Rueda apoia a segregación por antigüidade de residencia pactada por Vox e PP

Rueda nunha imaxe de arquivo presentando axudas para persoas de fóra que veñan a Galicia CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente, que xa alentara a acusación de que migrantes sen dereito de voto poden alterar as eleccións, di que "unha maioría moi ampla dos galegos están de acordo" con priorizar persoas "que leven tempo convivindo"

En febreiro, logo de que o Goberno de España anunciase a regularización da residencia de migrantes que xa viven aquí, o presidente Rueda alentou a acusación de que esas persoas poderían alterar as eleccións malia que carecen de dereito a voto, que depende da nacionalidade, non do permiso de residencia. Este luns, logo de que Vox e PP asinasen en Estremadura e Aragón acordos para segregar a cidadanía pola súa antigüidade de residencia, Rueda defendeu que "unha maioría moi ampla dos galegos están de acordo" con esa denominada "prioridade nacional". 

O acordo de Vox e PP, co aval de Alberto Núñez Feijóo, aposta por "promover o acceso a todas as axudas, subvencións e prestacións públicas inspirándose no principio de prioridade nacional, que procure a asignación prioritaria dos recursos públicos a quen manteñen un arraigo real, duradeiro e verificable co territorio”. Unha medida que se basearía fundamentalmente no "arraigo" ou antigüidade de residencia ante a premisa constitucional de que todos os españois "son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación ningunha". 

Preguntado por esa "prioridade nacional", Rueda tamén a avala. "A miña percepción é que unha maioría moi ampla dos españois e dos galegos están de acordo en que levar tempo aquí, levar tempo cotizando, levar tempo contribuíndo, levar tempo convivindo, é algo que está moi ben que se valore fronte os que poidan acabar de chegar agora mesmo e ademais nunha situación ilegal que agora se vai regularizar", dixo. 

Rueda di que "é de sentido común" primar a quen leve tempo "formando parte da comunidade"

Rueda matizou que "iso non quere dicir que non haxa que atender a todo o mundo e non haxa que favorecer a integración ao máximo, pero que levar tempo aquí e levar tempo contribuíndo e formando parte da comunidade e da sociedade sexa algo a ter en conta, creo na miña opinión que é de sentido común".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.