A maior parte das preocupacións céntranse na competencia desleal e no impacto ambiental. Galicia é unha potencia en produción de vacún. O tratado facilitaría a entrada de carne suramericana a prezos moito máis baixos, porque poderían producir en réxime de dumping regulatorio, sen suxeición á moi esixente lexislación sanitaria e ambiental europea
22 dos 27 Estados Membros da Unión Europea (UE), cunha poboación conxunta que soborda o limiar do 65% da poboación total europea que esixe a lexislación da UE, veñen de aprobar o tratado da UE co Mercosur (Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai). Un Tratado moi sensíbel para a economía galega pola nosa forte dependencia do sector primario e polo vencellamento desta actividade tanto coa saúde e autonomía alimentaria como coa conservación do territorio.
A maior parte das preocupacións céntranse na competencia desleal e no impacto ambiental. Galicia é unha potencia en produción de vacún. O tratado facilitaría a entrada de carne suramericana a prezos moito máis baixos, porque poderían producir en réxime de dumping regulatorio, sen suxeición á moi esixente lexislación sanitaria e ambiental europea. Este fenómeno podería afundir as explotacións familiares galegas, que non poden competir en custos de escala. O dito para o vacún de carne vale tamén para a produción de aves. Por outra banda, este abandono de explotacións gandeiras por falla de rendibilidade aceleraría o despoboamento rural e aumentaría o risco de incendios forestais pola falla de xestión do territorio.
Os sectores industriais alemáns, nomeadamente o automóbil, a maquinaria e o farmacéutico o son os grandes gañadores da aprobación deste tratado comercial, canda o sector exportador do aceite de oliva español e italiano e as empresas construtoras e concesionarias de servizos públicos. Pódeselles abrir un mercado de máis de 260 millóns de consumidores que sempre alicerzou o seu comercio exterior, sobre todo no Brasil,, na blindaxe alfandegueira dos altos aranceis e que agora se vai desarmar arancelariamente, malia que de paseniño.
Os sectores industriais alemáns, nomeadamente o automóbil, a maquinaria e o farmacéutico o son os grandes gañadores da aprobación deste tratado comercial, canda o sector exportador do aceite de oliva español e italiano e as empresas construtoras e concesionarias de servizos públicos
Tamén no noso país haberá beneficiarios, nomeadamente os subsectores exportadores do automóbil do polo industrial de Vigo (Stellantis e industrias auxiliares), da industria conserveira galega de peixe e marisco procesado e dos viños galegos, malia que os efectos desta apertura gradual dos mercados suramericanos será tamén moi gradual, nunca nos termos de vida ou morte cos que se formula para o sector da carne de vacún e de aves.
Velaí que a resposta en Galicia estea ser maioritariamente crítica, dende todas as organizacións sindicais agrarias e dende o sector produtivo, nomeadamente a IXP Ternera Gallega. No ámbito político compre salientar a firme resposta do BNG no Parlamento Europeo e no Congreso a medio dos seus voceiros Ana Miranda e Néstor Rego. Para o BNG o Tratado esfarela a posibilidade da nosa soberanía alimentaria e sacrifica o modelo de calidade e coidado do territorio da agrogandería galega e europea deixando o oco para o imperio das multinacionais, que producen alimentos sen suxeición aos estándares ambientais e de saúde humana e animal que rexen na Europa.
Velaí que a resposta en Galicia estea ser maioritariamente crítica, dende todas as organizacións sindicais agrarias e dende o sector produtivo, nomeadamente a IXP Ternera Gallega. No ámbito político compre salientar a firme resposta do BNG no Parlamento Europeo e no Congreso a medio dos seus voceiros Ana Miranda e Néstor Rego
Territorialmente o chamado "eixe do vacún" (Terra Chá, Os Ancares, Sarria e A Fonsagrada) concentra o maior censo de gando vacún de carne de Galicia. A entrada de carne de Arxentina ou Brasil sen aranceis podería provocar unha caída de prezos que faría inviábeis as pequenas e medianas explotacións, que teñen custos de produción moito máis elevados que as macrogranxas suramericanas. Canto ás bisbarras d´A Limia, Verín e O Bolo onde a gandería extensiva é clave para a xestión do territorio, o impacto non sería só económico, senón demográfico. O peche de granxas nestas comarcas aceleraría o despoboamento e aumentaría a vulnerabilidade diante dos incendios forestais por falla de limpeza do monte.
Xa que logo, dende a perspectiva galega, dende a perspectiva local, o sacrificio que se lle esixe a estes subsectores e comarcas non é aturábel en comparanza cos gaños doutros sectores galegos. De feito faltou a primeira voz dos supostos sectores beneficiados na Galicia que defendese este Tratado. Mais, como ven de afirmar o profesor da USC Edelmiro López (director xeral de Desenvolvemento Rural- 2005 a 2009- co conselleiro nacionalista Suárez Canal)) verdadeiramente falta esa estratexia a medio e longo prazo da Xunta e do Goberno do Estado para apostar no vacún de carne galego polas producións diferenciadas e de calidade, afortalando a súa posición relativa a respecto das exportacións a baixo prezo.
Dende unha perspectiva global este Tratado semella que pertence a outra época. Exportar produtos agrarios das macroexplotacións suramericanas xerará unha insostibel pegada de carbono e esfarelará a autonomía alimentaria europea, pondo en perigo a saúde e o ambiente.