O papa defende no Congreso a pluralidade e a paz e oponse á eutanasia e o aborto

O papa ante as Cortes Xerais no Congreso dos Deputados © Vatican Media

León XIV di que a Igrexa "recoñece a autonomía das comunidades terreas e a distinción entre comunidade eclesial e comunidade política" e cre que ambas poden coincidir na prioridade da "dignidade inviolable de cada persoa"

O papa León XIV pronunciou este luns como xefe de Estado un discurso no Congreso ante as Cortes Xerais. Nel, partindo do recoñecemento da autonomía do poder civil a respecto da relixión, considerou que ambos poden coincidir na prioridade da "dignidade inviolable de cada persoa" como punto de partida para as súas respectivas decisións. 

Nesa liña, defendeu a pluralidade e a paz. E rexeitou o aborto e a eutanasia dicindo que "toda vida humana debe ser recoñecida e custodiada desde a súa concepción ata o seu ocaso natural".

O papa ante as Cortes Xerais no Congreso dos Deputados © Vatican Media

O papa comezou a súa intervención recoñecendo "a autonomía das comunidades terreas e a distinción entre comunidade eclesial e comunidade política". Pero segundo dixo "toda tarefa lexislativa remata atopándose cunha pregunta decisiva, que concepción da persoa humana inspira as leis e que tipo de sociedade constrúen esas leis". Para iso apelou a defender a "dignidade inviolable de cada persoa" como idea que "precede ao Estado" e a partir da que pediu "que a dignidade, a xustiza e o ben común sexan a medida das relacións sociais". 

León XIV rexeitou "deixar na sombra ao neno aínda non nacido, ao ancián, ao enfermo, ao que depende dos demais" e dixo que "toda vida humana debe ser recoñecida e custodiada desde a súa concepción ata o seu ocaso natural". Tamén apelou á a dar "especial importancia á familia" e defendeu o "dereito dos pais a elixir o tipo de educación" dos seus fillo, en aberta referencia ao ensino da relixión. 

Sobre as migracións, o papa dixo que é un "drama" que "interpela a conciencia das nacións" e que "ningunha nación pode afrontar soa", para o que pediu unha "resposta coordinada". Tamén pediu unha reflexión internacional sobre a paz e amosou a súa preocupación por "que en Europa volva presentarse o rearme" como unha solución. Por iso, pediu "respecto ao dereito internacional" e dixo que "a vida dos pobos está por riba dos intereses que se benefician da guerra".

O papa no Congreso dos Deputados © Vatican Media

"Quen exerce unha responsabilidade pública ten unha responsabilidade", di o papa, xa que "a discrepancia non supón humillación"

Nesa defensa da paz, o papa apelou a que se teña en conta tamén na linguaxe. "Quen exerce unha responsabilidade pública ten unha responsabilidade" con evitar a agresividade, dixo, xa que "a discrepancia non supón humillación". 

A intervención do papa foi seguida de varios minutos de aplausos por parte do hemiciclo do Congreso, composto este luns por deputados e senadores entre os que non estaban representantes do BNG e Podemos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.