Bruxelas acelera o seu xiro: menos axenda verde e máis control migratorio, defensa e industria

Von der Leyen, nunha reunión semanal da Comisión Europea o pasado maio © Dati Bendo / Unión Europea, 2026

A Comisión Europea endurece as normas de asilo e retorno mentres rebaixa esixencias medioambientais no nome da seguridade, a defensa e a protección da industria

A migración volve ocupar un lugar central na axenda política de Bruxelas. Da primeira Comisión Von der Leyen, marcada polo Pacto Verde, as enerxías renovables e a descarbonización, pasouse a unha segunda Comisión cos investimentos militares, o control fronteirizo e o endurecemento das normas de asilo como protagonistas. A iso súmase a protección dos sectores industriais no nome dunha competitividade económica que xa non quere verse limitada polas esixencias da sustentabilidade.

A finais de mes, a Comisión Europea ten previsto presentar un plan de acción sobre o Canal da Mancha, un paso migratorio polo que, entre xaneiro e finais de maio, cruzaron preto de 8.500 persoas en pequenos botes desde a costa francesa cara á británica. Esa cifra é un 37% inferior á do mesmo período de 2025, segundo os datos do Home Office, o Ministerio de Interior británico. Nos últimos meses, ademais, produciuse un cambio na orixe dalgunhas saídas, con embarcacións que parten tamén desde Bélxica.

Asistencia a persoas migrantes tras chegaren nun caiuco a Tenerife en 2024 © Salvamento Marítimo

Con todo, esta cuestión menor en termos numéricos volve á palestra política xusto despois do acordo case pechado sobre as novas regras da UE para deportar a centros de detención en terceiros países a migrantes en situación irregular en territorio comunitario. O Parlamento Europeo e o Consello alcanzaron xa o seu pacto provisional sobre a base da proposta da Comisión, que permitirá acelerar e facer máis efectivas as devolucións de migrantes mediante a creación deses hubs de retorno. O ministro de Migración de Chipre, Nicholas Ioannides, responsable de levar as negociacións, sostén que "a migración é unha prioridade principal" e que o acordo entre o Consello e a Eurocámara "fortalece a credibilidade da política migratoria da UE". 

A dereita impón o endurecemento migratorio

O acordo sobre as novas normas para deportar a centros de detención en terceiros países a migrantes en situación irregular está case pechado mediante pactos do PP europeo con formacións coma o partido de Meloni e outras extremas dereitas

Ioannides é un político independente, pero pertence a un Goberno conservador e as visións desta corrente ideolóxica, do Partido Popular Europeo e das formacións de ultradereita sobre a migración están xa plenamente implantadas no debate comunitario. Javier Zarzalejos, eurodeputado do PP español, celebrou o principio de acordo ao considerar que"Europa avanza para recuperar o control da súa política migratoria" e que co novo marco será "máis eficaz, máis crible e máis xusta".

A Comisión Europea e o PP europeo que a sostén -Von der Leyen pertence a esa familia política, a maioría dos comisarios europeos proceden das súas filas, dirixe os gobernos de 12 Estados membros, ostenta a presidencia da Eurocámara e é alí a formación maioritaria- xustifican o futuro regulamento co argumento de que o sistema migratorio dos Vinte e sete "perdía credibilidade ante os cidadáns", cualificando as devolucións como retornos efectivos.

Von der Leyen e Meloni, visitando un centro de acollida a persoas migrantes na illa de Lampedusa © Comisión Europea

Na Eurocámara, o PP aliouse cos Conservadores e Reformistas, liderados polo partido de Giorgia Meloni e os ultracatólicos polacos; cos Patriotas de Lle Pen, Orbán e Vox; e co grupo da Europa das Nacións onde hai lexisladores filonazis, saltándose a proposta de compromiso do relator liberal. Ese texto pactado provisionalmente inclúe tamén a prohibición de que un migrante expulsado poida volver a territorio comunitario como mínimo en dez anos, fronte ao cinco actuais, e a posibilidade de que esa exclusión sexa para sempre.

Dentro do Consello, o Goberno de España foi o único que se opuxo ás propostas da Comisión para acelerar as deportacións, crear centros de detención fóra da UE ou permitir expulsións de menores

Parte da clase política do continente revólvese contra esas políticas. A eurodeputada Mélissa Camara, dos Verdes franceses, negociadora do dossier migratorio no Parlamento, cualifica o texto pactado como "o resultado dun acordo vergoñento entre os Estados Membros e a maioría do PP e a extrema dereita" e como "un retroceso histórico nos dereitos fundamentais da xente exiliada". Tamén advirte que "a lexislación dos hubs de retorno fóra da Unión Europea, a luz verde para a detención de menores ou as visitas a fogares inspiradas en prácticas do ICE" son "un arsenal legal ao servizo dunha ideoloxía xenófoba". É unha posición compartida polo grupo da Esquerda e por parte dos socialdemócratas.

Dentro do Consello, hai seis meses España foi o único país que se opuxo ás propostas da Comisión Europea para acelerar as deportacións, crear centros de detención fóra da UE mediante acordos bilaterais entre países comunitarios e terceiros Estados, e permitir que as expulsións afectasen tamén a menores. A socialdemócrata Dinamarca, paradoxalmente, foi unha das garantes desta nova lexislación, man con man coa Italia de Meloni, como informou infoLibre.

Da ecoloxía á seguridade e a migración

O último eurobarómetro, realizado entre 26.000 cidadáns dos 27 Estados membros, mostra que os conflitos internacionais, como a guerra en Oriente Medio e a invasión rusa en Ucraína, están entre as principais preocupacións da cidadanía europea. Xunto a eles aparecen problemas asociados como a inflación, a seguridade enerxética e a defensa.

Jessika Roswall, comisaria de Medio Ambiente, Jessika Roswall, na inauguración da 'Green Week' 2026 © Xavier Lejeune / Unión Europea, 2026

Malia ao impulso normativo das institucións cara a políticas migratorias máis estritas, a migración aparece só como a sétima cuestión máis relevante e cun peso menor que o ano pasado. Segundo os datos do eurobarómetro, por baixo sitúanse o medio ambiente e os riscos asociados ao cambio climático. Recentemente, con motivo da Green Week organizada en Bruxelas pola Comisión Europea con empresas biotecnolóxicas e agroalimentarias, ONG e representantes da sociedade civil, publicouse unha nova enquisa entre a cidadanía europea na que a gran maioría dos enquisados "recoñece a importancia de frear a perda da biodiversidade como una unha cuestión de responsabilidade, benestar, apoio ao desenvolvemento económico a longo prazo e para atallar o cambio climático". 

A comisaria de Medio Ambiente non mencionou as emisións contaminantes causantes do cambio climático no seu recente chamamento a restaurar ecosistemas danados

Fronte ao desenvolvido durante a súa primeira Comisión, o actual Executivo presidido por Ursula von der Leyen emprendeu unha vaga desregularizadora cos chamados paquetes Omnibus, orientados a relaxar as normas ambientais a prol da competitividade económica, especialmente a industrial. Así, Bruxelas suavizou a Directiva sobre Información Corporativa en Materia de Sustentabilidade, eximindo a miles de empresas de informar sobre a súa pegada ambiental; flexibilizou a prohibición de vender vehículos con motores de combustión a partir de 2035; e rebaixou tamén as esixencias da UE contra a deforestación global.

Durante a Green Week desta semana, a comisaria europea de Medio Ambiente, Jessica Roswall, pronunciouse a favor da restauración dos ecosistemas, con exemplos do realizado en humidais de Países Baixos, Alemaña, Lituania ou Finlandia, e defendeu a necesidade de que "as empresas, as institucións financeiras e os entes públicos poidan investir nestas accións". Roswall, unha conservadora liberal sueca, destacou que "primeiro, os nosos negocios e economías necesitan o mundo natural"; "segundo, non existe tal economía competitiva nun planeta moribundo"; e "terceiro, investir nos ecosistemas está entre as decisións económicas máis intelixentes que podemos realizar".  

No seu discurso non houbo nin unha soa mención ás emisións de CO2 causantes do cambio climático, nin ao atraso ou incumprimento dos obxectivos para reducilas. Tampouco defendeu cambios estruturais nos modelos produtivos para frear a deterioración deses mesmos ecosistemas que pediu restaurar. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.