O pacto comercial asínase este sábado en Paraguai pero aínda debe ser ratificado no Parlamento europeo e nas cámaras dos distintos países implicados, un proceso no que gandeiros e labregos queren facer presión
Este sábado está prevista en Asunción (Paraguai) a sinatura do acordo de libre comercio entre a Unión Europea e o Mercosur, nun acto ao que asistirán en representación da UE o presidente do Consello Europeo, António Costa, e a da Comisión, Ursula von der Leyen. A sinatura é case o final do camiño para un tratado comercial que se vén negociando dende hai dúas décadas e que eliminará a maior parte das restricións e aranceis para os produtos importados e exportados entre os dous bloques comerciais. Con todo, o acordo aínda deberá ser aprobado polo Parlamento europeo, polos distintos parlamentos dos Estados implicados nunha e noutra beira do Atlántico e polo Consello de Europa.
O pacto comercial con Mercosur vén espertando críticas crecentes en Europa, tamén en Galicia, especialmente no sector agrogandeiro, que denuncia que a introdución na UE dos produtos americanos, con custos máis reducidos e menores controis, suporá un impacto moi negativo para as explotacións europeas. O pasado luns A Coruña e Lugo foron escenario de protestas convocadas por Agromuralla, o Sindicato Labrego Galego e outras entidades, opostas ao tratado comercial, que advirten de que van intensificar as mobilizacións co obxectivo de frear o pacto.
"O efecto máis inmediato vai ser a chegada de produtos a uns prezos que van facer que os nosos non resulten competitivos. Son produtos cunhas normativas moi diferentes ás de aquí e bastante máis laxas en canto a coidado sanitario ou en canto a normativa laboral ou en canto normativa medioambiental", alerta Noelia Rodríguez, presidenta de Agromuralla. "En Europa estamos obrigados a producir cunhas normativas cada vez máis restritivas que levan a que teñamos que axustar as nosas explotacións e incrementar os custos de produción. Por iso non imos ser competitivos cos produtos de alá, porque eles non teñen esas esixencias", engade.
"O efecto máis inmediato vai ser a chegada de produtos a uns prezos que van facer que os nosos non resulten competitivos. Son produtos cunhas normativas moi diferentes ás de aquí e bastante máis laxas en canto a coidado sanitario ou en canto a normativa laboral ou en canto normativa medioambiental", alerta Noelia Rodríguez, presidenta de Agromuralla
Rodríguez advirte do efecto que un peche de explotacións pode ter para a economía de moitas comarcas galegas, con consecuencias irreversibles coma o despoboamento acelerado do rural, afectando á cohesión territorial e social. "Temos que ser conscientes que o sector primario, tanto a produción agraria coma a gandeira teñen un gran peso a nivel social, especialmente en certas comarcas, porque dan traballo e moven moitísimos sectores ao seu redor. Nas granxas necesitamos moitísimos servizos e moitos provedores que nolos presten e iso xera unha chea de postos de traballo indirectos", di.
E, aínda que nun primeiro momento non se prevé un incremento das importacións de produtos lácteos procedentes do Mercosur, Noela Rodríguez alerta de efectos negativos tamén para as explotacións leiteiras galegas: "temos que pensar que nas explotacións de leite tamén hai unha parte que é de carne, porque están os animais de desvelle, están os becerros que van para cebadeiros, así que indirectamente vaille afectar". "E o lácteo pode verse tamén afectado por este acordo a longo prazo", engade. "España é produtor deficitario de lácteo e adoita abastecerse da produción sobrante de Francia; ademais, a produción comeza a reducirse. Se esta tendencia continúa, España vai ser cada vez máis deficitaria. Esta produción que falta pode vir doutros mercados e, se está aberta esta canle, pode vir tamén do Mercosur", advirte.
"Temos que ser conscientes que o sector primario, tanto a produción agraria coma a gandeira teñen un gran peso a nivel social, especialmente en certas comarcas, porque dan traballo e moven moitísimos sectores ao seu redor", alerta a presidenta de Agromuralla
A entidade denuncia "o silencio institucional" ante "esta competencia desleal" que aparece no horizonte como unha ameaza e reclama "un veto político ao acordo mentres non se garantan condicións equitativas e xustas". "As administracións teñen o deber de protexer un pilar estratéxico da economía, do territorio e da sociedade", sinala a entidade, que reivindica a defensa da soberanía alimentaria, co risco de que o acordo aumente "a dependencia alimentaria exterior, reducindo a capacidade do país para decidir que produce e que consome".
"Pedimos a aplicación do principio de reciprocidade, garantindo que ningún produto externo poida entrar no mercado europeo sen cumprir os mesmos estándares esixidos ás explotacións locais", di Agromuralla, que non confía na aplicación de cláusulas espello, invocadas dende os promotores do tratado na UE, que obrigarían as producións americanas a cumprir coas mesmas condicións sanitarias, medioambientais ou laborais que as europeas. "Esas cláusulas estanse negociando a nivel europeo, como unha forma de contentar os países da UE que ata agora se amosaran máis reticentes a apoiar o acordo, pero de momento non hai un compromiso dos países do Mercosur para aplicalas", subliña Noelia Rodríguez.
A responsable de Agromuralla chama, finalmente, a incrementar as mobilizacións: “nós estamos facendo un chamamento masivo a que quen poida vir co tractor que veña. Temos que ser máis fortes e cantos máis sexamos máis presión poderemos facer”. "O acordo aínda ten que se ratificado polo Parlamento europeo e no Congreso e aí si que podemos entrar nós facendo presión", conclúe.
SLG: "O futuro da alimentación non pode estar en mans do agronegocio: pasa pola agricultura familiar, a transición agroecolóxica e a soberanía alimentaria"
A chegada de grandes cantidades de produtos cárnicos procedentes de América do Sur "vai provocar unha sobreoferta, o que vai levar a que o prezo que aquí reciben os produtores vai baixar"
Tamén se mobilizou o pasado luns o Sindicato Labrego Galego nunha concentración ante a Delegación do Goberno do Estado na Coruña na que a entidade amosou o seu frontal rexeitamento ao acordo comercial e na que tamén participaron Elas e Eles gandeiros, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace.
A organización denuncia que o tratado permitirá a chegada sen aranceis de 99.000 toneladas anuais de carne de bovino, 100.000 toneladas de carne de polo, miles de toneladas de carne de porco, 45.000 toneladas de mel, ademais da liberalización do 86% dos produtos agrícolas procedentes do Mercosur.
O apicultor e Secretario de Acción Sindical do SLG, Brais Álvarez, alerta de que a chegada de grandes cantidades de produtos cárnicos procedentes de América do Sur "vai provocar unha sobreoferta, o que vai provocar que o prezo que aquí reciben os produtores vai baixar". "Son produtos que alá son xerados por granxas de gran tamaño cuns custos que aquí non somos capaces de asumir. As explotacións galegas van ter que producir a perdas, o que vai provocar que moitas teñan que pechar", di.
"A cadea intermediaria leva un beneficio moi grande por mover o produto ata o consumidor final. En cambio, con modelos de produción de proximidade, quilómetro cero e vendas directas, non só se garante a seguridade alimentaria e gaña o produtor senón que o consumidor tamén se ve beneficiado", explica Brais Álvarez
Este asulagamento de produción foránea non vai ter, ademais, beneficios para os consumidores, prevé Álvarez, que alerta de que "ao eliminar moitas producións do mercado, favorécese o establecemento dun monopolio. Cando o control da produción de alimentos queda en menos mans, iso non é garantía en absoluta de que ao consumidor lle vai chegar o produto máis barato, todo o contrario". "A cadea intermediaria leva un beneficio moi grande por mover o produto ata o consumidor final. En cambio, con modelos de produción de proximidade, quilómetro cero e vendas directas, non só se garante a seguridade alimentaria e gaña o produtor senón que o consumidor tamén se ve beneficiado", explica.
"O futuro da alimentación non pode estar en mans do agronegocio: pasa pola agricultura familiar, a transición agroecolóxica e a soberanía alimentaria. Por iso non deixaremos de loitar contra este tratado", di. "Coa sinatura do acordo, os alimentos converteranse nunha mercadoría en mans de multinacionais, en lugar de garantilos como un dereito da cidadanía", engade.
"Estamos renunciando á seguridade alimentaria e á capacidade dos consumidores de controlar os produtos cos que nos alimentamos", sinala o Secretario de Acción Sindical do SLG
"Estamos renunciando á seguridade alimentaria e á capacidade dos consumidores de controlar os produtos cos que nos alimentamos", sinala o Secretario de Acción Sindical do SLG, que di que “os dereitos laborais, as normas ambientais, de benestar animal e a normativa vixente nos países do Mercosur son moito máis laxas e ofrecen menos garantías para a saúde das persoas traballadoras, consumidoras e para o medio ambiente".
O acordo, denuncia o SLG, tampouco vai beneficiar os produtores americanos, "que están sendo expulsados das súas terras por grandes terratenentes e fondos de inversión para a produción destes produtos ou de soia e millo a base de fertilizantes químicos, utilizando agrotóxicos e destruíndo o medio ambiente".
"Detrás deste tratado tes ese modelo de agricultura, ese modelo de negocio que prexudica o medio ambiente ou os dereitos laborais dos traballadores e dos pequenos produtores", di Brais Álvarez
"Detrás deste tratado tes ese modelo de agricultura, ese modelo de negocio que prexudica o medio ambiente ou os dereitos laborais dos traballadores e dos pequenos produtores. En América se cadra pasan a producir máis, pero tamén perden soberanía alimentaria, substituíndo un modelo resiliente, non prexudicial para o medio e que beneficia os produtores por un modelo industrial no que só gañan as grandes corporacións", di Brais Álvarez.
Así mesmo, o SLG denuncia que "resulta totalmente contraditorio que, nun momento no que a UE se comprometeu a alcanzar en 2030 unha redución do 55% das emisións netas de gases de efecto invernadoiro, se promova un acordo que incrementará drasticamente as emisións derivadas deste comercio a escala mundial e da deforestación asociada".
Este venres, na xuntanza do Consello Agrario, o SLG esixiu á Xunta "que se posicione con claridade, de forma institucional, sobre o acordo con Mercosur, máis aló das boas palabras que está a pronunciar aquí e alá en declaracións aos medios". Asi mesmo, o venres 23 a entidade desprázase a Bruxelas, dentro dunha delegación de Vía Campesina, para manter un encontro co comisario de Agricultura e Alimentación Christophe Hansen. E o 29 de xaneiro convocaranse novas accións a nivel europeo, buscando tamén cambios na nova PAC, "que tamén nos pode facer moito dano aos produtores", di Brais Álvarez.
O tratado aínda debe ser aprobado polo Parlamento europeo, nunha votación que terá lugar proximamente e onde o SLG insta aos deputados e deputadas galegas a votar en contra. Así mesmo, debe ser ratificado polos distintos parlamentos nacionais. E, ademais, debe ser votado de novo no Consello de Europa, desta volta nunha votación definitiva e non orientativa, como a de hai uns días.
De forma máis inmediata, o vindeiro mércores 21 o Parlamento Europeo votará na súa sede de Estrasburgo unha proposta para solicitar ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que se pronuncie sobre a legalidade do acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur, unha medida que podería conxelar o procedemento de ratificación durante meses.
Unións Agrarias pide unha "aplicación responsable e rigorosa" do acordo para evitar impactos negativos
Unións Agrarias di "compartir a preocupación existente no sector gandeiro galego". Porén, di que "máis aló do texto do acordo", o impacto do mesmo sobre a actividade agrogandeira en Galicia "dependerá do papel que a institucións europeas, estatais e autonómicas adopten á hora de aplicalo e velar polos intereses do sector produtor local"
Tamén Unións Agrarias-UPA se pronunciou sobre o acordo comercial, esixindo "unha aplicación responsable e rigorosa, instando a "activar medidas efectivas para evitar que o novo escenario supoña un perxuízo para a gandería e o sector agroalimentario galego no seu conxunto".
Unións Agrarias di "compartir a preocupación existente no sector gandeiro galego" e considera que "os riscos que este introduce non poden ser ignorados nin minimizados". Porén, a organización afirma que "máis aló do texto do acordo", o impacto do mesmo sobre a actividade agrogandeira en Galicia "dependerá do papel que a institucións europeas, estatais e autonómicas adopten á hora de aplicalo e velar polos intereses do sector produtor local".
Por iso, insta á Comisión Europea, ao Goberno do Estado e á Xunta a "impulsar unha estratexia clara de aplicación responsable do acordo" e, por exemplo, reclama controis efectivos en fronteira e inspeccións en orixe que garantan unha reciprocidade real nos estándares sanitarios, ambientais e de benestar animal, para que non accedan ao mercado europeo produtos producidos baixo condicións que non serían legais na Unión Europea.
Ao mesmo tempo, reclama reforzar a demanda interna como piar de estabilidade do sector gandeiro galego. Así mesmo, a organización defende a capacidade do sector agrogandeiro galego de competir en mercados internacionais e lembran as opcións que se abren para os produtos do país no Mercosur.