A vivenda afonda na exclusión social, que ameaza case a metade da poboación en Galicia

Unha parella paseando por Santiago de Compostela CC-BY-SA Xunta

A exclusión social en Galicia afecta menos persoas que hai uns anos, pero cada vez hai máis con risco de caer nela a pouco que lle vaian mal as cousas, co prezo da vivenda e a dificultade ao seu acceso como factor clave. Ese é unha das principais conclusións que ofrece o IX Informe sobre exclusión e desenvolvemento social en Galicia, presentado este mércores pola Fundación Foessa xunto a Cáritas. 

A exclusión social reduciuse do 16,8% de 2018 ao 12,7% de 2024, pero a exclusión severa mantívose, afectando unhas 170.000 persoas

Baseado nunha enquisa sobre integración e necesidades sociais con entrevistas en profundidade a case 600 fogares en Galicia, o estudo reflicte "unha realidade complexa e paradoxal". Así, os datos indican que entre 2018 e 2024 a exclusión social no país reduciuse do 16,8% ao 12,7%, afectando unhas 342.000 persoas. No entanto, como destacan os autores, o descenso explícase case exclusivamente pola redución da exclusión moderada e non da severa, que segue a afectar preto de 170.000 persoas e un 6,3% da poboación. 

Presentación do informe Foessa en Santiago CC-BY-SA Mónica Arcay / Xunta

Ademais, o informe destaca que "o espazo da integración amosa unha deterioración significativa", ao reducirse a integración plena en 8,6 puntos e medrar a precaria do 31,1% ao 43,8%. Xa que logo, "case a metade da poboación vive nun equilibrio inestable", onde "calquera crise pode empurrala rapidamente cara a exclusión severa", como destaca Thomas Ubrich, coordinador técnico do estudo, que destaca que cada vez máis persoas non están formalmente excluídas pero viven nunha situación de "vulnerabilidade constante". 

A integración precaria medra e afecta o 44% da poboación galega, que vive "nun equilibrio inestable": "Calquera crise pode empurrala á exclusión severa"

"Estamos ante unha sociedade menos excluída en termos estritos, pero moito máis fráxil", resume Ubrich, que advirte dunha precariedade xa non transitoria senón "estrutural" do modelo social, afectando traballadores con emprego, fogares con ingresos axustados, persoas maiores e familias con maiores. Incluíndo, en definitiva, colectivos que ata hai pouco parecían relativamente protexidos. 

"A exclusión xa non está nas marxes, estase a desprazar cara ao centro da sociedade", insistiu Ubrich, que advertiu da vivenda como un dos factores esenciais que explican esta situación. 

Segundo os datos do estudo, o 26% dos fogares galegos presenta algún indicador de exclusión residencial e máis de 78.000 (o 7%) soportan gastos excesivos de vivenda que os sitúan por baixo do limiar da pobreza severa logo de pagar o alugueiro ou a hipoteca. Ademais, arredor de 160.000 persoas viven en situación de vivenda insegura e preto de 170.000 en condicións de insalubridade, masificación ou mala habitabilidade

"A vivenda deixou de actuar como un factor de protección e converteuse nun colo de botella para a integración social"

A clave, segundo o informe, é que entre 2018 e 2024 o prezo da vivenda aumentou un 21% e o do alugueiro un 28%, situándose a cota mediana en Galicia nos 732 euros, moi por riba do crecemento dos ingresos reais. 

Así, Cáritas Galicia advirte de que a vivenda "deixou de actuar como un factor de protección e converteuse nun auténtico colo de botella para a integración social". Tamén alerta de que malia a mellora dos indicadores laborais, os salarios reais non medraron nin un 1% descontada a inflación e que a inestabilidade laboral grave segue a afectar o 5,6% das persoas ocupadas. 

Unha parella cun carriño dun bebé, en Santiago CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

"O emprego xa non garante saír da exclusión", recolle o estudo, que sinala esta eiva e "paradoxo" como un dos principais retos das políticas sociais e laborais. 

O informe alerta dunha precariedade estrutural que afecta traballadores, fogares con ingresos axustados e colectivos que parecían protexidos: "O emprego xa non garante saír da exclusión"

O estudo destaca tamén que en 2024 o 14% da poboación galega, unhas 381.000 persoas, atopábase en risco de pobreza, fronte ao 22% de 2020, mentres que a pobreza severa afecta unhas 158.000 persoas. Con todo, advirte de que "persiste unha elevada fraxilidade cotiá", ao non poder afrontar gastos imprevistos o 27% da cidadanía e non poder manter a vivenda a unha temperatura axeitada o 17%. O 4% non pode ter unha alimentación adecuada de maneira regular. 

Peor percepción da saúde

Por outra banda, destaca que o Ingreso Mínimo Vital só achega ao 51% das peasos en pobreza severa en Galicia e que máis da metade dos fogares nesta situación non recibiu información sobre a prestación. Da Risga lembra que a súa cobertura reduciuse á metade, pasando do 0,94% ao 0,5% da cidadanía. 

Ademais, a exclusión social "empeora claramente a percepción da saúde, sobre todo a mental, e en Galicia ese efecto é máis intenso que no conxunto do Estado". Segundo o informe, en todas as idades, aqueles que se atopan en exclusión puntúan peor a súa saúde que as persoas integradas. 

Varias persoas cruzan un paso de peóns en Galicia CC-BY-SA Xunta

Tendo en conta os datos, o 18% da poboación galega, case medio millón de persoas, presenta problemas de exclusión en coidados da saúde, cinco puntos máis que en 2018. Ademais, cae o 30% valora negativamente a súa saúde física e o 18% a súa saúde mental, moi por riba da media estatal, do 20% e do 11,8% respectivamente. 

Por último, o informe destaca que o illamento social e a soidade non desexada aumenta, sobre todo nos fogares en exclusión severa, abranguendo o 25% destes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.