Trinta anos das eleccións que levaron o PP de Aznar ao Goberno de España. Tal día coma hoxe de 1996 os populares lograban ser primeira forza co 38,8% dos votos, apenas un punto máis que o PSOE de Felipe González, e 156 escanos que, mediante pactos coas forzas nacionalistas Convergència i Unió (16 escanos), PNV (6) e Coalición Canaria (4), permitiron a investidura de Aznar, quen recuncaría no 2000 xa con maioría absoluta. Dos seus mandatos persisten herdanzas en Galicia como a prórroga da concesión da AP-9 ata 2048 e a súa posterior venda ou a privatización de Ence nun goberno que fichou como alto cargo a Alberto Núñez Feijóo, primeiro para dirixir o Insalud e despois, Correos ata que foi enviado de volta á Xunta como conselleiro para remudar o defenestrado Xosé Cuíña en plena catástrofe do Prestige, no treito final do aznarismo. Feijóo celebra o trixésimo aniversario daquelas eleccións atribuíndo a Aznar un "proxecto reformista que converteu España nunha potencia". Na imaxe, Aznar no seu primeiro día como presidente do Goberno de España, en maio de 1996 [© Pool Moncloa / José María Cuadrado]
- HEMEROTECA | AP-9: non penses en Aznar
- HEMEROTECA (2023) | Esta fin de semana remataría a peaxe da AP-9 se Aznar non a prorrogase ata 2048
- HEMEROTECA (2022) | "Galicia, máis que nunca" ou o principio da fin do fraguismo e do ascenso de Feijóo
- HEMEROTECA (2021) | De Ence á AP-9: os fíos que unen as privatizacións estrela de Aznar en Galicia e as súas concesións prorrogadas