"Non aspiramos a crear esferas de influencia, senón esferas de prosperidade baseadas na confianza. Mentres outros erguen barreiras, nós tendemos pontes e pactamos normas", resalta António Costa
"Pode que este acordo chegue tarde, pero chega no momento máis oportuno. Non aspiramos a crear esferas de influencia, senón esferas de prosperidade baseadas na confianza, na cooperación e o respecto á soberanía das nosas democracias". Porque "xuntos somos máis fortes para enfrontarnos a desafíos comúns dende a transición climática ata a promoción da paz, a liberdade, a seguridade e o respecto polo dereito internacional". E a alternativa é "un mundo máis caótico e violento rexido pola lei do máis forte".
O presidente do Consello Europeo, António Costa, expresábase deste xeito este pasado 17 de xaneiro en Asunción (Paraguai) no histórico acto de sinatura do acordo comercial da Unión Europea co Mercosur, o mercado común conformado polo Brasil, a Arxentina, Uruguai e Paraguai, tras un cuarto de século de negociacións. "Mentres outros erguen barreiras, rompen lazos e violan as normas da competencia, nós tendemos pontes, tecemos alianzas e pactamos normas", resumiu o ex-primeiro ministro portugués.
O discurso de Costa no acto solemne, celebrado na sede do Banco Central do Paraguai, estivo inzado de mensaxes máis ou menos explícitas a conxuntura global, marcada nas últimas semanas polo intervencionismo dos Estados Unidos en Venezuela e, na propia xornada da sinatura do acordo, polas ameazas comerciais e políticas de Donald Trump contra a UE no caso de non acceder á súa pretensión de ficar con Groenlandia. E combinouse con outras dirixidas a tentar acougar os sectores europeos máis críticos co pacto, os da gandaría e agricultura.
"Aos nosos agricultores e gandeiros: escoitamos as vosas preocupacións, o acordo contén sólidas salvagardas para protexer os vosos medios de subsistencia", mantén Von der Leyen
Ao sector primario dirixiuse parte doutra das intervencións da xornada no nome da Unión, a da presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen. "Aos nosos agricultores e gandeiros: escoitamos as vosas preocupacións e actuamos en consecuencia; este acordo contén sólidas salvagardas para protexer os vosos medios de subsistencia e os nosos sectores agrícolas sensibles", mantén, ademais de resaltar que "ofrece importantes oportunidades económicas a moitos exportadores agroalimentarios da UE. Protexe 350 indicacións xeográficas europeas, máis que ningún outro acordo comercial da Unión Europea", afirma.
Salvagardas para "protexer os produtos europeos sensibles"
Mentres as protestas se intensifican e, tamén en Galicia, as mobilizacións agrogandeiras advirten de "competencia desleal" de produtos procedentes do Mercosur con menores garantías e controis, a UE asegura que ás vantaxes como a fin gradual dos "elevados aranceis do Mercosur", que "encarecen os produtos europeos" nesa rexión, se engaden "salvagardas que protexen os produtos europeos sensibles contra calquera incremento prexudicial das importacións". Haberá, manteñen, "protección completa para todas as sensibilidades da UE no sector agrícola".
A UE mantén que a aplicación das normas de seguridade alimentaria está "garantida" e resalta que o acordo "limita as importacións de produtos sensibles" como carne de vacún e porco
Neste sentido, enfatiza a Comisión que a UE "conta cunha das normas de seguridade alimentaria máis estritas do mundo" e por iso o acordo con Mercosur prevé seguir "garantíndoos". Por exemplo, destaca, "polos que se refire aos praguicidas máis perigosos prohibidos na UE, a Comisión establecerá o principio de que ditos refugallos de praguicidas non poden volver entrar a través de produtos importados". E ademais, advirten, cómpre ter en conta que "o acordo abre o mercado da UE aos produtos procedentes do Mercosur", pero "limita as importacións de produtos agrícolas sensibles como a carne de vacún, o etanol, a carne de porco, o mel, o azucre e as aves de curral".
Outros "compromisos" en materia ambiental ou laboral son tamén destacados pola UE para celebrar unha sinatura que, evidencia Costa, "non é o final do camiño". O acordo aínda debe ser ratificado polo Parlamento Europeo e polos Estados membros. Consello e Comisión confían en que esas ratificacións acaben chegando para crear de vez "a maior zona de libre comercio do mundo" cun "mercado común de 700 millóns de persoas".