• Entrevista | Roberto Mansilla
  • Mundo

"Non descarto algún episodio de confrontación interna en Venezuela ante a tutela que quere exercer Trump"

Mobilización nas rúas de Venezuela, nunha imaxe de arquivo correspondente ao mes de decembro © Goberno de Venezuela

"Aínda que a cúpula do goberno de Maduro foi descabezada coa detención do seu líder, a realidade é que continúa no poder a través da figura de Delcy Rodríguez. E isto é algo que probablemente foi pactado por anticipado"

Nas 24 horas que seguiron aos bombardeos estadounidenses da madrugada do sábado tivo lugar unha vertixinosa sucesión de acontecementos, moitos deles inesperados, que nun primeiro momento ían abrindo ao seu paso máis e máis incógnitas. A caótica rolda de prensa de Donald Trump resolveu algúns pero presentou novos interrogantes sobre o futuro inmediato de Venezuela e, hai que dicilo, sobre o do conxunto do planeta, ferida de morte a legalidade internacional e as súas estruturas. 

Despois dunha fin de semana de tempo histórico acelerado, Nicolás Maduro respousa nun cárcere en Nova York á espera dun xuízo por narcotráfico. En Venezuela o chavismo que sobreviviu a Chávez semella disposto a sobrevivir a Maduro, pero desta volta cunha tutela militar exercida por un Donald Trump que lanzou unha mensaxe de forza a países competidores -especialmente China- e a países indisciplinados do "hemisferio occidental" que reclama para si. E no resto do planeta, o mundo divídese entre quen denuncian a violación do dereito internacional e quen a xustifican se os prexudicados son os outros.

Delcy Rodríguez, vicepresidenta de Venezuela, asumiu o liderado do país © Goberno de Venezuela

"Trump mencionou 26 veces a palabra petróleo. Quedou claro que aínda que xustificou a intervención por unha cuestión de seguridade nacional, semella haber elementos máis importantes, algúns de política interna e outros relacionados co petróleo, que é o motor principal de toda esta operación"

Que vai pasar en Venezuela? De que xeito se vai facer compatible un goberno que seguirá sendo dirixido polo aparello chavista e cun discurso de defensa da súa soberanía coa pretensión de Washington de tutelar o país e, sobre todo, o seu petróleo e outros recursos naturais? Falamos co analista internacional de orixe venezolana Roberto Mansilla, que xa este sábado pola mañá apuntaba nesta entrevista á posibilidade certa de que existira un pacto previo entre a administración Trump e sectores do goberno de Maduro.

Que información proporcionou a rolda de prensa de Trump do sábado pola tarde entre o que dixo e o que insinuou? Confirmou as túas sospeitas de que existira un pacto previo entre EUA e sectores do Goberno venezolano?

Na intervención de Trump tivo varias cuestións interesantes e máis aínda a que posteriormente realizou o secretario de Defensa de EEUU, Peter Hegseth. En primeiro lugar, Trump afirmou que os Estados Unidos gobernarán Venezuela ata que haxa unha “transición xusta e adecuada”, deixando moi claro que vai haber unha tutela. 

Por outra banda, aínda que a cúpula do goberno de Maduro foi descabezada coa detención do seu líder, a realidade é que o réxime de Maduro continúa no poder a través da figura de Delcy Rodríguez. E isto é algo que probablemente foi pactado por anticipado. Queda claro que os Estados Unidos están recuperando a súa esfera de influencia en Venezuela, parece que a través dunha liña directa entre Marco Rubio e Delcy Rodríguez, como sinalou o propio Trump.

"A declaración máis importante deuna Peter Hegseth cando afirmou que o ataque é 'unha demostración de que se pode acadar a paz pola forza'. A legalidade internacional, que unha vez máis foi violentada, queda claro que queda supeditada a unha serie de intereses xeopolíticos estratéxicos

O terceiro elemento da rolda de prensa que considero clave é o petróleo. Trump mencionou 26 veces a palabra petróleo. Quedou claro que aínda que Trump xustificou a intervención por unha cuestión de seguridade nacional, semella haber outros elementos máis importantes. Por unha banda, algúns relacionados coa política interna, co obxectivo de manter o apoio de votantes cubanos e venezolanos en EUA. E, por suposto, outros relacionados co petróleo, que é o motor principal de toda esta operación. 

Por último, tamén quedou claro o descrédito da autoridade de María Corina Machado. Queda claro que a administración Trump non conta con ela, a pesar de que pouco antes da rolda de prensa de Trump, Machado afirmaba que estaba disposta para asumir o poder. Trump é moi claro cando afirma que ela non ten o peso político e, sobre todo, o respecto da sociedade de Venezuela. 

Donald Trump e Marco Rubio observan o desenvolvemento da operación na que se secuestrou a Maduro CC-BY-SA The White House

"Hai un pacto tácito de equilibrio a nivel internacional entre os Estados Unidos, China e Rusia. Algo semellante sucedeu coa caída de Bashar al-Ásad en Siria; o perfil de China e Rusia respondendo a esa situación foi tamén bastante baixo"

A nivel internacional, que implicacións ten o sucedido, sobre todo, atendendo ás declaracións de Trump?

A declaración máis importante, ao meu parecer, deuna Peter Hegseth cando afirmou que o ataque deste sábado é "unha demostración de que se pode acadar a paz pola forza". Boa parte da súa intervención e tamén a de Trump centrouse en reivindicar que “Estados Unidos está de volta”, unha mensaxe dirixida aos seus principais competidores: China e Rusia. Trump veu dicir que amosaran que EUA ten capacidade de facer unha operación especial militar rápida e exitosa e que segue a ser un exército formidable.

A legalidade internacional, que unha vez máis foi violentada, queda claro que queda supeditada a unha serie de intereses xeopolíticos estratéxicos. Esa mensaxe de “alcanzar pola forza” creo que é a mensaxe que a administración Trump quere lanzar hoxe ao mundo. O que sucedeu en Venezuela desarticula completamente o sistema internacional das Nacións Unidas, que volven quedar como un organismo totalmente inoperante. 

"A pregunta está aí: se a transición vai ser tutelada polos Estados Unidos, onde queda a defensa da revolución e da soberanía? Se temos que falar dunha transición de poder, isto xa foi ensaiado cando morreu Chávez. Pero agora é todo moi distinto, porque esta transición non está sendo dirixida dende Caracas, senón dende Washington"

Cres que existe un pacto tácito con China e Rusia? Sobre todo á vista de que a súa reacción, aínda que crítica co ataque, mantivo un perfil baixo?

Aí hai un pacto tácito de equilibrio a nivel internacional entre os Estados Unidos, China e Rusia. Algo semellante sucedeu coa caída de Bashar al-Ásad en Siria en decembro de 2024, o perfil de China e Rusia respondendo a esa situación foi tamén bastante baixo. Hai que ver aínda se China e Rusia van levar a cuestión de Venezuela ao Consello de Seguridade da ONU, pero en todo caso os EUA teñen alí capacidade de veto, así que poden desactivar calquera protesta deste tipo. 

Hai que ter en conta que horas antes da captura de Maduro, unha delegación chinesa estivo reunida con el no Palacio de Miraflores. Sería un pouco inxenuo considerar que China e Rusia non estaban ao tanto. Probablemente isto foi falado cos EUA, precisamente nun momento no que se está en conversas para o remate da guerra en Ucraína e tamén dun posible ataque contra Irán. 

O visto en Venezuela deixa varios interrogantes no aire, ao sentar un precedente: fará o mesmo China en Taiwan? Ou que tería pasado se Rusia detén a Zelensky e o levase para Moscova? E é, tamén, unha mensaxe de forza de Trump dirixida a Cuba, Nicaragua ou Colombia, tendo en conta as ameazas lanzadas por Trump contra Petro. 

Nicolás Maduro, esposado a bordo do USS Iwo Jima tras o seu secuestro CC-BY-SA United States Department of Defense

"Como vai aceptar esta situación o ministro Vladimir Padrino? Como vai aceptalo Diosdado Cabello, que ten un poder inmenso? E sobre todo, como vai aceptalo a militancia chavista, os colectivos, a milicia popular?"

Nesta situación, dá a impresión de que o novo goberno venezolano vai ter que manter un equilibrio moi complexo entre manter a soberanía nacional e a tutela militar que van querer exercer os EUA. Cres que vai ser posible?

Hai que dicir que a situación en Venezuela era posiblemente bastante insostible para o réxime. A detención de Maduro abre un novo escenario e un novo equilibrio de poder no que o réxime segue mantendo a dirección pero nun terreo completamente descoñecido. Terá que haber negociacións e non descarto algún episodio de confrontación interna ante a tutela que os Estados Unidos e Trump pretenden exercer en Venezuela. 

A pregunta está aí: se a transición vai ser tutelada polos Estados Unidos, onde queda a defensa da revolución e da soberanía? Se temos que falar dunha transición de poder, isto xa foi ensaiado cando morreu Chávez. Nese momento houbo un novo pacto entre actores de poder e nese momento a transición dende o punto de vista institucional foi bastante efectiva. 

Pero agora é todo moi distinto, porque esta transición non está sendo dirixida dende Caracas, senón dende Washington. Como se pode vender á militancia chavista que se segue defendendo a soberanía nacional nesta situación, por moito que Delcy Rodríguez diga que o presidente segue sendo Maduro? Como vai aceptar esta situación o ministro Vladimir Padrino? Como vai aceptalo Diosdado Cabello, que ten un poder inmenso? E sobre todo, como vai aceptalo a militancia chavista, os colectivos, a milicia popular?

Mobilización nas rúas de Venezuela, o pasado mes de decembro © Goberno de Venezuela

"Cando Maduro asumiu a Presidencia, unha das decisións máis efectivas que adoptou foi formar un goberno tecnocrático. Hai unha clase tecnocrática nova, que nos últimos anos chegou ao poder, e da que Delcy Rodríguez é a súa mellor representante"

Como se distribúe internamente o poder en Venezuela? Delcy Rodríguez exerce a Presidencia, pero que poder teñen Padrino e Cabello e que posicións defenden? É posible pensar nun movemento pola parte dalgún dos dous en contra do novo equilibrio de poder?

Cando Maduro asumiu a Presidencia, unha das decisións máis efectivas que adoptou foi formar un goberno tecnocrático. Hai unha clase tecnocrática nova, que nos últimos anos chegou ao poder, e da que Delcy Rodríguez é a súa mellor representante. Son xente que posiblemente non teñen o carisma que tiñan os anteriores líderes, como sobre todo Chávez ou tamén Maduro.

Delcy aparece agora como a “persoa de Washington” pero anteriormente fóra a persoa de China ou Rusia, xa que foi ministra de Relacións Exteriores e era ben coñecida en Moscova e Beixín. 

Por ser especulativo: se a Padrino e a Cabello se lles garante a súa cota de poder e que a xustiza non vai ir contra eles, podemos pensar que aceptarían este novo trato. O interrogante para min é a militancia de base do chavismo, que está moi inserida nas milicias populares e nos colectivos. 

Van poder Padrino e Cabello controlar unha posible protesta de forzas radicais? Ou van amparar precisamente estas protestas para erosionar o equilibrio de poder dirixido por Rodríguez? Porque hai que dicir que Delcy Rodríguez non ten este poder efectivo nas rúas e si o teñen Padrino e Cabello. 

Mobilización nas rúas de Venezuela, en decembro de 2025, nunha imaxe de arquivo © Goberno de Venezuela

"A grandes rasgos, hai unha situación de normalidade e unha situación de tensa espera, pero non hai unha situación de tensión social, nin hai protestas nas rúas. A sociedade venezolana deixou un pouco de lado a polarización e a confrontación política para centrarse na súa economía e na súa vida diaria"

Como é a situación neste momento nas rúas de Venezuela? Semella existir nestas últimas horas unha situación de normalidade, pero non sei se en realidade hai unha calma tensa...

A grandes rasgos, hai unha situación de normalidade, como a que había antes da detención de Maduro. A pesar de toda a tensión militar existente no Caribe apuntando cara a Venezuela, este mes de decembro foi un mes dende o punto de vista comercial e de vendas bastante normal. Hai que ter en conta unha cousa: a situación económica en Venezuela, por moito que a economía estea dolarizada de facto, non existe a escaseza que existía hai uns anos, pois a economía estaba dando mostras de recuperación. 

A sociedade venezolana deixou un pouco de lado a polarización e a confrontación política para centrarse na súa economía e na súa vida diaria. Hai unha situación de tensa espera, pero non hai unha situación de tensión social, nin hai protestas nas rúas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.