Fiscalía pide 6 anos de cadea a dous empresarios polo dano ambiental dunha louseira ilegal en Valdeorras

Canteiras de Lousa en Valdeorras CC-BY-NC-ND Jose M. Rus

O ministerio público calcula que a reparación dos danos causados en máis dun cento de hectáreas terá un custo de máis de 4,7 millóns de euros

A Audiencia Provincial de Ourense acolle o vindeiro xoves a audiencia preliminar dun caso no que a Fiscalía pide seis anos de cadea para cada un dos dous empresarios responsables dunha canteira ilegal de lousa en Valdeorras por delito ambiental. 

O ministerio público calcula que a reparación dos danos causados en máis dun cento de hectáreas terá un custo de máis de 4,7 millóns de euros.

Zona de canteiras de lousa de Valdeorras © PSdeG-PSOE

Segundo o relato de feitos que fai a Fiscalía no seu escrito de acusación, os dous empresarios son responsables de Cafinsa Proyectos SL coa que explotaron entre 2013 e 2018 a canteira denominada San Valentín, dedicada á lousa en Mormeau, parroquia de Casaio, en Valdeorras. O permiso de explotación desa canteira caducara en 2013 pero os acusados seguiron traballando nela "actuando de común acordo, e a sabendas de que carecían da titularidade de ningún dereito mineiro, nin autorización da Consellería de Economía e Industria". 

Segundo a Fiscalía, sen ningún permiso "realizaron entulleiras e actividades de destrución de arborado, pastos e regatos"

Fiscalía di que ademais das 90 hectáreas que explotaron da canteira de xeito ilegal, os acusados "realizaron entulleiras e actividades de destrución de arborado, pastos e regatos en varios montes comunais" de Casaio, Lardeira, Serra do Eixe e Riodolas, que invadiron nunhas 25 hectáreas. Coas súas actuacións, engade Fiscalía, "ocasionaron impactos ambientais graves ao medio natural" cuxa rehabilitación se estima nun custo de 4,5 millóns de euros, mentres que o prexuízo á comunidade de montes é calculado en 237.000 euros.

Sede da Audiencia Provincial de Ourense © Google

O escrito de acusación de Fiscalía considera que estes feitos son constitutivos dun delito contra o medio ambiente do que son responsables tanto a empresa Cafinsa Proyectos SL como os dous empresarios. Para estes Fiscalía pide para cada un unha pena de seis anos de cadea, inhabilitación profesional durante catro anos e multa de 40 meses a razón de 6 euros diarios, o que supón uns 7.200 euros. 

Pola súa banda, para a empresa pide unha multa de dous anos a razón de 50 euros diario, uns 36.000 euros, "e clausura dos locais e establecementos durante cinco anos".

Ademais, empresa e empresarios "han de repoñer ao estado primitivo a superficie afectada, debendo de responder en concepto de responsabilidade civil de maneira conxunta e solidaria, a cantidade de 4.491.410,10 euros a tal efecto e 237.811,73 euros para responder dos prexuízos ocasionados aos copropietarios do monte comunal de Riodolas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.