O Parlamento europeo frea o acordo con Mercosur

Sede do Parlamento europeo en Estrasburgo © Parlamento Europeo

O Parlamento europeo aprobou nunha axustada votación remitir ao Tribunal de Xustiza da UE o acordo comercial con Mercosur para que o tribunal decida se é compatible cos tratados da Unión. O pacto paraliza a súa tramitación ata que o TXUE fixe a súa posición, un proceso que podería levar varios meses

O Parlamento europeo aprobou este mércores, nunha axustada votación, remitir ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) o acordo comercial acadado con Mercosur para que o tribunal decida se é compatible cos tratados da UE. Independente do que finalmente dite o TXUE, isto supón que o acordo comercial asinado o pasado sábado en Paraguai, fica en suspenso e paraliza a súa tramitación ata que o tribunal fixe a súa posición, un proceso que podería levar varios meses. 

A votación contou con 334 votos a favor, 324 en contra e 11 abstencións. A moción (dobre: unha presentada por formacións de esquerda e ecoloxistas e outra por forzas de extrema-dereita) fora presentada a pasada semana por dous grupos de eurodeputados e eurodeputadas que pedían a remisión do acordo á corte xudicial ao poñer en cuestión, entre outros aspectos, a validez legal do mecanismo de reequilibrio do pacto, que pode afectar á autonomía regulatoria da UE, e igualmente a fórmula seguida para a súa aprobación, sen contar co consentimento previo dos parlamentos estatais.

A moción presentada pola esquerda para remitir o acordo ao TXUE foi aprobada de forma moi axustada © Parlamento Europeo

A votación contou con 334 votos a favor, 324 en contra e 11 abstencións

Dende que na primeira semana de xaneiro o Consello Europeo deu inicialmente luz verde ao pacto comercial veñen intensificándose en todo o continente as protestas en contra do acordo con Mercosur. Tamén en Galicia, con mobilizacións convocadas por Agromuralla, Sindicato Labrego Galego, Asociación do Sector Primario de Galicia e outras entidades, e apoiadas por BNG, Esquerda Unida, Interior Galego Vivo e outras formacións políticas, ademais de por organizacións ecoloxistas.

Este martes Estrasburgo foi escenario dunha nova mobilización de labregos e gandeiros chegados de distintos países europeos, nomeadamente franceses, que buscaban exercer presión na véspera desta decisiva votación, na que xa se agardaba un resultado moi axustado, como así foi finalmente. 

Os grupos da Esquerda e Verdes-ALE (entre eles a eurodeputada do BNG Ana Miranda) votaron a favor, o mesmo que a extrema-dereita. PP e PSOE votaron en contra a pesar da posición de apoio ás mobilizacións expresada polo Partido Popular nas últimas semanas

A moción finalmente aprobada (a presentada por parlamentarios da extrema-dereita foi rexeitada por 402 votos contra 225) contou cos votos favorables da maior parte dos representantes do grupo da Esquerda e de Verdes-ALE, entre eles o da eurodeputada do BNG, Ana Miranda. Tamén votaron a favor a maior parte dos representantes dos grupos de extrema-dereita, entre eles os representantes de VOX, pero non por exemplo os deputados de Fratelli d'Italia, a formación de Giorgia Meloni.

En contra votou a maior parte do grupo do Partido Popular Europeo (pero non os deputados polacos, que votaron a favor), do socialdemócrata S&D e do liberal Renew. Os eurodeputados españois de PP e PSOE votaron, polo tanto, en contra. O PSOE vén defendendo a aprobación do acordo comercial con Mercosur, pero nas últimas semanas o Partido Popular mantivo unha grande ambigüidade na súa posición, con declaracións favorables ás mobilizacións do sector primario, a pesar de ter defendido a aprobación do tratado nos últimos anos. Nesta votación, os deputados populares amosaron o seu apoio á continuidade da tramitación do pacto comercial.

Acto de sinatura do acordo entre a UE e o Mercosur, o 17 de xaneiro de 2026 en Asunción (Paraguai) © UE

Nos últimos días o BNG reafirmou a súa posición contraria ao acordo de libre comercio, expresando o seu apoio ás mobilizacións do sector primario "contra un acordo que ameaza a supervivencia do agro galego". A formación nacionalista alerta de que o pacto comercial "permitirá a entrada masiva de produtos agrarios e gandeiros procedentes de América do Sur, elaborados en condicións que non cumpren cos estándares ambientais, sanitarios nin laborais que se lles exixe ás produtoras e produtores galegos". “É unha competencia desleal en toda regra”, denuncia.

Así mesmo, o Bloque alertou contra o "cinismo" do PP, que "alentou durante anos a sinatura do acordo Mercosur, pediu mesmo que o Estado liderase a súa aprobación e agora tenta capitalizar o malestar do sector agrogandeiro cun discurso oportunista e falso”.

O BNG anunciou que o vindeiro martes 27 levará ao Parlamento galego unha moción para que a cámara de posicione en contra do acordo comercial, "absolutamente lesivo para os intereses de Galiza e especialmente do sector agrogandeiro galego e dos produtores de carne e mel"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.