Case a metade da poboación galega vive fóra do seu concello de orixe

Ourense é a cidade galega onde menos poboación naceu no propio concello CC-BY-SA Concello de Ourense

A principios dos anos 90, e malia o masivo éxodo do rural ás cidades nas décadas anteriores, case o 70% da poboación de Galicia residía no mesmo concello onde nacera. Nesta altura, máis de 30 anos despois, practicamente a metade dos e das habitantes do país viven nun municipio diferente ao da súa orixe

A principios dos 90, perto do 70% da poboación vivía no mesmo concello onde nacera; agora, case a metade vive fóra do seu municipio de orixe

En concreto, e segundo os datos que o Instituto Galego de Estatística (IGE) debulla a partir do censo de poboación do INE de 2025 actualizado o pasado mes de decembro, o 51,8% da poboación de Galicia reside no seu concello de nacemento, fronte ao 67,7% de 1991, primeiro ano para o que hai cifras detalladas. Unha diferenza de 16 puntos. 

Xa que logo, case a metade dos galegos e galegas viven fóra do seu municipio de orixe cando hai tres décadas eran apenas un terzo. 

A crecente mobilidade laboral cara ás cidades e ás áreas urbanas desde o rural, a mellora nas comunicacións ou a cada vez máis importante presenza de poboación inmigrante explican esta tendencia. A principios dos 90, menos do 3% da poboación residente en Galicia nacera no estranxeiro, unha porcentaxe que en 2025 superou o 12% e que nalgunhas cidades, como na Coruña, roza o 18%

Con todo, tres cuartas partes dos máis de 2,71 millóns de habitantes de Galicia residen na mesma provincia onde naceron: 1,4 (algo máis da metade) no mesmo municipio e máis de 600.000 (o 23,5%) nun concello desa mesma provincia. Arredor do 6% viu a luz noutra comunidade autónoma. 

Ademais, en catro das sete cidades (Ourense, A Coruña, Santiago e Lugo) menos da metade da súa poboación é nacida no mesmo concello de residencia, unha circunstancia que é habitual desde hai décadas nas urbes ourensá e coruñesa. 

En Ourense, A Coruña, Santiago e Lugo menos da metade da súa poboación é nacida no concello

Porque Ourense e A Coruña son, con diferenza, as dúas cidades que teñen menor poboación autóctona, non superando o 45% en ningún dos casos. As cifras eran semellantes a principios dos anos 90, cando menos do 50% da poboación de ambas urbes era natural delas, un dato que contrastaba co 60% ou máis de Santiago, Pontevedra, Vigo e Ferrol. 

Vista da Coruña desde Elviña CC-BY-SA Concello da Coruña

No caso da capital galega, en pouco máis de 30 anos a porcentaxe de poboación nada na mesma cidade descendeu en máis de dez puntos, ata o 47,2%, un descenso que foi de oito puntos no caso de Lugo, onde só o 47,6% da súa poboación é orixinaria da urbe. 

A Coruña e Ourense son as cidades con menos poboación 'autóctona': máis da metade naceu fóra

Ferrol, Vigo e Pontevedra son, pola contra, as cidades con maior poboación autóctona, que supera o 55% en todos os casos, aínda que cun descenso importante en só catro anos, xa que aínda en 2021 a porcentaxe de habitantes nados no mesmo concello de residencia pasaba do 60% nos tres casos. 

Oleiros, o concello máis rico de Galicia, é o que conta con menos poboación nada no municipio; Cervantes, o máis pobre, é o que ten máis habitantes orixinarios

Máis alta é a proporción na maioría dos concellos rurais, onde unha alta porcentaxe dos seus habitantes naceu nese mesmo municipio. Cervantes, con máis do 83% de poboación nada no concello, lidera un ranking que na outra punta sitúa Oleiros, onde algo menos do 22% da súa cidadanía viu a luz no municipio. 

Curiosamente, estes dous mesmos concellos ocupan tamén o primeiro e o último lugar na táboa que mide o nivel de renda dos municipios en Galicia. Cervantes, o que ten máis poboación autóctona, é o máis pobre, mentres que Oleiro é o máis rico. Triplica a súa renda. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.