Ceuta como 'Prestige' do goberno de esquerdas

Pedro Sánchez, o ministro Grande-Marlaska e mandos policiais, en Ceuta observando puntos fronteirizos a través de videovixilancia © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa.

Probablemente, vostede, coma mín, considera o afundimento do Prestige un dos momentos clave da nosa educación política como cidadáns galegos desta terra e deste tempo. 

Tan gravada a lume levamos aquela experiencia, que recoñecemos ao instante os esquemas e o vocabulario cos que se construíu aquela loita cidadá contra unha catástrofe ambiental multiplicada polo desleixo das autoridades estatal e autonómica do PP, e tamén algunha local do PSOE, que non quería arriscarse a deixar entrar no seu porto un petroleiro errante e ferido de morte. Foi co Prestige cando se acuñou ese confronto entre unha sorte de nimby (“not in my backyard”) gobernamental, negacionista dos problemas ambientais, e a reacción cidadá, tamén nimby, contra as deplorables consecuencias do primeiro. 

Trazo característico dos últimos anos é o surximento dun uso reaccionario e oportunista deses esquemas de mobilización social por parte da dereita. Uso cada vez máis intenso, pola confluencia de dous procesos: un estrutural (a proliferación de eventos catastróficos no actual contexto de colapso climático das nosas sociedades capitalistas), e outro superestrutural (a crecente agresividade da resposta populista reaccionaria no contexto da confrontación electoral propia das democracias liberais). 

En diversas ocasións recentes (crise dos pellets do Toconao en xaneiro do 2024, dana de Valencia de outubro de 2024, vaga de incendios durante agosto do 2025, incendios de 2026), pudemos xa contemplar como o Partido Popular reciclou o vocabulario do Prestige como unha arma máis da implacable mobilización social e política dirixida polas súas comunidades autónomas contra o goberno central liderado por Pedro Sánchez: falta de medios, incompetencia, desaparición do Estado, “el pueblo salva al pueblo”...Toda catástrofe é susceptible de virar oportunidade para o combate electoral polo favor Popular, sempre que se reciclen na “boa” dirección os materiais adecuados.

Ese instinto arácnido das mobilizacións sociais que nos deixou a catástrofe do Prestige é o que nos permite agora enxergar cunha particular perspectiva a construción política erguida a partir do 31 de xullo do 2026 en Ceuta, tras a tráxico cruce a nado da fronteira marítima hispano-marroquí por milleiros de persoas inmigrantes de diversa procedencia, idade e condición. Da igual que nese cruce fronteirizo masivo fose decisivas a xurisprudencia da STS de 29 de xuño do 2026 sobre as devolucións quentes en fronteira, as redes sociais, as mafias ou o oportunismo da monarquía marroquí: porque tanto o PP como Vox albiscaron inmediatamente o potencial de Ceuta para virar nunha especie de Prestige do goberno de Pedro Sánchez. 

Ceuta é, en efecto, a catástrofe perfecta para matar politicamente, por fin, a un goberno que se estima moribundo: unha catástrofe inmigratoria imprevista, que multiplicou por 9 as cifras da anterior entrada masiva (a do 17 de maio de 2021), e se produce no mes de agosto, cando todo o país (incluídos os funcionarios e os políticos) está de vacacións. Dúas circunstancias de cantidade e temporalidade que, de seu, ben poderían explicar os lentos ritmos da resposta pública, pero que máis ben explican que Ceuta se teña convertido nun plató do “pim pam pum” das dereitas para berrar unha octava máis alta todas as mensaxes xa ensaiadas durante o episodio de 2021.

Xa entón, PP e Vox coincidiron en abrazar a estratexia hipernacionalista de criminalización xenófoba (incluso terroristificación) dos inmigrantes e a súa expulsión inmediata e sen contemplacións (manu militari, a golpe de carro blindado o vaya usted a saber), como a única resposta pública posible para defender a soberanía territorial fronte ao efecto chamada. Agora, increméntase a tese do abandono de Ceuta polo Estado como unha conspiración de alta traición dirixida a entregala nas mans unha apocalipse zombi de yihadistas, violadores e portadores de enfermidades infecciosas...Os pobres parias africanos, convertidos no escuro obxecto de desexo dun pogromo do século XXI às portas do paraíso euroeo.

Estes discursos populistas de odio son xa abrazados sen pudor polo propio Partido Popular de Feijoo, até o punto de pedir devolucións colectivas en frío a todas luces ilegais, por moito que se empeñen en predicar o contrario mesmo desde Bruxelas. Segue en vigor a Directiva europea de retorno de 2008, á espera de que entre en vigor o novo regulamento europeo de retorno, actualmente en tramitación. Polo que respecta aos menores, hai un acordo bilateral específico que cumprir, so pena de incorrer en prevaricación. Aquí pode lerse a sentenza da Audiencia Provincial de Cádiz do 11 de setembro do 2025, que condenou a nove anos de inhabilitación especial para cargos públicos á exdelegada do Goberno en Ceuta e á exvicepresidenta primeria do Goberno da Cidade Autónoma por un delito de prevaricación administrativa en relación á repatriación de menores de idade a Marruecos tras a súa entrada en maio do 2021.

Así as cousas, a batalla político-mediática populista das dereitas continuará intensificándose, con continuas peticións de solucións tan drásticas como ilegais; denuncias de desaparición do Estado e, sobretodo, unha estigmatización permanente dos inmigrantes, destinada a fabricar xenofobia. Os efectos sobre a poboación ceutí xa se manifestan co seu rexeitamento á instalación das carpas de acollida temporal dos inmigrantes. Alentado polo populismo mediático, o nimby contra o inmigrante medra descontrolado como un incendio de sexta xeración. 

A resposta firme a estes esquemas de mobilización non é só prioridade do goberno e as forzas que o apoian. É tamén unha emerxencia social dos que sabemos que a barbarie xa está aquí, emprazándonos a loitar con todas as nosas capacidades en defensa dos dereitos humanos e a legalidade. Porque, malia a súa cor, os desherdados da terra nunca serán chapapote que haxa que mandar ao quinto pino. Sobretodo, porque do quinto pino, como ben sabemos, o chapapote sempre volve.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.