Non existen dúbidas a respecto de que foi Alberto Núñez Feijoo o promotor principal do adianto electoral rexistrado en Estremadura e Aragón
Non existen dúbidas a respecto de que foi Alberto Núñez Feijoo o promotor principal do adianto electoral rexistrado en Estremadura e Aragón. Nesas Comunidades nunca se utilizara semellante lóxica política para enfrontar as dificultades propias dunha gobernabilidade sen maiorías absolutas. O que buscaba a dirección do PP era a consecución de dous obxectivos de alcance estatal: certificar a crise de resultados electorais pola que está atravesando o Partido Socialista e, sobre todo, reducir a influenza de Vox para asegurar a hexemonía parlamentaria de Guardiola e Azcón.
O fracaso do plan de Feijoo constatase na evidencia de que o partido do Abascal posúe, agora, unha maior capacidade para establecer as condicións dos pactos co PP. Semella que Vox pretende prolongar a incerteza até que se abran as urnas en Castela e León o 15 de Marzo e, se cadra, tamén as de Andalucía, seguramente no vindeiro mes de Xuño. Ante esta conxuntura, a dirección da rúa Génova está dando paus de cego: ate hai pouco tempo ignoraban a posibilidade de pactar con Vox e postulaban a comenencia de gobernar en solitario pero nas últimas semanas ofrecen unha colaboración á ultradereita que vaia mais alá dun acordo programático de lexislatura. Algunhas análises prognostican, mesmo, unha repetición electoral en Estremadura provocada polo partido de Abascal que resultaría certamente desacougante para as previsións establecidas no estado maior do PP.
O fracaso do plan de Feijoo constátase na evidencia de que o partido do Abascal posúe, agora, unha maior capacidade para establecer as condicións dos pactos co PP. A esta altura, semella evidente a consolidación de Vox como forza electoral relevante e o desconcerto que iso suscita no partido que preside Feijoo
A esta altura, semella evidente a consolidación de Vox como forza electoral relevante e o desconcerto que iso suscita no partido que preside Feijoo. Primeiro optaron pola ignorancia, pensando que iso facilitaría o desenvolvemento automático do chamado "voto útil". Cando comprobaron que semellante táctica non resultaba eficaz pasaron a practicar un achegamento explícito en asuntos definitorios da identidade dunha formación política (inmigración, políticas de igualdade de xénero, actitude ante o cambio climático, posición ante a memoria democrática...). Tratando de evitar unha nova cita coas urnas en Estremadura, o presidente do PP acordou hai poucos días con Abascal que as negociacións sobre os pactos nas Comunidades Autónomas fiquen residenciadas nas respectivas direccións estatais. Alberto Núñez decidiu aplicar, no interior do seu partido, un singular "155" para evitar que Guardiola e Azcón tiveran a tentación de actuar co nivel de autonomía que lle recoñece o actual marco constitucional. Certamente, a vida política da moitas voltas: aquel presidente da Xunta que predicaba como prioridade indiscutíbel a defensa dunha dinámica política galega propia fronte aos intentos de uniformización de Pablo Casado ou de Díaz Ayuso, fica convertido hoxe no principal defensor da total estatalización das decisións sobre a gobernabilidade nas CC.AA.
Se no PP pensan que facer fronte ao fenómeno electoral de Vox require, unicamente, a adopción dun tacticismo político curtopracista están moi trabucados
Se no PP pensan que facer fronte ao fenómeno electoral de Vox require, unicamente, a adopción dun tacticismo político curtopracista están moi trabucados. Como é sabido, esta organización é unha escisión da "casa común" construída por Fraga e Aznar pero agora xa forma parte dunha constelación internacional que, apadriñada por Trump, pretende substituír aos vellos partidos conservadores europeos. Colocados neste novo contexto, os dirixentes populares deberían acometer unha delimitación ideolóxica sólida que lles permitiría, a medio prazo, asegurar a súa identidade a respecto desta forza competidora emerxente. Un dos problemas para desenvolver esta estratexia radica na falta de experiencia e capacitación que caracteriza a Feijoo e ao seu círculo mais próximo, habituados a navegar nas augas políticas galegas, diferentes das que hoxe ameazan con asolagar a hexemonía soñada na rúa Génova.
O desexábel proceso de minorización do que representa Vox non debe ter lugar, só, no escenario político. Require un enfoque mais amplo que acerte no diagnóstico dos factores da realidade social que explican o seu medre e no deseño das iniciativas acaidas para lle facer fronte
O desexábel proceso de minorización do que representa Vox non debe ter lugar, só, no escenario político. Require un enfoque mais amplo que acerte no diagnóstico dos factores da realidade social que explican o seu medre e no deseño das iniciativas acaidas para lle facer fronte. Estamos ante unha tarefa que interpela a todas as persoas e organizacións que non queremos asistir a un proceso de grave involución antidemocrática nos vindeiros meses. Polo que estamos vendo, os dirixentes do PP non queren e/ou non saben asumir este papel. As recentes declaracións de Feijoo desprezando, primeiro, a desclasificación dalgúns documentos relativos ao 23-F de 1981 e reclamando, despois, o retorno de Juan Carlos I constitúen un exemplo demostrativo da carencia dunha sólida liña de afirmación dunha posición diferenciada a respecto dos sectores fascistas presentes no tecido social e institucional do Estado español.