A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou que o envío do texto ao TXUE para que este decida se é compatible cos tratados da Unión, é "unha oportunidade de negociación e de presión para desbotalo definitivamente"
Un día despois da votación do Parlamento europeo que aprobou remitir ao Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) o acordo de libre comercio co Mercosur, reprodúcense as valoracións políticas ante unha decisión que supón un freo político para o pacto.
A pesar da decisión maioritaria do Parlamento europeo, representantes da Comisión non descartaron este mércores que o acordo de libre comercio poida entrar en vigor de forma provisional, á espera de que o Tribunal de Xustiza da UE emita o seu ditame e poida obrigar a modificar o texto. Esta aplicación provisional, que tamén precedería á aprobación do acordo nos distintos parlamentos do Estados e na propia eurocámarca, pode ser solicitada pola Comisión europea e aprobada por unha maioría cualificada no Consello de Europa.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou que o envío do texto ao TXUE para que este decida se é compatible cos tratados da Unión, é "unha oportunidade de negociación e de presión para desbotalo definitivamente". “Neste momento hai aberta unha oportunidade que nos permite que ese tratado non poida ir adiante e creo que é o momento, máis alá do que pasara no pasado, de xuntar forzas para defender os intereses dos galegos e das galegas”, engadiu
Pontón afirma que "se realmente o señor Rueda quere defender os nosos gandeiros e gandeiras" debe esixirlles aos deputados galegos do PP que se posicionen contra o acordo comercial
A líder do BNG cargou tamén contra o PP e contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que acusou de manterse “cos brazos cruzados” e de “abandonar os gandeiros e gandeiras” galegos nun “momento crítico no que se están xogando a supervivencia das súas explotacións”. “O Partido Popular votou a favor da aplicación inmediata do tratado de Mercosur, a pesar de que vai en contra dos intereses de Galiza”, sinalou
“Onde estivo a interlocución da Xunta co sector e co goberno de Bruxelas para defender os intereses do sector agrogandeiro?”, preguntou Pontón, que engadiu que "se realmente o señor Rueda quere defender os nosos gandeiros e gandeiras ten a oportunidade de facelo e de demostralo pedíndolle aos eurodeputados do Partido Popular, en particular aos que din representar a Galiza, que rectifiquen e voten en contra do tratado do Mercosur”.
Ademais, Pontón avanzou que o BNG levará unha iniciativa ao próximo Pleno do Parlamento galego para que o PP teña “a oportunidade de rectificar a súa traizón ao sector agrogandeiro” e se posicione en contra do tratado de libre comercio.
A pesar da decisión maioritaria do Parlamento europeo, representantes da Comisión non descartaron este mércores que o acordo de libre comercio poida entrar en vigor de forma provisional
Precisamente este xoves o líder o PP a nivel do Estado, Alberto Núñez Feijóo buscou manter a cada vez máis difícil posición de ambigüídade sobre o acordo con Mercosur dos populares. A pesar de ter manifestado nos últimos anos o seu apoio ao pacto comercial e de ter votado no Parlamento europeo en contra do seu envío ao Tribunal de Xustiza, os representantes do Partido Popular veñen realizando declaracións contrarias ao acordo, debido á presión electoral que sobre eles exerce a posición de VOX, que apoia as mobilizacións do sector primario
A través das redes sociais, Feijóo manifestou ao mesmo tempo o seu apoio ao acordo comercial e a súa demanda de medidas para reducir os seus efectos negativos: un procedemento para que as cláusulas de protección sexan automáticas, o reforzo dos controis en fronteira e "a redución das actuais esixencias aos agricultores que impón Europa e o goberno central". Ademais, acusou a "Vox, BNG e os independentistas" de "complicar" a aprobación destas "garantías" coa moción aprobada no Parlamento europeo.
Tamén o Sindicato Labrego Galego celebrou a decisión da cámara europea e dixo estar "agardando" a que a Comisión Europea "deteña a parte comercial do acordo". "No caso contrario, continuaremos mobilizándonos", advirte
Tamén o Sindicato Labrego Galego celebrou a decisión da cámara europea, que cualifica de "vitoria parcial", á espera da actitude que finalmente amose a Comisión europea en relación coa paralización ou non da tramitación do acordo e a súa posible aplicación provisional. Neste senso, o sindicato afirma estar "agardando" a que a Comisión Europea "deteña a parte comercial do acordo". "No caso contrario, continuaremos mobilizándonos", advirte.
“Esta paralización demostra o que viñamos denunciando na nosa organización dende o inicio, o antidemocrático deste acordo”, sinala María Ferreiro, gandeira e Secretaria Xeral do SLG. O sindicato sinala ademais que "a decisión do Parlamento Europeo corrobora que as mobilizacións e protestas da sociedade, das organizacións e das labregas e dos labregos, son unha ferramenta fundamental para frearlle os pés ao UE-Mercosur".
Este venres 23 o Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego, Brais Álvarez, reunirase en Bruxelas, canda unha delegación da Coordinadora Europea Via Campesina (ECVC) co comisario de agricultura e alimentación da Comisión Europea, Christophe Hansen, para falar do acordo UE-Mercosur e da Política Agraria Común (PAC). Acompañarano dúas persoas labregas da Confédération Paysanne de Francia e de FUGEA de Bélxica. A mesma delegación reunirase ao longo desa mañá con distintos grupos parlamentarios do Europarlamento tamén para mostrar o rexeitamento ao acordo.