A mobilización bloqueou a porta principal da Subdelegación do Goberno central, colocando na entrada varias pacas da palla, ademais dun dos tractores
A protesta de produtores agrogandeiros en forma de tractorada que dende o pasado luns 29 de decembro ocupa varias rúas do centro da cidade de Ourense elevou este martes e mércores a súa intensidade. A mobilización impulsada pola Asociación do Sector Primario de Galicia, que denuncia o acordo de libre comercio entre UE e Mercosur, bloqueou a porta principal da Subdelegación do Goberno central, colocando na entrada varias pacas da palla, ademais dun dos tractores. A pesar de que a Policía lles indicou que debían retirar o bloqueo, non o fixeron.
Ademais, neste mércores no que a protesta indefinida chega ao seu noveno día, máis tractores entraron na cidade, superando xa o cento de vehículos. Na mañá deste mércores a tensión elevouse coa chegada de antidisturbios, que finalmente non interviron. De igual xeito, aínda que se ameazara coa realización de cortes de tráfico na cidade, finalmente estes non se levaron a cabo.
Neste mércores no que a protesta indefinida chega ao seu noveno día, máis tractores entraron na cidade, superando xa o cento de vehículos
Despois de ter recibido nos primeiros días de protesta o apoio de Democracia Ourensana e do alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, o 5 de xaneiro os produtores mobilizados recibiron tamén a visita da eurodeputada do BNG Ana Miranda, que amosou tamén o seu rexeitamento ao acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur, un tratado que o BNG considera "gravemente lesivo para o sector produtivo galego" e contra o que os nacionalistas xa presentou diversas iniciativas nas institucións. Ana Miranda afirmou que o BNG “non vai apoiar ningún tratado que venda o campo galego nin someta as nosas produtoras e produtores a unha competencia desleal”.
Tamén se achegaron á protesta os deputados no Parlamento Iago Tabarés, Secundino Fernández e Sonia Vidal; os deputados na Deputación de Ourense Bernardo Varela, María Mangana e Xosé Manuel Puga; así como o portavoz do BNG no Concello de Ourense, Luís Seara. Secundino Fernández advertiu de que tanto o acordo UE-Mercosur como a nova PAC suporán “unha redución moi importante dos fondos europeos destinados ao agro galego, poñendo en risco o futuro do medio rural e a remuda xeracional”.
Os produtores mobilizados recibiron o apoio de varios representantes do BNG, entre eles a eurodeputada Ana Miranda, que amosou o seu rexeitamento ao acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur, un tratado que o Bloque considera "gravemente lesivo para o sector produtivo galego"
Tamén a Xunta expresou o seu apoio ás demandas sobre a futura PAC e o acordo UE-Mercosur. O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, reuníronse con representantes da Asociación do Sector Primario de Galicia. A respecto do Mercosur, a Xunta "comparte co sector o criterio de que os produtos agroalimentarios de terceiros países deban cumprir os mesmos estándares de calidade, sanidade e benestar animal que os comunitarios, para non supoñer unha competencia desleal fronte o rigor dos produtores europeos en eidos como o da sustentabilidade".
En relación coa futura PAC, a Xunta expuxo a postura de rexeitamento de Galicia ante a nova proposta da Política Agraria Común a partir de 2028, por supoñer unha perda de fondos. O Goberno galego estima que esta redución de orzamento sería de polo menos o 20 %, o que suporía uns 80 millóns de euros anuais menos para o rural galego.
Tamén a Xunta expresou o seu apoio ás demandas sobre a futura PAC e o acordo UE-Mercosur
Nas últimas horas tamén a organización ultra Frente Obrero expresou o seu apoio á tractorada ourensá a través dun vídeo publicado nas redes sociais.
Os agricultores e gandeiros que participan na protesta denuncian os posibles efectos negativos para o campo galego do tratado de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur (que agrupa a Arxentina, Uruguai, Brasil e Paraguai), que está preto de ser asinado, pendente aínda de acadar o consenso requirido entre algúns países da UE. Para a organización convocante da tractorada, o tratado "expón serios desafíos" coa "entrada de produtos que compiten de maneira desleal cos nosos ao non estar suxeitos ás mesmas estritas regulacións de calidade e seguridade que os produtos europeos".
"Isto non só ameaza a economía local, senón que tamén pode comprometer a seguridade alimentaria do país ao permitir a entrada de produtos con estándares máis baixos", engaden. Critícase tamén "o deficiente deseño da Política Agrícola Común (PAC).
A Asociación do Sector Primario de Galicia alerta tamén da "crise" no sector gandeiro pola enfermidade dermatosis nodular contaxiosa (DNC), que "segue avanzando sen un plan de acción eficaz e está a ter repercusións devastadoras nas explotacións gandeiras". "É unha enfermidade vírica que afecta o gando vacún, está considerada como enfermidade de categoría A en a Unión Europea, polo que de producirse un positivo dentro da explotación, debe de sacrificarse a todos os animais", sinalan.