Radiografía do electorado católico: do PP, co voto decidido antes da campaña e criado en galego

Procesión da Virxe das Dores en Lugo, o 24 de marzo de 2024, e gráfico de recordo de voto nas eleccións galegas segundo a relixiosidade das persoas entrevistadas CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Lugo | Montaxe: Praza.gal

Estamos na Semana Santa. É un dos períodos do ano máis importantes para as persoas que profesan a fe católica. Son días nos que se conmemora a paixón e morte de Xesucristo, días de recollemento e oración para esta parte da poboación, que culmina coa celebración máis relevante do seu calendario litúrxico, a Pascua de Resurrección.

Entre o electorado que se define como "católico practicante" o dominio do PP foi moito máis esmagador o 18F que no total xeral. As preferencias políticas entre o "católico non practicante" son moito máis semellantes ás do conxunto da poboación, segundo o inquérito postelectoral do CIS

É habitual que nestes días rexurda a cuestión das ligazóns entre Igrexa católica e poder civil e político. Unha mestura que en Semana Santa adoita concretarse na presenza de dirixentes gobernamentais de diferentes niveis en actos litúrxicos como as procesións non como cidadás e cidadáns a título individual, senón exercendo o cargo público. 

O debate abre un oco para preguntarse pola posición política da poboación católica, aspecto do que en Galicia contamos con datos recentes a través da enquisa postelectoral do CIS sobre as eleccións galegas do pasado 18 de febreiro. A partir deses datos procuraremos trazar un retrato robot político do electorado católico galego.

Atendendo aos resultados dese inquérito, entre o electorado que se declara católico practicante (un 23,3% do total) o dominio do PP foi o pasado 18F moito máis esmagador que entre o conxunto da poboación xeral, con case un 60% de apoio. A segunda forza entre este sector do electorado sería o PSdeG, con pouco máis do 9%, e a continuación estaría o BNG, con apenas o 8%.

Os niveis de voto xa se aproximan máis ao resultado real das eleccións entre a poboación que di ser católica non practicante (o 36,2%, segundo o CIS). O PP tamén se impón, pero con algo menos do 39%, o BNG é xa segunda forza -como entre o total da poboación-, cun 21% de apoio, e o terceiro posto para o PSdeG, co 13%. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a esquerda domina con claridade entre o electorado que di ser agnóstico (9,7% do total, segundo o CIS), "non crente" (12,5%) ou ateo (15,1%).

Voto decidido de antemán e escorado á dereita

Esa cuarta parte do electorado galego que a enquisa postelectoral do CIS reflicte como "católico practicante" é tamén o sector que, nunha maior porcentaxe, tiña decidido o seu voto antes da campaña electoral. Así o afirma case o 75% das respostas na enquisa entre estas persoas, mentres que a decisión do voto na recta final da campaña electoral se produciu en menos dun 8% dos casos. 

Mentres, entre o electorado que se declara agnóstico a decisión do voto na semana final da campaña atinxiu ata o 15%, un nivel semellante entre o electorado "indiferente, non crente". Tamén roldan o 15% as respostas entre o electorado que responde que profesa "outra relixión", que non obstante ten un peso residual entre o conxunto da poboación (o 1,4%, segundo o CIS).

Escala ideolóxica e lingua materna

Unha cuarta parte do electorado "católico practicante" sitúase no extremo dereito da escala ideolóxica. Un terzo do "católico non practicante" defínese en posicións de esquerdas

Alén do sentido do voto nas eleccións galegas, a enquisa postelectoral do CIS tamén traza un retrato ideolóxico do electorado en función da súa relixiosidade e vén ratificar que ese 23% que di ser "católico prácticante" é tamén a parte que se recoñece como máis de dereitas. Non en van, algo máis do 55% se sitúa a si mesmo nas partes máis á dereita da escala ideolóxica (considerando un 1 como "extrema esquerda" e un 10 como "extrema dereita") e algo máis dunha cuarta parte, no extremo dese espectro. Pola contra, apenas un 16% se sente cómodo en posicións de esquerdas.

Como no sentido do voto, as cifras son máis equilibradas entre a poboación que di ser "católica non practicante". As posicións de dereitas supoñen un 37,8% do total, coas de extrema dereita caendo por baixo do 10%. As de esquerdas, mentres, quedan na contorna do 33%, e o electorado que se ve a si mesmo nunha postura de centro acada case unha cuarta parte do total. Como reflicte o gráfico sobre estas liñas, o electorado ateo, non crente ou agnóstico declárase como maioritariamente de esquerdas.

O galego ten máis peso como lingua materna entre o electorado "católico practicante"

O CIS pregunta tamén por outros aspectos sociais e económicos do electorado, caso da súa lingua materna, variable que tamén é posible cruzar coas respostas sobre relixiosidade. Atendendo ao inquérito, é no electorado católico practicante entre o que ten un maior peso a poboación que tivo como lingua materna o galego, con case o 42%, máis que a media do electorado, na que o galego é a primeira opción co 38,3%. A continuación estaría o electorado que se define como non crente (39,1%) e o católico non practicante, con máis do 37%.

Mentres, o castelán (25,1% no total da poboación, di o CIS) é a lingua materna dominante entre quen profesa "outra relixión" (cun peso poboacional moi reducido, de apenas o 1%). Séguea o electorado agnóstico, cun 28% que di ter o castelán como lingua materna, e o ateo, con algo menos dun 26%. Con menores porcentaxes está o electorado católico practicante e non practicante, ambos con menos dunha cuarta parte que di ter o castelán como lingua materna.

No referido á persoas que din ter "ambas" linguas oficiais como "maternas", o cruzamento por relixiosidade non amosa diferenzas moi significativas a respecto do dato medio xeral, situado no 35,7%. Sobe lixeiramente por riba o electorado católico non practicante, con algo máis do 38%, e baixa un chisco o católico practicante, co 33,5%. Cae moi notablemente o electorado que profesa "outra relixión", ata o 17,5%, se ben como xa foi mencionado, o seu peso poboacional é moi limitado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.