Agromuralla reclama manter os contratos lácteos de 60 céntimos por litro ante a suba do 292% nos fertilizantes ou do 31% nos pensos

Jose Luis Perez Barreiro, presidente de Agromuralla, na súa granxa da Pastoriza © Agromuralla

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla vén de publicar unha análise do aumento dos custos de produción das granxas galegas no último ano, no que os prezos de abonos, pensos ou combustible se dispararon moi por riba do incremento da inflación e tamén dos propios pagamentos polo leite producido. Faino, ademais, a dúas semanas da renovación da maioría dos contratos de compra de leite en Galicia e recomendando que estes novos contratos lácteos para o ano 2023 "non poden baixar de 60 céntimos". 

Agromuralla cifra, por exemplo, o incremento do prezo dos fertilizantes entre xaneiro de 2022 e xaneiro de 2023 nun 292%, é dicir, o triplo do que custaba anteriormente. Segundo os cálculos da entidade, aumentou tamén o prezo do gasóleo un 81% e o penso das vacas nun 31,5%

Agromuralla cifra, por exemplo, o incremento do prezo dos fertilizantes entre xaneiro de 2022 e xaneiro de 2023 nun 292%, é dicir, o triplo do que custaba anteriormente. Segundo os cálculos da entidade, aumentou tamén o prezo do gasóleo un 81%, o penso das vacas nun 31,5%, a electricidade un 27,5%, a cota da Seguridade Social de autónomos un 60%, os servizos agrícolas un 30% e as bovinas de plástico un 31%. 

Eses aumentos engádense ao da colza (+27,5%), a mestura húmida (+25%), o leite en po para os tenreiros (+17,5%) ou o material para as camas (+14%). "Con estes custos de produción ningunha explotación láctea debería cobrar o litro de leite a menos de 60 céntimos porque estaría en risco a súa viabilidade económica", conclúe a asociación, que afirma que "os custos das granxas están a subir en porcentaxes moi superiores á inflación media e á revalorización que se ten producido no prezo do leite", en palabras do seu presidente, José Luis Pérez Barreiro. 

Agromuralla recomenda aos seus socios que non asinen contratos de venda de leite por baixo dos 60 céntimos por litro e pídelles "que fagan uso do poder de negociación que lles ofrece a lei e unha conxuntura de mercado favorable na que segue faltando leite". Aconséllanlles, ademais, "que non se deixen influenciar pola estratexia premeditada que están a levar a cabo as industrias para tentar revisar á baixa os contratos que rematan o vindeiro 31 de marzo". 

Agromuralla recomenda aos seus socios que non asinen contratos de venda de leite por baixo dos 60 céntimos por litro

O prezo medio declarado polos compradores aos produtores de leite en Galicia situouse en xaneiro nos 58,81 céntimos por litro (sen IVE), segundo os datos do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia. Supón un incremento do 63% con respecto aos prezos que se pagaban en xaneiro de 2022. Con todo, este forte incremento só se realizou nos prezos pagados nos últimos meses, pois en marzo do pasado ano o prezo medio era aínda de 37,9 céntimos por litro (unha suba interanual do 15%), cando os incrementos nos custos de produción eran xa moi elevados. No último ano o prezo de venda ao público do leite chegou a encarecerse un 35%, unha suba moderada lixeiramente en xaneiro (32%) despois da supresión do 4% de IVE e que en febreiro se situou no 30,7%.

Agromuralla critica a Xunta e Goberno central por "abandonar aos gandeiros á súa sorte"

 "A Xunta dedícase a lanzar mensaxes triunfalistas e a facer públicos informes de dubidosa obxectividade situándose a carón das industrias e non dos gandeiros", di Agromuralla

A asociación critica neste senso tanto á Xunta coma ao Goberno central por "abandonar aos gandeiros á súa sorte de cara á inminente renovación de contratos". "A Xunta dedícase a lanzar mensaxes triunfalistas e a facer públicos informes de dubidosa obxectividade situándose a carón das industrias e non dos gandeiros", di Agromuralla, que tamén sinala que a AICA (Agencia de Información y Control Alimentarios), dependente do Ministerio, "mira para outro lado ante os incumprimentos flagrantes das empresas na presentación das ofertas aos gandeiros, algo que limita claramente a capacidade de negociación das granxas". 

A entidade lembra que as industrias teñen obriga de facer chegar ao produtor a súa oferta con cando menos dous meses de antelación, "un prazo que as industrias non están a cumprir", polo que pide á AICA que actúe de oficio ante este "incumprimento da lei".

Uso da forraxe nunha explotación láctea galega © Xunta

"Os gandeiros non son os culpables do incremento da cesta da compra, senón as cadeas de distribución"

"Só con prezos do leite que permitan unha vida digna aos gandeiros haberá mozos e mozas interesados en continuar producindo leite", di José Luis Pérez Barreiro

A asociación dirixiuse tamén á industria láctea, á que advertiu que "se as empresas queren ter garantido o seu subministro de leite o prezo pagado ao gandeiro non pode baixar porque do contrario estará en perigo toda a cadea láctea", alertando de que "se o prezo do leite baixa de 60 céntimos as explotacións deixarán de ser viables", levando ao peche de moitas delas ou ao sacrificio de animais.

José Luis Pérez Barreiro salientou, ademais, que "a falta de rendibilidade sufrida nos últimos anos fixo que o sector non sexa atractivo para as novas xeracións, que buscan outras alternativas laborais en vez de quedar nas explotacións", lembrando que "hai un problema perentorio de relevo xeracional e seguen pechando granxas" e engadindo que "só con prezos do leite que permitan unha vida digna aos gandeiros haberá mozos e mozas interesados en continuar producindo leite".

"Os gandeiros non son os culpables do incremento da cesta da compra, senón as cadeas de distribución, que están a especular cos alimentos básicos incrementando as súas marxes de beneficio", sinala a entidade

Agromuralla tivo tamén palabras para os e as consumidoras, que están a observar con preocupación o importante incremento sufrido polos prezos de venda ao público do leite nos últimos meses. "Os gandeiros non son os culpables do incremento da cesta da compra, senón as cadeas de distribución, que están a especular cos alimentos básicos incrementando as súas marxes de beneficio", sinala a entidade, que se queixa de que "moitas veces os agricultores e gandeiros somos atacados inxustificadamente por determinados sectores da sociedade". A asociación critica tamén a rebaixa do 4% de IVE ao leite, "medida propagandística e electoral que non serviu para baixar o prezo do leite nos liñais dos supermercados" e que, en cambio, "está a castigar aos produtores".

SLG: presións das industrias lácteas para baixar prezos

O SLG esixiu a intervención da Administración "fronte as presións das industrias lácteas para baixar prezos" e lembrou que a Lei da Cadea Alimentaria permite que Xunta e MAPA "interveñan directamente para que o prezo non sexa menor que os custos"

Nas últimas semanas tamén o Sindicato Labrego Galego animou as granxas "a non asinar contratos que impliquen unha baixada de prezos" despois de ver como unha gran parte das ofertas realizadas pola industria para a renovación de contratos que se produce a finais de marzo "propoñen prezos á baixa". Unha delas, sinala o SLG, é Lactalis, a que ten un maior volume de recollida, e que de forzar unha baixada de prezos influiría nos datos do Observatorio Lácteo provocando que o resto de industrias se sumen a esa estratexia.

O SLG esixiu a intervención da Administración "fronte as presións das industrias lácteas para baixar prezos" e lembrou que a Lei da Cadea Alimentaria permite que Xunta e MAPA "interveñan directamente para que o prezo non sexa menor que os custos". O sindicato subliña que "resulta totalmente inadmisíbel a intención das operadoras de tentar ampliar as súas marxes de beneficio a costa de estrangular unha vez máis o elo máis feble da cadea: as granxas"

Tamén o SLG animou as granxas "a non asinar contratos que impliquen unha baixada de prezos" despois de ver como unha gran parte das ofertas realizadas pola industria para a renovación de contratos que se produce a finais de marzo "propoñen prezos á baixa"

Ademais, a propia Lei da Cadea Alimentaria especifica que os contratos entre granxas e industrias lácteas teñen que ter unha duración dun ano. Porén, o sindicato denuncia que "moitos dos que tamén se van renovar agora foron asinados por 6 meses, 3, 2, ou mesmo nalgúns casos subscritos mensualmente, xa que as industrias lácteas fixeron todo o posíbel para evitar comprometerse a asinar prezos razoábeis durante periodos máis longos".

O SLG tamén lembra o fortísimo incremento nos custos de produción que teñen as granxas -debido ao encarcecementos de abonos, pensos, combustible ou electricidade- e é crítica coa eliminación do IVE do leito, que "implicou que as granxas non estean percibindo este 4% mensual de IVE, se ben elas si que seguen pagando IVE naqueles insumos imprescindíbeis para producir".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.