PP e Vox capitalizan as concorridas concentracións "en solidariedade e apoio a Ceuta" nun contexto de mobilización total da súa base contra o Goberno de España e, nomeadamente, contra Pedro Sánchez
Hai agora case un cuarto de século, en plena catástrofe do Prestige, no seo do PPdeG xurdiu unha disxuntiva que evidenciou, como moitos outros acontecementos daqueles días, a división interna que os anos de hexemonía fraguista solaparan, pero non desactivaran. Sectores populares personificados no daquela poderoso conselleiro Xosé Cuíña defenderan a conveniencia de que Xunta e Partido Popular de Galicia se desmarcasen da cúpula aznarista e secundasen as mobilizacións da nacente Plataforma Nunca Máis, mentres que os cargos máis dereitistas e afíns á dirección central optaron por desmarcarse e atacar as protestas, o cal virou en posición oficial da formación.
Especialmente nos primeiros meses posteriores ao afundimento as múltiplas mobilizacións foron masivas e transcenderon, con moito, a militancia das forzas políticas que daquela, coma hoxe, exercían a oposición en Galicia -BNG e PSdeG-. Pero foron estas organizacións e as esquerdas en xeral as que capitalizaron un clima que por veces semellou de mobilización total e que acabou sendo, como é sabido, o principio da din do fraguismo.
Coas obvias diferenzas pero tamén con certos paralelismos históricos que, como noutras situacións, poden servir como ferramentas para interpretar os acontecementos en torno as mobilizacións "en solidariedade e apoio a Ceuta", convocadas formalmente para este pasado 2 de setembro pola Federación Española de Municipios e Provincias, actualmente controlada polo PP. Tan certo é que non toda a abondosa concorrencia das protestas se corresponde con militancia ou simpatizantes de partidos das dereitas como que son estes, especialmente os populares e mais Vox, quen as protagonizaron e están a capitalizar nun contexto de mobilización total da súa base.
Rueda, que encabezou a comitiva popular na Coruña, sostén que os participantes non acudiron "por política" a unhas protestas carentes de "ideoloxía"
A Coruña e Santiago foron, no caso galego, as cidades con maior asistencia a unhas concentracións nas que o PPdeG mobilizou a súa potente estrutura para estar presente nunhas prazas que tamén foron escenario da competición en marcha no bloque das dereitas e nas que se fixo notar o extraparlamentario Vox. Nelas, a motivación oficial das convocatorias, a "solidariedade e apoio a Ceuta" polas consecuencias da entrada masiva de persoas migrantes que Marrocos non impediu -e que segundo múltiplas fontes, alentou- foi remudada axiña pola vontade real de moitos dos presentes: a crítica ao Goberno de España e ao seu presidente, Pedro Sánchez, dende a esixencia de responsabilidades por esta crise en concreto ata o ataque total, insultos e reclamacións de dimisión ou mesmo encarceramento incluídos.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, encabezou a comitiva dos populares na concentración coruñesa. Segundo o tamén líder do PPdeG, ningún dos participantes secundou a manifestación "por política" e "os que entenden que isto vai de ideoloxía" en realidade "equivócanse". Só se trataba, sostén Rueda, de defender que "Ceuta é española" fronte a "nefasta" xestión do Goberno de España, ao que acusa de "defender intereses que non son os que están defendendo os que estamos aquí". As proclamas tiveron notable eco en cabeceiras mediáticas que adoitan relativizar manifestacións e protestas de signo progresista.
O serán non estivo exento de incidentes provocados por parte dalgúns dos participantes nas concentracións sobre Ceuta, especialmente en localidades onde tamén se convocaran mobilizacións contra o racismo e na defensa dos dereitos das persoas migrantes. Foi o caso de Lugo, onde militantes dereitistas, algúns deles portando simboloxía de Vox, increparon e ameazaron persoas que as sinalaran como racistas. Tamén en Compostela se viviron momentos de tensión, coa Policía antidisturbios freando o que consideraron unha contramanifestación.
Varias localidades acolleron convocatorias contra o racismo e na defensa dos dereitos das persoas migrantes
Estoutras convocatorias, baixo o lema Combatamos o racismo ou Contra a reacción racista, unidade antifacista foron apoiadas por diversas organizacións políticas, sociais e sindicais do espectro da esquerda, pero foron moito menos concorridas que as impulsadas polas dereitas. Na desenvolvida na capital galega, con impulso de entidades coma o Foro Galego de Inmigración, forzas políticas como BNG, Sumar e Podemos ou sindicatos como a CIG e a CGT, o foco estivo nos dereitos das persoas que migran e na advertencia do uso dos acontecementos de Ceuta para alentar o "odio", así como na necesidade de protección para menores migrantes por parte das Administracións.