Pilar Farjas, ex-conselleira de Sanidade, é directora de Cáritas Santiago, que está a impulsar diversos proxectos de inserción laboral. "A economía social dá un plus de integración e comunidade que non dá o mercado", di.
Pilar Farjas (Samper de Calanda, Teruel, 1959), médica, foi directora xeral de Saúde Pública con Fraga, directora da Axencia Española de Seguridade Alimentaria con Aznar, concelleira na Coruña, conselleira de Sanidade con Feijóo e secretaria xeral de Sanidade con Rajoy. Xubilada en 2019, desde 2023 é directora de Cáritas Diocesana de Santiago tras selo de Cáritas Interparroquial da Coruña, cargos que por incompatibilidade a obrigaron a deixar o PP.
A organización da Igrexa para a caridade, con estrutura en 300 parroquias da diocese de Santiago, a maior de Galicia, vén desenvolvendo unha relevante acción social e de denuncia, con 2.800 voluntarios, un cento de traballadores, 627 insercións laborais só no último ano na área de Santiago e con novos e diversos proxectos de integración de colectivos desfavorecidos.
Leva tres anos como directora de Cáritas en Santiago, período no que veñen de poñerse en marcha importantes proxectos como un centro de tratamento téxtil con Inditex e a Xunta para revolucionar a doazón e recollida de roupa que xa se viña facendo a través do proxecto Arroupa. Ou a empresa Arredonda para a inserción social en traballos de roza e mantemento de parcelas. Que novidades achegan ou que necesidades cobren que ata agora non tiñan resposta?
"Ter un traballo cun contrato digno é unha garantía de integración social, por iso a aposta de Cáritas pola inserción sociolaboral"
Cáritas Española, con máis de 78 anos na actividade social, ou Cáritas Santiago, con 60 anos, sempre foi adaptando a súa acción á realidade das necesidades das persoas e as familias de cada contorna social. É evidente que o emprego neste momento, ter un traballo cun contrato digno, non é soamente unha garantía de estabilidade económica senón que é unha garantía de integración social. Por iso a aposta tan decidida que está facendo o conxunto de Cáritas polo emprego. Todos os participantes de Cáritas o criterio fundamental é que son persoas que están en riscou ou en situación de exclusión, que é máis que a pobreza. Por tanto a aposta polas empresas de inserción, pola formación e integración sociolaboral, é o elemento identificador. Por iso Cáritas Española ten a cooperativa máis importante de xestión do residuo téxtil, Moda re, que recolle a experiencia de xestión e de atención social da entrega social de roupa e foino convertendo nos últimos anos nun proxecto económico. Xestiona máis do 50% do residuo téxtil e ten máis de 2.000 traballadores en inserción, ademais do cadro de persoal fixo. Así naceu Arropua hai dez anos, agora nun momento de impulso porque coa nova planta pasamos a un nivel maior de compromiso social. Ou coa creación de novas empresas de inserción en sectores onde se une a demanda de inserción soiolaboral cunha necesidade social.
Tanto Arroupa como Arredonda teñen un compromiso claro coa nosa contorna, coa nosa cultura, coas nosas comunidades. Non é soamente a parte económica de buscar inserción sociolaboral, senón que son ámbitos nos que hai un compromiso social coas comunidades, co noso medio. Xa o papa Francisco puxo o foco na denuncia e a necesidade de que as nosas decisións cotiás non perdan de perspectiva que o noso planeta é parte nosa. Pois se traduce en dous proxectos de xestión de residuo téxtil e de limpeza de leiras, fundamental na prevención de incendios, no mantemento da nosa contorna.
Teme que iniciativas como Arroupa ou Arredonda acaben véndose afectadas pola competencia empresarial se esta percibe que Cáritas atopou un nicho de mercado non explotado?
"Cáritas e a economía social dan un plus de integración e de comunidade que non o dá o mercado laboral, e pedimos ás administracións que se preserve"
É a realidade do mercado e é bo que haxa iniciativas mercantís en distintos ámbitos. A competencia non é o noso problema. A demanda que fai permanentemente Cáritas é que haxa políticas públicas que protexan a preservación da economía social naqueles ámbitos onde engade un plus á economía mercantil pura e dura. O plus da integración social, da preservación das comunidades rurais, da vida comunitaria. Este plus non o dá o mercado laboral, non o aporta a economía porque as regras de xogo son outras. A confrontación non é da economía de mercado e a economía social. O esforzo que fan as entidades da economía social, a chamada a todos os poderes públicos da administración local, autonómica, nacional e europea, é que nós engadimos un plus, que é a garantía de permanencia e protección das comunidades máis pequenas ou daquelas persoas que precisan dun acompañamento para a súa integración no mercado laboral.
Estas iniciativas coinciden no tempo coa chegada en 2023 tanto de vostede á dirección de Cáritas como de Francisco Prieto como arcebispo de Santiago. Que responsabilidade ten cada un?
O arcebispo é o presidente de Cáritas. Evidentemente a Igrexa ten moi clara a importancia, como axente transformador cara á xustiza social, da dignidade das persoas alí onde actúa. Vémolo tamén na última encíclica do papa. E don Francisco, o noso arcebispo, desde o primeiro momento tamén o tivo moi claro. Esa parte de liderado do pastor xa se viu cando constituíu os órganos de dirección da diocese e creou unha comisión de economía social. Ademais é o presidente de Cáritas e é o que marca o ritmo e a formulación do esforzo. A dirección de Cáritas é unha dirección operativa, é levar á práctica as iniciativas dentro da organización que respondan a eses principios reitores de transformación social, de apoio á integración sociolaboral, de coidado da dignidade das persoas.
Algún proxecto novo semellante de futuro? En cal das moitas áreas de necesidade da cidadanía considera que hai máis marxe para a actuación de Cáritas?
"A falta de vínculos dalgúns colectivos se está convertendo nun factor que desencadea situacións de exclusión ou pobreza"
O informe Foessa [sobre a realidade social e condicións de vida] sempre é para nós a lanterna que alumea os puntos de referencia, onde temos que facer o máximo esforzo. En Galicia pon claro que neste momento son a precariedade na contorna laboral, a vivenda como factor máis importante asociado á exclusión, e sempre o mantemento das necesidades básicas, a renda de integración, sexa Risga ou Ingreso Mínimo Vital, o apoio á cobertura de necesidades básicas. E despois tamén a integración, os vínculos sociais, e aparece cada vez con máis evidencia o problema da saúde mental, da estabilidade psicoafectiva, que está repercutindo con especial gravidade en persoas que están nunha estabilidade moi precaria. Na sociedade española, e moi especialmente na galega, onde a familia sempre tivo un papel de protección, se está perdendo ese papel de protección. Aparecen colectivos, inmigración, familias monoparentais, maiores sós, nos que a falta de vínculos se está convertendo nun factor que desencadea situacións de exclusión ou pobreza.
Nesa liña o arcebispo Prieto di que Cáritas debe manter a súa dobre función asistencial e de denuncia, e esa denuncia evidénciase especialmente neses informes anuais coa Fundación Foessa dos que fala vostede, que veñen sinalando que en Galicia non estamos tan mal como noutros lugares pero que hai problemas cronificados. Por que hai pobreza en Galicia e cal é a peculiaridade da pobreza en Galicia?
"Diminúe a pobreza pero tamén a integración social porque aumenta a precariedade"
O informe Foessa fala claramente da diminución da pobreza en Galicia, é unha das comunidades con menor porcentaxe de pobreza. Pero cando falamos de exclusión hai máis factores. O máis destacado do último informe é o aumento importante das persoas en situación de integración precaria. O risco. Diminuímos a pobreza, tanto a extrema como a menor, pero tamén diminuíu a integración total. A precariedade laboral, a política fiscal, o problema da vivenda, pon o foco nas familias, no estrato de familias normais integradas pero con contratos de xornada incompleta, con pluriemprego. Estase creando un estrato de poboación, o 43%, que está en situación de precariedade, de risco, e está vindo a demandar apoio, porque non chegan a fin de mes. E a inmigración chega como revulsivo nestes estratos, porque as familias inmigrantes teñen 5,5 veces máis probabilidade de estar en situación de exclusión. Por iso a denuncia das macropolíticas. Estase poñendo en evidencia a ausencia nos últimos dez anos dunha política de vivenda, dirixida non a vivenda de protección senón a vivenda social, porque as familias coas que traballamos nunca van poder mercar unha vivenda. Non vemos unha aposta clara por ese 25% da poboación que xa si está en pobreza. A falta de alugueiro neste momento é un problema moi grave. Nós temos 230 prazas nas nosas 43 vivendas e neste momento máis dun terzo das persoas levan máis de seis meses, un ano, que poderían estar xa nunha vivenda normalizada pero non a atopan. Co que ademais nos bloquean esas vivendas de integración. Hai unha falta de resposta pública.
E iso non é unha pescada que morde a cola? Como hai carencias, vostedes actúan. Pero como vostedes actúan, poden estar facendo que as administracións aforren actuar elas creando as súas propias estruturas? A caridade de Cáritas dificulta a xustiza social?
"Somos grandes aliados das administracións pero sempre temos ese compoñente de incómodos, apoiamos pero denunciamos"
Aí está o papel da denuncia. Cáritas nunca deixará de atender a unha persoa, nunca deixaremos de estar aí porque a necesidade básica hai que atendela, ese é o noso papel fundamental. Por iso os informes Foessa e a nosa presenza pública de denuncia. Temos unha excelente colaboración con todas as administracións, de todas as cores, e apoiamos as iniciativas que resolven problemas. Pero sempre somos incómodos. Porque non deixaremos nunca de denunciar as situacións. Pero é que Cáritas é imprescindible, a estabilidade social, a calidade de vida cidadá, a dá en todos os nosos concellos a garantía de que ninguén estea na rúa tirado. É un tema de dignidade social, non xa de dignidade persoal. O traballo que fai Cáritas con cada persoa está dotando de dignidade á comunidade na que traballa. Somos grandes aliados pero é verdade que sempre temos ese compoñente de incómodos, e nunca deixaremos esa ambivalencia, somos unha moeda de dúas caras, agradecemos, apoiamos, impulsamos, pero denunciamos, reclamamos.
Cáritas funciona combinando a profesionalización co voluntariado. Vostede mesma era voluntaria desde hai moitos anos. Segue sendo sostible ese modelo? Hai quen di que as novas xeracións son máis individualistas.
"Non é verdade que os mozos sexan menos solidarios, muda a forma de participación e temos que adaptarnos"
A min paréceme un modelo dunha gran importancia e rendibilidade social. E non falo de cartos senón de cohesión social. O voluntariado é unha vía de cohesión social, fas partícipes ás persoas en proxectos sociais. Cáritas é unha entidade de voluntariado e por iso sempre a súa preeminencia, con 2.800 voluntarios fronte a cen traballadores en Cáritas Diocesana de Santiago. Nós non somos unha empresa de acción social, somos unha entidade de voluntariado, unha contorna que evoluciona, que viña da Igrexa e que cada vez traballa máis coas universidades, cos centros educativos, coas asociacións xuvenís, porque mudou a contorna. Temos que seguir brindando contornas de integración e participación social á mocidade. E non é verdade que os mozos sexan menos solidarios, muda a forma de participación e temos que adaptarnos. O voluntariado ten que adaptarse aos ciclos formativos, non podes esixir as actividades sen ter en conta os momentos de estrés, de estudos. Mudamos os estatutos e xa recollemos o voluntariado temporal ou o voluntariado Erasmus con mozos que veñen de Europa.
Vostede foi política. Que pensa cando le ou escoita declaracións políticas contra os pobres ou os migrantes?
"As declaracións políticas contra pobres ou migrantes son descoñecemento, distancia á realidade"
Creo que non coñecen. Entendo que é a distancia á realidade, pero neste tema ou en calquera outro. Eu lembro sendo conselleira que dicía aos meus xerentes que en cada decisión mirasen á cara das persoas que se ían beneficiar, e se non atopas unha cara que se vai beneficiar, esa medida non vale. A medida da eficacia de todas as decisións públicas ten que ter nomes e apelidos das persoas ás que se van dirixir. A realidade da migración en España responde a unha ausencia de políticas migratorias durante moitos anos, moi en especial os dez últimos, con políticas de portas semi abertas. É ilegal pero poden entrar, e isto o que fai é xerar un problema social. Estamos agora buscando solucións. Non podes abrir unha porta para deixalos en situación de ilegalidade. Ou tes política de inserción sociolaboral e familiar inmediata ou creas unha bolsa. Cando coñeces ás persoas coñeces realmente cales son as solucións que hai que brindar e a maioría das familias e as persoas coas que traballamos, en prazos curtos de tempo, se temos mecanismos para regularizar, veñen buscando unha integración social e laboral. Despois está que a falta dunha política migratoria induciu mafias nos países de orixe. E non están en África, están en Latinoamérica. Isto é política internacional, son acordos internacionais que teñen que ir dirixidos aí. Hai mafias que están metendo en situacións de trata a familias que nós estamos acollendo. A falta de orde o que crea é situacións de abuso.
Critica esa falta de políticas previas. Agora hai unha regularización extraordinaria que Cáritas apoia...
...Cáritas apoia, demandouna e impúlsaa...
...como sente que o PP estea en contra?
"Cáritas demandou a regularización de migrantes, pero critica que se faga á marxe do Parlamento"
Eu non son xa do PP. Un dos requisitos para as direccións de Cáritas é a non vinculación a ningún grupo político. Outra cousa é que eu, como calquera cidadán, teño a miña idea, iso non o dubido nin o negarei, ao contrario, creo que é bo que todos teñamos clara a identidade das políticas que apoiamos. Pero o PP foi dos impulsores da iniciativa lexislativa, que tivo apoio masivo. O que está en contra é da estratexia que este goberno decidiu a través dun real decreto lei que elude a visualización da vontade popular, que está no Parlamento, onde teñen que debaterse e aprobarse as normas. Iso é o que é de escándalo. Son coñecedora clarisimamente de cal é o noso marco normativo. Isto é un escándalo. É inutilizar a función do Parlamento. Daquela diferenciemos. Cáritas tiña moi claro, como moitas organizacións da Igrexa, que non podiamos manter esta situación, centos de miles de cidadáns, de persoas en absoluta precariedade. Pero Cáritas tamén critica, na vida hai que xogar coas cartas boca arriba. Despois o debate político, cada un na contorna que lle corresponde.
Cáritas vén de poñer en marcha cursos de lingua e cultura galega para integración de migrantes. Que necesidades percibían nese eido?
"A lingua é o elemento fundamental de integración"
Xa os estabamos facendo. O que xurde agora é un convenio coa Consellería de Educación, que entenderon que as persoas irregulares tamén necesitan apoio, e a lingua é o elemento fundamental de integración. E non soamente de galego, senón de cultura, porque é unha potente forma de integración. Explicar a celebración do entroido, a súa gastronomía, por que se celebra. En cada momento festivo, no San Xoán, no magosto, levamos persoas maiores que lles explican. Xa o faciamos co noso orzamento e agora coa administración supón un plus con máis requisitos de monitores, metodoloxía, manuais didácticos. Máis calidade.
O papa León XIV fai unha viaxe oficial en España moi centrada na pobreza e as migracións, temas de especial preocupación tamén para o papa Franciso. Vendo as mensaxes e políticas de egoísmo e ultranacionalismo que están a impoñerse na política internacional, os papas van converterse nos novos anti-sistema?
Estou lendo a última encíclica. É moi interesante ver como a través das encíclicas a Igrexa soubo en cada momento posicionarse na problemática social e política, chamando a atención de onde se nos esixe unha participación activa para traballar pola dignidade da persoa e a xustiza social. Vímolo desde a revolución industrial, co papa Francisco na implicación ecolóxica, cunha ecoloxía que dea preeminencia ás persoas, e agora León XIV, cun gran coñecemento que xa tiña das contornas sociais, con esta chamada de atención á revolución tecnolóxica, de empezar a traballar cunha perspectiva de protección das persoas, das familias e das comunidades. Non é antisistema, é que sempre foi así, o Vaticano II xa foi un antes e un despois, a doutrina social da Igrexa co foco nas comunidades. E agora necesitamos traballar como integramos as novas tecnoloxías na vida de maneira que non se destrúa a persoa, que estean ao servizo das persoas e das comunidades e non ao revés.
Como valora o seu propio traballo? Que Pilar Farjas é ou foi máis efectiva? A directora de Cáritas, a directora xeral de Saúde Pública, a da Axencia de Seguridade Alimentaria, a conselleira de Sanidade ou a secretaria xeral de Sanidade?
"Cada persoa somos en realidade axentes de transformación social, cada un no momento e lugar que pode"
Por impacto, desde logo, na Secretaría Xeral [do Ministerio] de Sanidad, con medidas lexislativas como máis de 2.000 millóns de euros de redución da factura farmacéutica, 2.000 millóns menos de beneficio das industrias farmacéuticas. Desde a perspectiva profesional, o tempo máis valioso para min foi o da Dirección Xeral de Saúde Pública [da Xunta], pola compoñente de coñecemento como preventivista, coas campañas de vacinación, a da meninxite, na que en cuestión de días se vían os efectos con menos nenos hospitalizados. Houbo a reordenación de toda a inspección veterinaria e a entrada da industria alimentaria na normativa europea. Foron anos dun cambio radical. Canto a implicación con Galicia, o tempo da consellería deixoume un poso moi positivo, que me devolve a sociedade galega. Case non hai un día que algunha persoa non teña un xesto de afecto, que me recoñeza. E en Cáritas empecei aos 18 anos en Zaragoza, con trinta e tantos anos de voluntaria, e agora en dirección. Cada persoa somos en realidade axentes de transformación social, cada un no momento e lugar que pode. Pero non deixei nunca de estar comprometida coa miña Igrexa e coa miña comunidade parroquial e con Cáritas. Agora é desde a dirección mentres poida e me queiran. Así resumiría a miña vida profesional.