O 8 de febreiro de 2009 a plana maior do PP de Galicia trasladaba á rúa a súa aposta estratéxica de capturar o voto que temía perder polo flanco dereitista e centralista nas eleccións convocadas para o 1 de marzo daquel ano. Naqueles comicios o Goberno de coalición de PSdeG e BNG examinábase por primeira vez e todas as forzas prevían un escenario axustado.
Dezasete anos despois de concretar en Galicia a aposta estratéxica de achegarse aos 'ultras' para evitar perder votos por ese flanco, os de Feijóo non logran o medre que dixeron buscar co adianto electoral aragonés mentres o crecemento se concentra na extrema dereita
Con Alberto Núñez Feijóo en viaxe preelectoral en Sudamérica, o daquela secretario xeral e xefe de campaña do partido, Alfonso Rueda, encabezou a comitiva do PPdeG nunha manifestación contra as medidas de protección do galego que estaba a impulsar a Xunta e que, en boa medida, supuñan que socialistas e nacionalistas desenvolvesen dende San Caetano o Plan Xeral de Normalización da Lingua aprobado por unanimidade do Parlamento cando no Executivo aínda estaba Manuel Fraga. Os populares optaron por rachar o consenso e obviar a realidade para marchar ao carón de formacións daquela marxinais no noso país, caso de UPyD ou Ciudadanos, así como con simpatizantes da extrema dereita que na altura aínda carecían de siglas de seu. O sucedido a continuación é xa historia política de Galicia.
Este 8 de febreiro de 2026 gran parte da que en 2009 era dirixencia do PPdeG -coa obvia excepción do actual presidente da Xunta- ratificou, como cúpula estatal do PP, que o seu plan de adiantos electorais autonómicos para erosionar o PSOE e a Pedro Sánchez, desta volta en Aragón, está a cumprir esa función. Pero non pola vía de ampliar o apoio electoral á candidatura de Jorge Azcón, ao xeito do achegamento ultra de 2009 en Galicia. Senón polo alargamento dos sufraxios que recibe a extrema dereita que agora si ten siglas de seu, Vox.
O leve retroceso en votos custa dous escanos aos populares nun Parlamento aragonés que terá unha maioría absoluta de dereitas máis ampla tras pasar Vox de 7 a 14 representantes
Na liña dalgunhas tendencias demoscópicas durante a campaña, o xa gobernante PP aragonés -os populares lograran desbancar en 2023 o socialista Javier Lambán, falecido en 2025- non só non conseguiu o obxectivo que formulou ao adiantar as eleccións: alargar a súa representación parlamentaria para depender menos de Vox, que lle bloqueou os orzamentos, senón que retrocedeu. Fíxoo levemente, en apenas un punto que así e todo implicou a perda de dous escanos -de 28 a 26- tras unha campaña que destacados antigos dirixentes do PPdeG, caso de Miguel Tellado, acabaron inmersos en xestos amables cara á extrema dereita.
Faino nun Parlamento que, non obstante, terá unha maioría absoluta de dereitas máis ampla que na anterior lexislatura. Populares e Vox sumaban ata agora 35 asentos nas Cortes de Aragón (un por riba da absoluta) e agora chegan a 40 porque a formación da extrema dereita, que medrou máis de 6 puntos, duplica representantes (de 7 a 14).
O PSOE da ex-ministra Alegría cae ao seu mínimo en eleccións aragonesas nun espectro da esquerda onde só medrou a Chunta Aragonesista
Esta circunstancia e as súas repercusións no taboleiro estatal foi a máis relevante duns comicios nos que se produciu o agardado devalo dos socialistas, aínda que máis atenuado do que prognosticaban algunhas sondaxes. Coa ex-ministra Pilar Alegría á fronte o PSOE deixa polo camiño máis de cinco puntos en votos e media decena de escanos para ficar en 18 (o seu mínimo en Aragón).
No espectro da esquerda unha parte do perdido polos socialistas é virtualmente recollido pola Chunta Aragonesista, cun avance superior aos catro puntos e medio e representación duplicada, de 6 a 3. Do mal resultado do PSOE non se beneficiaron en absoluto nin a coalición de Izquierda Unida e Sumar, que queda co escano que tiña pero perdendo votos, e aínda menos Podemos, sen representación parlamentaria (tiña un escano) e con tres puntos menos.