Pedro Sánchez é culpable mesmo do Plan Galicia

Un Alvia circulando pola curva de Angrois e recortes de comunicados do Goberno de España e da Xunta sobre o Plan Galicia e a alta velocidade Ourense-Santiago CC-BY-NC-SA Praza.gal

A conexión coa Meseta por alta velocidade ferroviaria comezou a virar realidade ao abeiro do Plan Galicia cun contrato para a liña Santiago-Ourense que acabou conectando os accidentes do Prestige e do Alvia en Angrois

Cando, o 24 de xaneiro de 2003, José María Aznar presidiu o Consello de Ministros no Pazo de María Pita, casa do Concello da Coruña, aínda faltaban uns meses para que Pedro Sánchez fose membro das listas electorais do PSOE para o Concello de Madrid. E algo máis de dous anos para que, como membro do equipo de José Blanco, na altura secretario de organización federal do partido, se tivese que mergullar na política galega para traballar na campaña do PSdeG que acabaría con Emilio Pérez Touriño na presidencia da Xunta.

Naquel Consello de Ministros o gabinete de Aznar aprobara o chamado Plan Galicia, un conxunto de promesas de investimentos no noso país que, aseguraran os Executivos do PP en Madrid e Santiago, ían virar a catástrofe do Prestige na "máis grande oportunidade de Galicia na súa historia", en verbas de Manuel Fraga. Unha das promesas do plan era a conexión coa Meseta a través da alta velocidade ferroviaria. 

Esa conexión comezou a virar realidade -outras moitas nunca pasaron do papel- cunha decisión que acabaría ligando o naufraxio do petroleiro con outra catástrofe, a de Angrois. Na semana que remata ese accidente volveu á actualidade nun duro tirapuxa no Congreso entre Sánchez e o ex-presidente galego e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, naquel tempo conselleiro de Política Territorial da Xunta de Fraga tras a defenestración de Xosé Cuíña

Nin o contrato de proxecto e obras da liña de alta velocidade Ourense-Santiago polo Goberno do PP en 2004 nin a súa modificación polo Executivo do PSOE en 2010 alteraron o trazado da curva das vías do tren ao seu paso por Angrois, que data de hai seis décadas

No marco do debate sobre o recente accidente ferroviario de Adamuz (Córdoba), onde morreron máis de 40 persoas, Feijóo deu en culpar ao "Partido Socialista Obreiro Español" e por extensión a Sánchez do "deseño" da "curva de Angrois". Previamente, o presidente do Goberno de España reprochara ao popular que tras o descarrilamento do Alvia en Santiago o Goberno de Rajoy "tapou probas e puxo obstáculos" mentres o seu Executivo, defende, está a facer o contrario sobre Adamuz.

Alén da imposibilidade física e política de que o PSOE -un Goberno do PSOE- fose quen "deseñase" un trazado ferroviario, o da curva da Grandeira, que non sufriu alteración ningunha dende que foi concibido hai máis de seis décadas, o xeito en que quedou integrada na liña de alta velocidade Santiago-Ourense está directamente conectado co Plan Galicia. Porque foi nese marco, un ano despois do naufraxio do Prestige, cando o daquela Ministerio de Fomento que dirixía Francisco Álvarez-Cascos decidiu acelerar a obra encargando conxuntamente o seu deseño e construción.

Evolución da curva de Angrois e da súa contorna entre 1956 e 2023, elaborada a partir de fotografías dispoñibles no arquivo cartográfico da Xunta CC BY-NC-SA Praza.gal

Ese contrato conxunto, no que o tren de alta velocidade chegaba a Compostela reformando as vías orixinais sen alterar o seu trazado -curva incluída- quedou adxudicado polo Goberno de Aznar o 8 de marzo de 2004, en plena campaña das eleccións xerais que acabaría gañando seis días despois o PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero. En 2010, co socialista José Blanco como ministro de Fomento, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) introduciu unha mudanza no proxecto para que o que no momento ía ser un treito illado de alta velocidade tivese vías de ancho ibérico e non internacional, evitando así ter que instalar cambiadores de ancho nas dúas cidades que provocarían tempos de viaxe máis prolongados.

A desconexión do ERTMS a bordo dos Alvia que entraron en servizo con Ana Pastor no Ministerio tampouco alterou o trazado da curva, igual que as mudanzas en tempos de Álvarez-Cascos e Blanco

A decisión do Ministerio de Blanco, como as de Álvarez-Cascos, non alterou o trazado da curva: o deseño dos anos 50 do século XX seguía vixente para o tren rápido do século XXI evitando, ao tempo, complexas e custosas expropiacións na contorna, moi urbanizada. Ao trazado da curva tampouco atinxiu outra mudanza relevante do momento: ao non haber cambiador de ancho, o sistema de control constante da velocidade ERTMS pasaba a rematar xusto antes da Grandeira, cuns catro quilómetros menos do previsto inicialmente.

No tempo daquela modificación e, polo tanto, o responsable da configuración da seguridade na curva ao aplicala era o director de Seguridade na Circulación do Adif, Andrés Cortabitarte, condenado en primeira instancia polo accidente de Angrois ao mesmo nivel que o maquinista e absolvido o pasado xaneiro. Nese posto de libre designación estaba dende 2006, coa socialista Magdalena Álvarez como ministra de Fomento, e no mesmo estaba tamén cando, xa coa popular Ana Pastor á fronte do Ministerio, o Adif desconectou en 2012 o ERTMS a bordo dos Alvia por provocar fallos que derivaban en atrasos dos trens. A desconexión tampouco atinxiu ao trazado da curva na que descarrilou o tren en xullo de 2013.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.