste xoves da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, propoñendo a construción de máis encoros en Galicia para evitar situacións de seca porque "se non a auga acaba no mar" non foron puntuais. Este venres Vázquez foi entrevistada na TVG e ratificouse na súa aposta por "encorar máis auga" porque "claro que chove, pero a auga acaba no mar". Unhas declaracións ás que se sumou tamén este venres o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que
Tras as declaracións do xoves, este venres na TVG Vázquez insistiu en que "non temos por que ter pavor a dicir que hai que embalsar máis auga", sen que iso supoña encoros "enormes" en toda Galicia senón que poden ser "pequenas infraestruturas que poden salvar certas situacións que agora mesmo son incómodas. A conselleira insistiu en que "é un debate que debemos poñer sobre a mesa e é tan lóxico como dicir chove moito, claro que chove, pero a auga acaba no mar".
"Perdemos 15 anos, non teriamos que estar coas restricións que hai neste momento se xa tiveramos a presa feita, pero a resposta da Xunta sempre foi que non", di Caballero
Ao tempo, desde Vigo o seu alcalde, Abel Caballero, lembrou que "hai 15 anos que eu xa formulei á Xunta que había que facer unha nova presa augas arriba da de Eiras no río Oitavén". "Hai 15 anos que todo o mundo sabe que é imprescindible unha nova presa para abastecer de auga toda esta área do gran Vigo que son máis de 600.000 persoas e toda a industria deste territorio, e todo o mundo sabe que a presa de Eiras é moi pequena", di Caballero, que asegura que neste tempo vén repetíndollo "de forma continua" á Xunta". "Acabamos de dicirllo hai seis meses e a resposta da Xunta sempre foi que non, que non", di, o que contrapón coas novas declaracións da conselleira.
Para Caballero "perdemos 15 anos, non teriamos que estar coas restricións que hai neste momento se xa tiveramos a presa feita". Un encoro que segundo o rexedor vigués vai ter "efectos ambientais cero, porque vai ser unha presa moi pequena". Ao seu ver tampouco terá efectos sociais xa que o novo encoro estaría "no monte".
O alcalde tamén avanzou que a próxima semana vai recibir o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, do PP, e vaille comunicar que Vigo non porá problemas en transvasar auga do seu sistema ao baionés ante o baixo nivel que presenta o encoro con que conta esa vila.