Esta semana, o pasado 31 de maio, celebrouse o Día Internacional do Leite. A celebración foi aproveitada por profesionais e empresas do sector lácteo para sinalar a importancia dos seus produtos tanto no ámbito estritamente económico como na alimentación saudable, na fixación de poboación no territorio ou na preservación da biodiversidade cando as explotacións son respectuosas co medio natural.
A data serviu tamén para que sindicatos agrarios reiterasen a importancia de que se cumpra a lei da cadea alimentaria que prohibe a venda a perdas. Galicia, lembraba Unións Agrarias, "produce o 40% do leite" de todo o Estado e máis da metade das gandeiras e gandeiros están en territorio galego. Pero ao tempo, "continuamos á cola no que a prezos se refire", arredor dun céntimo por baixo da media e ata 3 por baixo de Asturias, sinalaban.
Alén da conxuntura, a celebración do Día do Leite serviu para poñer o foco nunhas explotacións que son cada vez menos mentres o número total de vacas tamén diminúe, aínda que en moita menor medida. Os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística, tirados do Sistema Integrado de Trazabilidade Animal da Consellería do Medio Rural en 2020, tiñan censadas en Galicia algo máis de 531.000 vacas das que unhas 313.000 eran de muxidura. No inicio da serie histórica destes datos, hai dúas décadas, eran algo máis de 750.000.
Como amosa o mapa sobre estas liñas, o centro de Galicia e moi especialmente a provincia de Lugo concentran os concellos con maior número de vacas. Sempre segundo os datos do IGE, o municipio con máis destes animais tanto de muxidura como en total en 2020 era Lalín, con algo máis de 15.000. Seguíano A Pastoriza (14.846), Mazaricos (13.213), Sarria (12.071), Castro de Rei (11.581), Santa Comba (10.717) e Vilalba (10.229). Só entre estes sete municipios con cadansúas máis de dez mil vacas sumaban case 88.000, case 67.000 delas, de leite, segundo o IGE.
De máis de 60.000 explotacións a menos de 30.000 en dúas décadas
A redución de cabezas de gando é apreciable, pero foi moito máis pronunciada a mingua de explotacións. O IGE reflicte que no ano 2020 Galicia baixara xa das 30.000 granxas con gando vacún e delas, unha maioría xa non producían leite. Algo máis de 18.000 dedícanse á carne e menos de 7.000, ao leite. Unha década antes, en 2012, as explotacións de vacún superaban as 45.000 e, dentro delas, as dedicadas ao leite eran máis de 12.000 cun número de animais moi semellante ao actual. Daquela, a tendencia é ao peche das explotacións con menos animais e ao mantemento e apertura de granxas de maior dimensión.
Máis vacas que persoas en 65 concellos
A importancia da gandaría de vacún en Galicia, combinada coa redución de poboación en diversos concellos rurais, dá lugar a unha curiosidade estatística que regresa de cando en vez: son un bo número os municipios galegos que, segundo os rexistros oficiais, albergan no seu territorio máis vacas que seres humanos. Atendendo aos datos máis recentes en ambas variables -o rexistro de gando bovino de 2020 e o padrón municipal de habitantes de 2021-, esta circunstancia prodúcese ata en 65 concellos, a maioría na provincia lucense.
A maior diferenza entre o número de vacas e de persoas é a da Pastoriza, que segundo estes datos tería case 12.000 vacas máis ca veciñas e veciños, xa que conta con algo menos de 3.000 habitantes. A seguinte maior fenda sería a de Mazaricos, con máis de 13.000 vacas e 3.800 persoas. En Frades, Rodeiro, Castro de Rei ou Friol a diferenza entre o número de vacas e o de seres humanos empadroados tamén é de máis de 5.000.
Estes rexistros estatísticos tamén permiten comprobar que na totalidade das habitualmente consideradas como sete principais cidades galegas segue habendo vacas, aínda que con grandes diferenzas numéricas. Tal e como lembraba esta semana a Casa Grande de Xanceda nun acto organizado polo Día do Leite, Lugo é con diferenza o concello urbano galego con máis vacas, xa que mantén algo máis de 9.700 no seu extenso termo municipal.
Tras Lugo sitúase Santiago, que tamén é un concello de gran extensión e en 2020 tiña case 3.000 vacas rexistradas. Nas outras cinco cidades, con menor superficie, as vacas inscritas en cadanseus concellos son moitas menos: en Ferrol quedan 300, en Vigo 64, en Pontevedra 58, en Ourense apenas 20 e na Coruña, 16.