A visita do papa conclúe cunha emenda total á discriminación dos migrantes

O papa León XIV, en Arguineguín (Gran Canaria), durante o seu encontro con migrantes © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa

Blessing naceu en Nixeria, nunha familia pobre na que convivía cos seu sete irmáns. Aos 14 anos estaba soa. E aos 22 decidiu tratar de chegar a Europa, deixando atrás os seus fillos de catro e dous anos. Quería ir a outro continente para gañar diñeiro e darlles a vida que ela non puido ter. Daquela quedou nas mans da mafia cunha débeda de 25.000 euros. Esperou meses encerrada, sen poder bañarse. E viu como outras persoas saían antes que ela nunha patera e morrían no mar.

O pontífice fai, durante a súa parada final nas Canarias, unha proclama a prol da solidariedade e da integración das persoas migrantes

Pero ela decidiu tamén arriscarse. A súa patera si chegou á beira en Canarias. Pero alí quitáronlle ao seu bebé de once meses, froito dunha violación dun dos homes da mafia que trafica cos migrantes. Obrigárona a prostituírse para devolver ese diñeiro.

A historia de Blessing rompe calquera corazón. Hoxe non pode mostrar o seu rostro porque está protexida pola Policía ante as ameazas deses mafiosos. Pero o seu testemuño foi lido por outra persoa durante o acto do papa León XIV no porto de Arguineguín, en Gran Canaria, por razóns de seguridade.  

O papa León XIV escoita o testemuño dunha muller migrante en Canarias, este 11 de xuño de 2026 © Cabildo Gran Canaria

A mensaxe máis potente do papa

Despois dos fastos en Madrid e Barcelona, Canarias é a verdadeira mensaxe do papa en España. Unha mensaxe de solidariedade e de integración dos migrantes, cun alto calado simbólico e político nunha Europa dominada en certa medida polos partidos ultras e polos postulados xenófobos, que compraron a maioría dos partidos conservadores no continente.

"Non podemos afacernos a contar mortos. A dignidade humana non ten pasaporte nin perde valor ao cruzar unha fronteira", proclamou León XIV no peirao ao que levan chegado milleiros de persoas en precarias embarcacións

É unha mensaxe do papa a todo o continente europeo desde Canarias, epicentro da ruta máis perigosa dos migrantes polo mar. Un berro que, ademais, se produce desde España nun momento no que o Partido Popular e Vox protagonizan pactos de investidura e de orzamentos baixo o concepto de "prioridade nacional" en comunidades como Estremadura, Castela e León, Aragón e a Comunitat Valenciana.

"Non podemos afacernos a contar mortos. A dignidade humana non ten pasaporte nin perde valor ao cruzar unha fronteira", dixo o pontífice desde o porto de Arguineguín, coñecido como o "peirao da vergoña" despois de que en 2020, en plena pandemia, chegasen a acumularse alí máis de dous mil migrantes chegados en pateras e caiucos desde as costas africanas.

Detalle dunha cruz construída con restos dunha embarcación de persoas migrantes, durante a visita do papa a Canarias © Cabildo de Gran Canaria

Outra das súas ideas pasa por este enunciado: "Queridos migrantes: antes de dicirlles calquera outra palabra, quero inclinarme ante a súa dignidade. Non son números nin expedientes. Vostedes son persoas cunha familia e unha casa deixada atrás; con soños que ninguén ten dereito a desprezar". Unha frase que choca de cheo co tratamento das dereitas sobre as persoas migrantes e o seu intento de desposuílas de humanidade con expresións como "menas" para referirse aos menores migrantes non acompañados.

"A dor na costa"

"Que a historia non teña que acusarnos de converter a dor dos que sofren en paisaxe habitual das nosas costas", resaltou en plena cruzada da extrema dereita contra organizacións como Cáritas

O discurso do papa pasa, nestas horas da súa visita a Canarias, por pór o foco tamén naqueles que queren afastar a ollada da realidade e negar axuda ás persoas que cruzan o mar. As súas palabras remarcan a necesidade de que todo o mundo se envorque nesta misión: "Grazas de corazón a cantos se suman aos rescates, á acollida e ao acompañamento, dando testemuño de que a misericordia concreta pode salvar e cambiar vidas. A acollida do migrante non pode ser algo secundario nin estar delegada unicamente a algúns voluntarios.".

Con esta filosofía: "Que a historia non teña que acusarnos de converter a dor dos que sofren en paisaxe habitual das nosas costas. Porque hoxe, aquí, xunto ao mar, cada vida que chega pregúntanos que queda da nosa humanidade. Tarde ou cedo, saberase se soubemos custodiala ou se deixamos que a indiferenza falase por nós".

A visita do papa tamén puxo no centro o labor de Cáritas. Xa en Madrid visitou un centro desta institución no barrio de Lucero, mentres que no arquipélago estivo xunto a persoal e voluntariado. Todo iso nun momento no que Vox aperta as súas críticas a esta organización, á que acusa mesmo de facer negocio coa migración e á que trata de retirar axudas. Por iso, a mensaxe de León XIV é moi potente neste sentido contra a ultradereita.

Pedro Sánchez, recibindo o papa León XIV no peirao canario ao que chegan milleiros de persoas migrantes, este 11 de xuño de 2026 © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa

Así mesmo, o pontífice incide nestes postulados de acollida nun momento no que o debate en España está marcado en boa parte pola regularización de migrantes que leva a cabo o Goberno e que pode legalizar a máis de 500.000 persoas que xa traballan en España. Este proceso está a ser utilizado polo PP e Vox para cultivar o seu discurso xenófobo, alimentándoo para aumentar en intención de voto como sucedeu noutros países como Francia e Italia.

Unha mensaxe con eco alén de España

Así mesmo, o racismo e o discurso contra a migración seguen expandíndose a toda velocidade por Europa. A tensión apoderouse de Irlanda do Norte, onde se viviron xa varias xornadas de disturbios racistas tras unha agresión atribuída a un home sudanés en Belfast. Grupos de extrema dereita están a alentar os cidadáns a cometer agresións violentas contra a comunidade migrante.

Nun momento de expansión das mensaxes xenófobas polo continente, o Goberno de España interpreta as palabras de León XIV como un apoio á súa política migratoria

Desde o Goberno de España dáse moita importancia ás palabras do papa León XIV e mesmo en Moncloa cualifícanas de apoio á súa política migratoria, que vai en dirección contraria á maioría do continente e de países como Estados Unidos, onde Donald Trump instaurou un réxime de terror entre os migrantes coa policía paramilitar do ICE.

O Executivo, nun momento moi complicado da lexislatura pola imputación de José Luís Rodríguez Zapatero e a investigación do caso Leire Díez, busca reivindicar a súa política migratoria e retratar a hipocrisía das dereitas. Ese espírito verbalizouno a voceira e ministra de Inclusión, Elma Saiz: "O outro día vimos como a bancada do PP e de Vox no Congreso aplaudía o discurso de León XIV. Os aplausos non transforman vidas, o que transforma son as leis xustas que pon no centro ás persoas. E o PP e Vox, coa súa prioridade nacional, están en contra, así que desde logo preocúpame". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.