A tensión segue en máximos. O mundo tiña os ollos postos na xuntanza que este mércores pactaran na Casa Branca os representantes, por unha banda, de Dinamarca e Groenlandia, e por outro, dos Estados Unidos, para dirimir o futuro da illa. O país norteamericano asegurou en varias ocasións, e especialmente nestes últimos días, que o seu obxectivo é anexionarse este enclave estratéxico para o control do Ártico, mentres os daneses se pechan ante tal extremo.
"Non conseguimos cambiar a posición estadounidense. Está claro que o presidente ten este desexo de conquistar Groenlandia", lamenta o ministro de Exteriores danés, que asegura manterse firme no dereito de autodeterminación do pobo groenlandés
Na reunión ambas as partes só sacaron en claro o seu desacordo: Dinamarca cualificou de "completamente inaceptable" o desexo do presidente dos EUA, Donald Trump, de apropiarse da illa. Con todo, tanto o vicepresidente do país norteamericano, James David Vance, como o secretario de Estado, Marco Rubio, continuaron enrocados nas súas posicións. O ministro de Exteriores danés, Lars Løkke Rasmussen, chegou a usar o termo "conquistar": "Non conseguimos cambiar a posición estadounidense. Está claro que o presidente ten este desexo de conquistar Groenlandia".
O pouco no que coincidiron foi en crear un grupo de traballo de alto nivel para abordar a cuestión. "Decidimos formar un grupo de traballo de alto nivel para explorar se podemos atopar un camiño común para seguirmos", comunicou nunha rolda de prensa Rasmussen, xunto á súa homóloga groenlandesa, Vivian Motzfeldt, tras saír da reunión celebrada no Edificio Executivo Eisenhower, dentro do complexo da Casa Branca.
O ministro asegurou que se reunirán por primeira vez "en cuestión de semanas", apuntando o seu desexo de abordar as preocupacións estadounidenses pero "respectando as liñas vermellas" de Dinamarca. Así e todo, non é unha tarefa sinxela, xa que a mensaxe de Trump non parece cambiar respecto do seu desexo de ocupar o territorio. Este mesmo mércores, antes da reunión acontecida -á que que o presidente estadounidense non acudiu-, escribiu na súa rede social Truth Social que con Groenlandia nas "mans" dos Estados Unidos, a OTAN será moito máis eficaz, e agregou que "calquera cousa menos que iso é inaceptable".
As posicións seguen enfrontadas a pesar deste intento de achegamento. Rasmussen non deixou de manterse firme no dereito de autodeterminación do pobo groenlandés, e asegura que calquera idea que non respecte os dereitos dos seus cidadáns é "totalmente inaceptable". "Por tanto, seguimos tendo discrepancias fundamentais, pero tamén estamos de acordo en estar en desacordo", asegurou nun intento de rebaixar as tensións. Con todo, a mensaxe está clara, tanto o primeiro ministro de Groenlandia, Jens-Frederik Nielsen, como a primeira ministra danesa, Mette Frederiksen, rexeitan a posibilidade de que os Estados Unidos se fagan coa illa.
Europa reforza a súa presenza militar
Suecia, Noruega e Francia únense a Dinamarca no exercicio militar 'Operación Resistencia Ártica', na que o Goberno de España non desbota participar
En resposta a estas ameazas, este mesmo mércores e en paralelo ás reunións cos EUA o Ministerio de Defensa danés anunciou un aumento de militares no territorio ártico, así como de manobras, co apoio estratéxico doutros países da OTAN. A presenza militar vaise ver multiplicada a unha velocidade vertixinosa nun territorio de apenas uns 57.000 habitantes.
Polo momento, Suecia, Noruega, Alemaña e Francia uníronse ao seu veciño europeo tras a solicitude de axuda, nun exercicio que chamaron Operation Arctic Endurance (Operación Resistencia Ártica). "Chegan este mércores a Groenlandia oficiais das Forzas Armadas suecas. Forman parte dun grupo de varios países aliados", escribiu o primeiro ministro sueco, Ulf Kristersson, na súa conta de X. Este xoves o Goberno de España, a través da ministra de Defensa, asegurou que "non desbota" participar na misión, pero Margarita Robles pediu tamén non "adiantar acontecementos"
O Ministro de Defensa danés quixo facer patente nunhas declaracións a necesidade de "adestrarse" nestas manobras "en beneficio tanto da seguridade europea como transatlántica". No caso dun conflito militar no territorio, as condicións extremas que enfronta Groenlandia suporían un problema para os profesionais menos experimentados, un factor que os países europeos están a previr.
Francia, pola súa banda, tamén enviará militares á illa. Ademais, como "sinal político" contribuirá coa apertura dun consulado no territorio pertencente a Dinamarca a partir do 6 de febreiro. O ministro francés de Exteriores, Jean-Noël Barrot, foi moi duro nas súas declaracións, cualificando de "chantaxe" a posición dos EUA.
Trump sobe a tensión
O presidente dos EUA sostén que o país ártico debe pasar ás súas "mans" e que "calquera cousa menos ca iso é inaceptable"
Até este momento da redacción da presente información, o país norteamericano non se pronunciara sobre a reunión mantida con Dinamarca, pero quen si falou ao longo deste mércores foi o seu presidente, que non contribuíu a rebaixar as tensións. Segundo o mandatario, o territorio en disputa é necesarioo para a "seguridade nacional" do seu país.
Trump fixo alusión ao proxecto Cúpula Dourada, un sistema de defensa antimísiles que conta cun orzamento inicial de 175.000 millóns de dólares e que serviría para protexer os EUA desde o espazo. O presidente cualificou de "vital" a Groenlandia para este proxecto.
Por ese motivo de seguridade, o mandatario animou a OTAN a impulsar a anexión: "Dille a Dinamarca que saia de aí XA!? Se non o facemos, Rusia ou China farano, e iso non vai suceder!", asegurou.
O inquilino da Casa Branca tamén publicou unha noticia que afirma que o ano pasado os servizos de intelixencia daneses alertaron do interese militar de China e Rusia en Groenlandia e no Ártico. "Dous trineos tirados por cans non serven. Só Estados Unidos pode!", comenta con burla noutra mensaxe sobre as forzas armadas danesas.
Ademais, o republicano sacou peito do seu papel no desenvolvemento da organización atlántica: "Militarmente, sen o vasto poder de Estados Unidos, gran parte do cal construín durante o meu primeiro mandato e que agora estou a elevar a un nivel novo e aínda máis alto, a OTAN non sería unha forza eficaz nin disuasoria, nin de lonxe! Eles sábeno, e eu tamén".