O sector agrogandeiro eleva as protestas na Coruña e Lugo contra o acordo con Mercosur

Tractores polas rúas de Lugo, este luns na protesta convocada por Agromuralla © Agromuralla

Na Coruña mobilizáronse este luns ante a Delegración do Goberno do Estado ducias de produtores agrogandeiros convocados polo Sindicato Labrego Galego, que denuncia que o acordo "beneficia os intereses das grandes multinacionais e do agronegocio, mentres ameaza a viabilidade da agricultura familiar e labrega a ambos os lados do Atlántico"

As protestas contra o acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur, iniciadas na derradeira semana de decembro en Ourense, esténdense agora por toda Galicia unha vez consumada a luz verde para a aprobación do pacto. Este luns as cidades de Lugo e A Coruña foron escenario de protestas, ao tempo que continúan as mobilizacións na provincia ourensá, onde nos últimos días gandeiros e agricultores cortaron a autovía A-52 en varias ocasións.

Na Coruña mobilizáronse este luns ante a Delegración do Goberno do Estado ducias de produtores agrogandeiros convocados polo Sindicato Labrego Galego. O SLG denuncia que o acordo "beneficia os intereses das grandes multinacionais e do agronegocio, mentres ameaza a viabilidade da agricultura familiar e labrega a ambos os lados do Atlántico". O sindicato aposta en cambio pola "agroeacoloxía" e pola "soberanía alimentaria", coa produción de alimentos na contorna das consumidoras e consumidores. 

A mobilización, unha das convocadas en toda Europa pola ECVC (Coordenadora Europea Vía Campesina), foi apoiada polas organizacións ambientalistas Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, integrantes xunto ao SLG do movemento Plantámonos.

Mobilización contra o acordo de libre comercio UE-Mercosur este luns na Coruña © Plantámonos

A protesta, apoiada por Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, alerta de que o acordo de libre comercio con Mercosur fomenta un "modelo de produción de alimentos concentrado en cada vez menos mans, orientado á especulación e á exportación, causante de despoboamento rural, ecoloxicamente insustentable"

Para estas entidades, "a integración da alimentación nos acordos de libre comercio supón o reforzamento da agroindustria en prexuízo das producións labregas, aumentando a destrución social e ambiental asociada a este modelo de produción de alimentos concentrado en cada vez menos mans, orientado á especulación e á exportación, causante de despoboamento rural, ecoloxicamente insustentable e importante fonte de crise climática".

O movemento Plantámonos sinala que nin Europa nin Sudamérica precisan "de máis agroindustria, máis alimentos quilométricos, máis monocultivos depredadores de solo fértil e auga doce, máis precariedade e empobrecemento labrego nin máis agrotóxicos". E, pola contra, apostan por "alimentos sans, seguros, nutritivos e accesibles, producidos con dignidade o máis perto posible do lugar de consumo, coidando a terra e a paisaxe, mantendo o medio rural vivo, freando a crise climática". 

En Lugo este luns ao mediodía tivo lugar unha mobilización de produtores gandeiros convocada por Agromuralla e a asociación Gandeiros Galegos da Suprema

En Lugo este luns ao mediodía tivo lugar unha mobilización de produtores gandeiros convocada por Agromuralla e a asociación Gandeiros Galegos da Suprema. A protesta partiu do edificio da Xunta de Galicia na Ronda da Muralla para rematar o seu percorrido diante da Subdelegación do Goberno, no centro da cidade. As dúas entidades convocantes denuncian que o tratado pon "en grave risco ás explotacións de vacún de leite e de carne galegas".

Ante as sedes da Xunta e do Goberno do Estado, os convocantes leron senllos manifestos dirixidos a ambas as dúas administracións e colocaron un stand informativo no final do percorrido para explicar aos consumidores os efectos que a sinatura do acordo pode ter para a poboación. "Vaise abrir a porta á entrada de carne e outros produtos sen as mesmas garantías que os que producimos aquí", asegura Noelia Rodríguez, presidenta de Agromuralla, que explica que "a nosa intención é facer ver por toda Galicia o descontento dos produtores e facer chegar aos consumidores as consecuencias tan negativas do tratado con Mercosur".

Protesta contra o acordo de libre comercio UE-Mercosur convocada polo SLG e apoiada por Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace © Plantámonos

 "Vaise abrir a porta á entrada de carne e outros produtos sen as mesmas garantías que os que producimos aquí", asegura Noelia Rodríguez, presidenta de Agromuralla

Pola súa banda, Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, incidiu en que "as menores esixencias en materia sanitaria, medioambiental e de benestar animal" en países como Arxentina ou Brasil, grandes exportadores mundiais de carne de vacún, supoñen "unha clara competencia desleal para as granxas galegas, e para todo o sector primario en xeral". 

Por iso, explica "a entrada masiva de carne conxelada procedente destes países podería facer caer os prezos e poñer en risco a viabilidade e supervivencia das ganderías galegas e demais explotacións agropecuarias, que son as que manteñen a poboación e o territorio en amplas zonas de montaña e do interior de Galicia". Finalmente, Rego engade que "a perda de valor da carne tamén afectaría ás explotacións leiteiras, que teñen na venda de becerros e de vacas de desvelle outra das súas principais fontes de ingresos". 

O colectivo agro-gandeiro 'Eles Elas' e a Federación Rural Galega (FRUGA) opóñense con rotundidade ao acordo e convocan mobilizacións o vindeiro domingo 18 de xaneiro na Coruña, Lugo e Ourense

Tamén o colectivo agro-gandeiro 'Eles Elas' e a Federación Rural Galega (FRUGA) opóñense con rotundidade ao acordo e convocan mobilizacións o vindeiro domingo 18 de xaneiro na Coruña, Lugo e Ourense. Fruga alerta de que "unha entrada masiva de carne de bovino procedente de Mercosur vai ter un grande impacto na Galiza, tanto no que ten a ver coa evolución negativa das explotacións deste sector, e polo tanto abandono do rural, así como sobre os prezos". Apunta, igualmente, que "outros sectores potencialmente afectados nas Galiza poderán ser os da avicultura e o do mel".

Advirte, ademais, de que "as condicións nas que se desenvolve o sector de bovino de carne en países como Brasil e Arxentina, tanto no que ten a ver coas dimensións das explotacións como nas condicións laborais e de cumprimento de determinados requirimentos produtivos e medioambientais, fan que os seus custes de produción sexan moito menores".

Protesta contra o acordo de libre comercio UE-Mercosur este luns na Coruña © Plantámonos

Reaccións políticas

O BNG posicionouse claramente contra o acordo e apoiou as protestas de agricultores e gandeiros galegos e alerta da "competencia desleal" que poden sufrir os produtores do país

As protestas do sector agrogandeiro galego recibiron xa o apoio de BNG, Esquerda Unida e Interior Galego Vivo. O pasado 5 de xaneiro os produtores mobilizados na cidade de Ourense mantiveron un encontro coa eurodeputada nacionalista Ana Miranda, que amosou o seu rexeitamento ao acordo comercial, que considera "gravemente lesivo para o sector produtivo galego" e contra o que o BNG xa presentou diversas iniciativas nas institucións. Miranda afirmou que o BNG “non vai apoiar ningún tratado que venda o campo galego nin someta as nosas produtoras e produtores a unha competencia desleal”.

Tres días despois o BNG anunciou a presentación no pleno da Deputación de Ourense dunha moción de apoio ao sector agrogandeiro fronte ao acordo UE–MERCOSUR e os recortes da PAC. O BNG denuncia as “graves repercusións no sector agrogandeiro galego pola entrada masiva de produtos agrarios procedentes de América do Sur, especialmente no sector avícola e da carne de vacún”. O portavoz provincial Bernardo Varela advertiu de que este acordo permitirá a entrada de “un volume de carne semellante á produción anual de Galiza, sen cumprir os requisitos que se lle esixen á gandería galega”, xerando unha competencia desleal e poñendo en risco explotacións familiares que sosteñen o territorio.

Protesta contra o acordo de libre comercio UE-Mercosur este luns en Lugo © Agromuralla

Tamén o presidente Alfonso Rueda sinalou este luns que cómpre "ser esixente en que se garanta que esa chegada de produtos agricolas doutros paises" se faga asegurando que cumpran "as mesmas condicións que os produtos galegos para ser comercializados"

Tamén, dende a Xunta, o presidente Alfonso Rueda sinalou este luns que cómpre "ser esixente en que se garanta que esa chegada de produtos agricolas doutros paises" se faga asegurando que cumpran "as mesmas condicións que os produtos galegos para ser comercializados". "Mentres existan esas inquedanzas, o acordo non se pode dar por aplicado", engadiu. 

Pola contra, este luns o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu que o acordo é “positivo para Galicia e para España” nun contexto internacional marcado pola suba de aranceis e o peche de mercados. Besteiro sinalou que o acordo "abre oportunidades reais para sectores clave da economía galega, como a automoción, o téxtil, a química ou a industria agroalimentaria". E en relación co sector do vacún, recoñeceu que pode haber "preocupacións puntuais", pero sinalou que “a clave está en cumprir con rigor os controis, aplicar as cláusulas de salvagarda e garantir que se esixan as mesmas condicións sanitarias e ambientais que se aplican aquí”.

Pola súa banda, Alba Torreiro, responsable de Área Externa de Esquerda Unida, sinala que “o acordo UE-MERCOSUR é un tratado neoliberal que aprofunda a apertura de mercados sen garantir dereitos sociais nin estándares ambientais e sanitarios efectivos, favorecendo ás grandes multinacionais sobre as pequenas e medianas producións agrarias”

Mentres, Interior Galego Vivo denuncian que "PP, PSOE e Vox venden o campo galego cada vez que votan en Europa, por moito que logo tenten vender outro relato á cidadanía", en referencia ao voto favorable que os eurodeputados das tres formacións ofreceron no Parlamento europeo ao acordo comercial con Mercosur.

Votación final do Consello da UE sobre o acordo comercial con Mercosur realizada o pasado 9 de xaneiro CC-BY-SA Carlos Sanz Astudillo

Un acordo con gañadores e perdedores, listo para a súa sinatura

O pasado 9 de xaneiro o tratado comercial entre a UE e MERCOSUR acadou a necesaria maioría cualificada para a súa aprobación ao obter na votación reailzada no Consello o apoio de 55% dos países cunha representación de cando menos o 65% da poboación. A pesar de que países como Francia, Polonia ou Irlanda se mantiveron firmes na súa negativa, foi determinante o apoio de España e Alemaña e, sobre todo, o voto favorable de Italia, que amosara ata o último momento unhas dúbidas só vencidas despois da concesión ao goberno de Meloni dalgunha das súas demandas.

Unha vez consumada a súa aprobación en Europa, só resta xa a sinatura do acordo, que terá lugar este sábado 17 de xaneiro en Asunción (Paraguai)

Unha vez consumada a súa aprobación en Europa, só resta xa a sinatura do acordo, que terá lugar este sábado 17 de xaneiro en Asunción (Paraguai). O acordo comercial entre os dous bloques económicos deixará libres de aranceis o 91% das importacións procedentes de Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai, países que á vez liberalizarán o 92% das importacións procedentes dos 27 países da UE.  Será máis barato o acceso dos produtos europeos ao mercado dos catro países iberoamericanos, pero tamén os produtos brasileiros, arxentinos, uruguaios e paraguaios entrarán sen apenas restricións en Europa. 

Encontro entre Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, e os presidentes de Arxentina, Uruguai, Brasil e Paraguai CC-BY-SA UE

O acordo é celebrado en Europa por algúns sectores e, por exemplo, espérase que aumenten as exportacións de viño, aceite ou leite en pó. Tamén se poden ver beneficiados o sector do automóbil e maquinaria, o químico ou o farmacéutico, así como o de servizos

O acordo é celebrado en Europa por algúns sectores e, por exemplo, espérase que aumenten as exportacións de viño, aceite ou leite en pó. Tamén se poden ver beneficiados o sector do automóbil e maquinaria, o químico ou o farmacéutico, así como o de servizos, xa que as empresas europeas poderán competir con menores limitacións coas americanas neses países. 

Pola contra, o tratado esperta o rexeitamento noutros, que alertan de que os mercados da UE se verán asulagados coa chegada, sobre todo, de grandes cantidades de carne de vacún con prezos moi inferiores aos que neste momento poden ofrecer os produtores europeos. Neste senso, denúnciase que os gandeiros sudamericanos deben cumprir con menores esixencias sanitarias ou medioambientais na produción da súa carne e, en xeral, afrontan custos de man de obra e de alimentación moi inferiores. Tamén se alerta da chegada a Europa de maiores cantidades de froitas e verduras producidas nestes países, especialmente de cítricos, así como de cereais. E, igualmente, doutro tipo de carnes, especialmente de ave. 

Pola contra, o tratado esperta o rexeitamento noutros, que alertan de que os mercados da UE se verán asulagados coa chegada, sobre todo, de grandes cantidades de carne de vacún con prezos moi inferiores aos que neste momento poden ofrecer os produtores europeos

O acordo introduce algunhas cláusulas de protección para os sectores máis prexudicados, co obxectivo de evitar os efectos negativos máis temidos polos produtores de carne. Así mesmo, inclúe cláusulas espello co obxectivo de que os produtores sudamericanos comecen a aplicar as mesmas normativas medioambientais e sanitarias esixidas por Europa. Porén, as voces críticas co acordo poñen en dúbida a efectividade destas cláusulas

O Ministerio de Economía encargou unha análise sobre o acordo de libre comercio e os seus posibles beneficios e prexuízos para os distintos sectores da economía española. O texto, realizado pola profesora da Universidade Complutense de Madrid María C. Latorre, salienta os efectos positivos do acordo e minimiza os impactos negativos, en liña co defendido polo Goberno do Estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.