A segregación pactada por Vox e PP deixaría fóra o 23% da poboación das cidades galegas

Porcentaxe de poboación nas sete cidades galegas con menos de 10 anos de empadroamento © Montaxe: Praza.gal Imaxe: SkitterPhoto (CC-BY)

No ano 2025 o 22,8% da poboación empadroada nas sete cidades galegas levaba menos de 10 anos residindo nelas e, polo tanto, ficaría excluída do acceso a determinados recursos públicos de ámbito muncipal, de acordo ao criterio de arraigo esgrimido por VOX e PP

Hai uns días VOX forzou o PP a incorporar aos seus pactos de goberno en Estremadura e Aragón un principio de "prioridade nacional" no acceso a "axudas, subvencións e prestacións públicas". Literalmente nos dous documentos asinados polas dúas formacións de dereita e ultradereita, sinálase o compromiso de "promover o acceso a todas as axudas, subvencións e prestacións públicas inspirándose no principio de prioridade nacional, que procure a asignación prioritaria dos recursos públicos a quen manteñen un arraigo real, duradeiro e verificable co territorio”. 

Dado que discriminar unha persoa polo seu lugar de orixe é ilegal (o artigo 14 deixa claro que "os españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación ningunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social"), ambos os dous partidos están incidindo en que na aplicación práctica deste principio entraría en xogo, sobre todo, o "arraigo" dunha persoa cun territorio, medido nos anos en que leva empadroada nese lugar, ademais doutros factores como "a vinculación económica, social, familiar, laboral e formativa”, a “traxectoria de cotización” ou a “contribución ao sistema”.

Un dos líderes en ascenso de VOX, Carlos Hernández Quero, apuntou un límite de 10 anos de residencia ininterrumpida nun determinado espazo (nun concello, nunha comunidade autónoma, no Estado) como criterio de exclusión para o acceso a estas prestacións, unha esixencia que se enmarca na ideoloxía xenófoba desta formación e que pode marxinar unha parte significativa da poboación.

As porcentaxes máis elevadas danse en Santiago (26,5%), Ourense (26%) e A Coruña (25,1%), seguindos de Ferrol (23,3%), Pontevedra (22,5%) e Lugo (21,7%). Vigo (18,8%) é a urbe cunha menor proporción da súa poboación con menos de dez anos de empadroamento

Este mércores o INE publicou as variable actualizadas de residencia, educativas e laborais do Censo, con datos de 2025. Estes indicadores amosan cantas persoas levan menos de dez anos residindo nunha determinada comunidade autónoma ou non concello determinado. Trátase dunha cifra cada vez máis elevada, atendendo á crecente mobilidade por motivos persoais, académicos ou laborais -cada vez máis xente reside fóra do concello no que naceu- e que nas zonas urbanas acada as súas proporcións máis elevadas.

No ano 2025 o 22,8% da poboación empadroada nas sete cidades galegas levaba menos de 10 anos residindo nelas e, polo tanto, ficaría excluída do acceso a determinados recursos públicos de ámbito muncipal, de acordo ao criterio de arraigo esgrimido por VOX e PP. Son unhas 228.562 persoas do algo máis dun millón de habitantes que suman os sete concellos máis importantes do país.

A nivel galego, atopamos preto de 200.000 persoas, o 7,28% da poboación, que leva menos de dez anos consecutivos residindo en Galicia, e que polo tanto ficaría excluída da asignación de recursos públicos de tipo autonómico

Nestas cifras atópanse moitas persoas nacidas no estranxeiro e tamén moitas nacidas no Estado español, pero que agora viven nun concello diferente ao lugar no que naceron e que polo tanto, carecen dese arraigo prolongado. 

As porcentaxes máis elevadas danse en Santiago (26,5%), Ourense (26%) e A Coruña (25,1%), seguindos de Ferrol (23,3%), Pontevedra (22,5%) e Lugo (21,7%). Vigo (18,8%) é a urbe cunha menor proporción da súa poboación con menos de dez anos de empadroamento.

A nivel galego, atopamos preto de 200.000 persoas, o 7,28% da poboación, que leva menos de dez anos consecutivos residindo en Galicia, e que polo tanto ficaría excluída da asignación de recursos públicos de tipo autonómico (os máis importantes). Obviamente, se o criterio temporal fose outro (5 anos de empadroamento ou 15 anos...), as cifras serían diferentes.

Apenas o 40% da poboación das cidades galegas naceu no concello no que actualmente residen, unha porcentaxe que supera por pouco o 30% en Ourense e na Coruña

O gráfico anterior dá conta da gran mobilidade que existe na poboación das zonas urbanas, onde apenas o 40% dos seus habitantes naceron nese mesmo lugar. As cifras son máis elevadas en Vigo (45%) e superan por pouco o 30% en Ourense e na Coruña. En todas as cidades agás Vigo máis dun cuarto da poboación procede doutro concello da mesma provincia. 

Santiago é a cidade que atraeu máis poboación doutras provincias galegas e A Coruña e Ferrol onde máis peso ten a poboación nacida noutras comunidades autónomas. A poboación nacida no estranxeiro é máis importante na Coruña e Ourense, por riba do 12%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.