Fiscalía aclara a cifra de menores migrantes que evita revelar a Xunta e reclama protexelos

Caiuco con 133 persoas migrantes a bordo, entre elas 6 menores, asistido por Salvamento Marítimo preto de Canarias o pasado 4 de agosto © Salvamento Marítimo

A Fiscalía Superior explica que "na actualidade, 90 menores se atopan en Galicia tras os procesos de reubicación", todos agás un procedentes das Canarias. O total incrementouse en apenas unha vintena durante o verán

En 2025 a Xunta decidiu rachar o seu propio modelo de protección de menores, baseado durante décadas na integración: un sistema único con independencia da procedencia xeográfica ou problemática de orixe. Fíxoo separando os menores migrantes sen compaña familiar do resto do sistema alegando que lle era imposible atender na vía ordinaria os acollementos ordenados polo Goberno de España, que cifraba en 317 persoas menores de idade nun contexto de reiteradas advertencias de insuficiencia de fondos estatais para os atender.

Fronte a esa cifra xeral, nin a Consellería de Política Social nin ningún outro departamento do Goberno galego revelou cantos menores migrantes sen amparo familiar chegaron a Galicia por orde estatal para aliviar o colapso do sistema en Canarias ou Ceuta. Seguiu sen facelo cando, a pasada primavera, o BNG preguntou formalmente no Parlamento sobre a cifra de menores realmente acollidos e as condicións e recursos para facelo. Agora a Fiscalía Superior de Galicia vén de aclarar eses números.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o director xeral de Infancia, Jacobo Rey, o pasado xullo participando nunha conferenecia sectorial co Goberno de España sobre o acollemento a menores migrantes CC-BY-SA Xunta

Nestes primeiros días de setembro e nun contexto político marcado polas consecuencias da entrada masiva en Ceuta a finais de xullo, a Fiscalía galega fixo público que "na actualidade, 90 menores se atopan en Galicia tras os procesos de reubicación", situación que "está a esixir unha resposta coordinada por parte das distintas Administracións" e do propio Ministerio Público "co obxectivo prioritario de garantir a protección efectiva de cada neno, nena e adolescente". "Dos 90, 89 proceden de Canarias e un, de Ceuta", especifica.

A fiscalía galega resalta que ten en marcha actuacións para "asegurar que todos os menores reciban unha adecuada acollida e protección", incluíndo obter información sobre os recursos residenciais nos que se atopan

A información divulgada pola Fiscalía Superior é tamén significativa polo contexto que achega. A principios de xullo, especifica, ditou un decreto para abordar esta "situación extraordinaria" no que "recollía xa a chegada a Galicia de 71 menores procedentes de comunidades autónomas en situación de continxencia migratoria". Daquela, durante o verán o incremento de menores migrantes sen compaña familiar con acollemento en Galicia foi de apenas unha vintena e o total pola vía extraordinaria segue lonxe dos trescentos.

A fiscalía galega fai públicos os datos que a Xunta evita revelar no marco dunhas actuacións que, sinala, teñen como "finalidade asegurar que todos os menores reciban unha adecuada acollida e protección, que os seus dereitos sexan plenamente respectados e que exista un seguimento efectivo da súa situación durante todo o proceso". Neste sentido, explica, "solicitouse ás Fiscalías delegadas de Menores información sobre cuestións fundamentais" para "garantir" esa protección, entre as que figuran trámites de documentación "e procedementos para a obtención da autorización de residencia".

Fiscalía tamén reclamou información que atinxe directamente ao Goberno galego "sobre os menores procedentes de Canarias que se atopan en situación de acollida de protección internacional". Require saber, en concreto, "o recurso residencial no que foron incorporados, o número de tutela vixente e as actuacións realizadas", o cal depende de Política Social.

Datos demorados nun sistema colapsado

Os datos oficiais máis recentes de Política Social apuntaban a un total de 237 menores migrantes sen compaña familiar acollidos en Galicia dentro dun sistema de protección con todas as prazas cubertas, maioritariamente por nenas, nenos e adolescentes sen orixe migrante

Os datos de acollemento de menores migrantes que fornece a Fiscalía aclaran un cadro no que, como é obvio, Política Social dispón en tempo real dunhas cifras de protección de menores que revela parcialmente e con demora. Así, por exemplo, a principios de verán, a cifra máis recente divulgada pola Consellería referíase a 2022, con 177 menores migrantes sen amparo familiar con acollemento en Galicia.

Daquela, como informou Praza.gal, o IGE xa tiña avanzados os datos de 2023 e 2024, que durante o período estival a Consellería que dirixe Fabiola García si deu en publicar ao divulgar as edicións correspondentes a eses anos da Estatística de Protección de Menores. Confirmou así que, a 31 de decembro de ambos anos, as cifras de persoas menores de idade nestas circunstancias no noso país eran 152 e 237, respectivamente.

Aínda non é pública, por ningunha vía, a cifra oficial de 2025, á que se engadirían as agora reveladas pola Fiscalía. En calquera caso, o total seguiría lonxe do apuntado en diversas declaracións da Xunta e os menores migrantes seguirían sendo unha parte relativamente pequena do total de nenas, nenos e adolescentes no sistema de protección. Só en centros residenciais esa cifra ascendía en 2024 a 868, tantas como prazas dispoñibles, evidenciando o "colapso" admitido pola propia Consellería tras múltiplas advertencias de entidades sociais expertas na atención á infancia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.