O secuestro ilegal do presidente Nicolás Maduro mediante unha “extracción” digna dun blockbuster de Hollywood foi acompañada por un bombardeo selectivo sobre Caracas, cuxo único propósito foi exhibir un poder ilimitado, capaz de aterrorizar a toda a poboación venezolana
Na madrugada do pasado 3 de xaneiro, a nova doutrina Monroe auspiciada polo presidente Donald Trump (a doutrina Donroe, segundo Paul Krugman) golpeou cun forte tramancazo (“big stick”) a política internacional e, en particular, o taboleiro político venezolano.
O secuestro ilegal do presidente Nicolás Maduro mediante unha “extracción” digna dun blockbuster de Hollywood foi acompañada por un bombardeo selectivo sobre Caracas, cuxo único propósito foi exhibir un poder ilimitado, capaz de aterrorizar a toda a poboación venezolana e, paradoxalmente, alegrar a importantes segmentos da súa diáspora.
Esa exhibición de poder militar absoluto é parte consubstancial da axenda do neoimperialismo da administración republicana, expresada con crudeza e total transparencia na Estratexia de Seguridade Nacional de novembro do 2025. “America é poderosa e respectada de novo – e por iso, levamos a paz a todo o mundo. En todo o que facemos, poñemos América Primeiro”.
Esa exhibición de poder militar absoluto é parte consubstancial da axenda do neoimperialismo da administración republicana, expresada con crudeza e total transparencia na Estratexia de Seguridade Nacional
O supremacismo trumpista non dubida en caracterizar teoloxicamente os EE.UU como o pobo elexido, cuxos dereitos e intereses xustifican todo: “Primeiro e sobretodo, queremos asegurar a supervivencia dos Estados Unidos como unha república independente e soberana cuxo goberno garante os dereitos naturais concedidos por Deus aos seus cidadáns e dá prioridade aos seus intereses e benestar”. Nesa medida, “queremos garantir que o hemisferio ocidental se manteña estable e suficientemente gobernado como para previr e desincentivar a inmigración masiva aos Estados Unidos; queremos un hemisferio cuxos gobernos cooperen con nós contra o narcoterrorismo, cárteles e otras organizacións criminais transnacionais; queremos un hemisferio libre de inxerencias estranxeiras sobre bens básicos ou cadeas loxísticas esenciais; e queremos garantir o noso permanente acceso a recursos estratéxicos clave. Noutras palabras, defenderemos un “corolario Trump” da doutrina Monroe”.
Por máis que ética, xurídica e politicamente sexa inadmisible, nos termos desas terribles premisas o resultado da operación do 3 de xaneiro non pode senón cualificarse de exitoso.
O chavismo non foi descabezado. A explicación reside en que o único interese estratéxico dos EUA en Venezuela, expresamente verbalizado polo Presidente Trump, é o control da explotación do petróleo venezolano. Ninguén máis eficaz que o propio aparello chavista para facer este negocio antes das eleccións norteamericanas de mid-term
Maduro, cabeza do réxime poschavista, compareceu xa perante un xuíz xudeu de 92 anos. Un xuíz federal que, como bo Matusalén, reclamará para Maduro a xustiza maniquea do Antigo Testamento antes que o garantismo penal e procesual mínimo de calquera país civilizado. A Maduro agárdalle o mesmo destino que a Manuel Antonio Noriega, o xeneral panameño condenado a 40 anos de reclusión polas súas presuntas relacións co Cártel de Medellín.
Porén, o chavismo non foi descabezado. Non houbo un golpe de Estado, nin o bombardeo de centros loxísticos clave do exército bolivariano que permitisen o desmantelamento da estrutura política clave do presente e do futuro venezolano.
Todo apunta a que unhas eleccións limpas baixo a Constitución bolivariana de 1999 sexa a única saída sustentable por todas as partes a medio prazo; a única que non entregue o país a unha elite neocolonial vengativa, nin sacrifique a soberanía do demos venezolano na loita contra o imperialismo ianqui
A explicación reside en que o único interese estratéxico dos EUA en Venezuela, expresamente verbalizado polo Presidente Trump, é o control da explotación do petróleo venezolano. Nin desmantelar as organizacións de narco tráfico, nin restaurar unha democracia títere, nin tampouco entregarlle o poder á premio Nobel Corina Machado: o obxectivo é garantir a dispoñibilidade da maior reserva de hidrocarburo pesado do Hemisferio Occidental para as empresas petroleiras norteamericanas.
Sendo isto así, e unha vez “extraído” o capo Maduro (entregado en sacrificio por estreitos colaboradores do propio réxime), ninguén máis eficaz que o propio aparello chavista para facer este negocio antes das eleccións norteamericanas de mid-term, en novembro do 2026. Trump necesita demostrarlle axiña ao votante norteamericano os resultados da súa política; e, á vista do seu fracaso no ámbito interno, especialmente no económico, compréndese que o foco se poña nos rendementos do aventurerismo empresarial-imperial exterior, resituado como grande baza de consolidación política interna.
Neste contexto, e baixo a ameaza dun segundo ataque militar, Delcy Rodríguez asume o difícil papel de xestionar o equilibrio entre o servizo debido ao Amo Imperial, e a retórica antiimperialista consubstancial do chavismo. Un funambulismo cuxo éxito dependerá do instinto de supervivencia do réxime, da propia presión que exerza a oposición interna e da evolución dos apoios internacionais, tamén tensionados polo dilema de optar entre un réxime carente de lexitimidade democrática tras as eleccións do 2024 e o apoio a unhas formas imperiais inaceptables desde calquera punto de vista civilizado.
Son moitas as incógnitas por despexar e as análises por facer nas vindeiras semanas. O futuro de Cuba, Nicaragua, Colombia ou Groenlandia reverbera baixo o forte impacto dos acontecementos venezolanos.
De momento, Donald Trump só mencionou a necesidade dunhas eleccións democráticas en Venezuela, sen poñer nin calendario nin condicións de celebración. Todo apunta a que esta –unhas eleccións limpas baixo a Constitución bolivariana de 1999– sexa a única saída sustentable por todas as partes a medio prazo; a única que non entregue o país a unha elite neocolonial vengativa, nin sacrifique a soberanía do demos venezolano na loita contra o imperialismo ianqui.
Son moitas as incógnitas por despexar e as análises por facer nas vindeiras semanas. O futuro de Cuba, Nicaragua, Colombia ou Groenlandia reverbera baixo o forte impacto dos acontecementos venezolanos.
Para os galegos e galegas de esquerdas, que sempre consideraron o antiimperialismo un elemento básico da súa identidade ideolóxica, o tramancazo venezolano é un novo aviso do violento mundo hobbesiano no que vivimos
Galicia tampouco ficará á marxe dese impacto, tanto por termos diáspora propia en Venezuela como por sermos destino da diáspora venezolana. Para os galegos e galegas de esquerdas, que sempre consideraron o antiimperialismo un elemento básico da súa identidade ideolóxica, o tramancazo venezolano é un novo aviso do violento mundo hobbesiano no que vivimos, e dos desafíos que afrontamos como sociedade duplamente periférica (do Estado español, e de Europa) para garantir a escasa soberanía e a pouca democracia que aínda usufrutuamos nesta altura histórica.