A tractorada de Ourense supera unha semana de mobilización na cidade contra o acordo UE-Mercosur

Tractorada na cidade de Ourense convocada pola Asociación do Sector Primario de Galicia © Asociación do Sector Primario de Galicia

Os tractores convocados pola Asociación do Sector Primario de Galicia chegaron o luns 29 á cidade. Neste tempo a entidade mantivo xuntanzas con representantes da Xunta e do Goberno do Estado 

O luns 29 de decembro un grupo duns 90 tractores chegaron á cidade de Ourense procedentes de distintos lugares da provincia, convocados pola Asociación do Sector Primario de Galicia  baixo o lema "Están a matar o rural". Despois de sete días de protesta, os vehículos continúan na cidade, estacionados fronte á Subdelegación do Goberno do Estado e no Parque de San Lázaro.

Nesta semana de mobilización, os produtores mantiveron xuntanzas co subdelegado do Goberno central, Eladio Santos, e con representantes da Consellaría de Medio Rural. Así mesmo, están á espera de manter un encontro directo con representantes do Ministerio de Agricultura e este luns está concertada unha reunión co secretario do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Neste tempo recibiron o apoio de Democracia Ourensana e do alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome. Ademais, nestes días repartiron unha tonelada de pataxa da Limia e hamburguesas de raza caldelá.

Patacas nun campo de Galicia © Xunta

Denuncian que o acordo de libre comercio con Mercosur levaría á "entrada de produtos que compiten de maneira desleal cos nosos ao non estar suxeitos ás mesmas estritas regulacións de calidade e seguridade que os produtos europeos"

Os agricultores e gandeiros que participan na protesta denuncian os posibles efectos negativos para o campo galego do tratado de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur (que agrupa a Arxentina, Uruguai, Brasil e Paraguai), que está preto de ser asinado, pendente aínda de acadar o consenso requirido entre algúns países da UE. Para a organización convocante da tractorada, o tratado "expón serios desafíos" coa "entrada de produtos que compiten de maneira desleal cos nosos ao non estar suxeitos ás mesmas estritas regulacións de calidade e seguridade que os produtos europeos". 

"Isto non só ameaza a economía local, senón que tamén pode comprometer a seguridade alimentaria do país ao permitir a entrada de produtos con estándares máis baixos", engaden. Critícase tamén "o deficiente deseño da Política Agrícola Común (PAC).

Na última semana recibiron o apoio de Democracia Ourensana e do alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome

A Asociación do Sector Primario de Galicia alerta tamén da "crise" no sector gandeiro pola enfermidade dermatosis nodular contaxiosa (DNC), que "segue avanzando sen un plan de acción eficaz e está a ter repercusións devastadoras nas explotacións gandeiras". "É unha enfermidade vírica que afecta o gando vacún, está considerada como enfermidade de categoría A en a Unión Europea, polo que de producirse un positivo dentro da explotación, debe de sacrificarse a todos os animais", sinalan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.