O gabinete de Christophe Hansen alegou un cambio "inesperado" de axenda ao día seguinte de anunciar a Xunta a recepción a Rueda e escasas horas despois de que o BNG fixese público que se ía celebrar o seu encontro, "confirmado dende o 13 de febreiro"
O pasado sábado, 28 de febreiro, o presidente da Xunta anunciaba que este martes, día 3, ía ser recibido en Bruxelas polo comisario europeo de Agricultura, Christophe Hansen, co inicio da implantación do acordo comercial co Mercosur no centro da axenda. Ás dez da mañá do domingo, día 1, o BNG confirmaba a través dun comunicado público que a súa portavoz nacional, Ana Pontón, tiña cita para ser recibida co mesmo comisario o mesmo día, 3 de marzo, cunha axenda política centrada no mesmo asunto.
Apenas cinco horas despois da difusión dese comunicado, explica a formación soberanista, "o gabinete de Hansen trasladou nun correo electrónico emitido ás 15.30 dun domingo a cancelación da reunión, alegando un cambio 'inesperado' na súa axenda". O BNG sostén que "ese cambio inesperado non é outra cousa máis que as presións do Partido Popular e da Xunta".
Asegura o Bloque que o encontro a recepción de Hansen a Pontón, acompañada pola eurodeputada Ana Miranda, estaba "pechada e confirmada dende o pasado 13 de febreiro na sede da Comisión Europea". En vésperas de celebrarse, sinalan fontes da formación, apenas sufrira unha pequena alteración, unha demora das catro ás cinco da tarde deste martes. Foi precisamente ás catro da tarde desta mesma xornada cando o comisario recibiu a Rueda nun encontro no que, di o presidente, defendeu "os intereses do agro galego" ante "os desafíos do acordo con Mercosur e da nova Política Agraria Común".
"O cambio inesperado non é outra cousa máis que as presións do Partido Popular e da Xunta", coida o equipo de Pontón. Fontes oficiais do gabinete de Hansen atribúen a cancelación ao "impacto" dos "acontecementos internacionais da pasada fin de semana na axenda do comisario"
Dende a sede do Parlamento Europeo, onde mantén outras xuntanzas previstas, Pontón atribúe a cancelación a que "Rueda non pode soportar que se visualice que o BNG faga o que el non fai: defender o sector agrogandeiro galego". "Non poden soportar o contraste entre a imaxe dun presidente a Xunta dicindo si bwana ao acordo con Mercosur mentres o BNG defende diante do comisario os intereses dos nosos gandeiros e gandeiras", sostén.
No equipo de Pontón existe o convencemento de que os populares fixeron valer as súas influencias na Comisión e no gabinete do propio Hansen -antigo eurodeputado do luxemburgués CSV, integrante do Partido Popular Europeo- para evitar que este martes deixase unha imaxe presidencial de Pontón ao ser recibida ao mesmo nivel que Rueda por un cargo de primeiro nivel da UE. Praza.gal preguntou formalmente ao gabinete do comisario polas razóns da cancelación e fontes oficiais do mesmo responderon atribuíndoa ao "impacto" dos "acontecementos internacionais da pasada fin de semana na axenda do comisario".
Ese "impacto", especifica a mesma fonte oficial a este xornal, provocaron a organizacións de xuntanzas "de urxencia". "Por estas circunstancias foi preciso reprogramar a xuntanza coa señora Pontón", agregan, sen que non obstante exista unha nova data para a celebrar.
Tras a cancelación do encontro co comisario, Pontón prevé manter o resto da súa axenda na capital comunitaria, centrada este martes en encontros con representantes de formacións coma o Bloco de Esquerdas ou o Sinn Feín no Parlamento Europeo, entre outras xuntanzas. A axenda, avanzan, continúa este mércores centrada "no financiamento e a xestión dos fondos de cohesión como principal asunto para Galiza, nun momento en que se está negociando o Marco Financeiro Plurianual 2028-2034" e inclúe unha xuntanza con outro comisario, Raffaele Fitto, un dos vicepresidentes executivos da Comisión e responsable de Cohesión e Reformas, que implica a xestión dos devanditos fondos.