O ascenso de Vox dálle á dereita a maioría absoluta en Andalucía

Resultados das eleccións andaluzas deste domingo Dominio Público Praza Pública

Os resultados das eleccións en Andalucía deixan un cambio político histórico. O PSOE, tras 38 anos no goberno da Junta, ten practicamente imposible manterse no poder. A suma de PP, Ciudadanos e Vox alcanza a maioría de 55 escanos. O bloque da dereita imponse ao da esquerda, aínda que as posibilidades de pacto e as esixencias dos líderes desas formacións poderían romper eses bandos.

O PSOE, tras 38 anos no goberno da Junta, ten practicamente imposible manterse no poder. A suma de PP, Ciudadanos e Vox alcanza a maioría de 55 escanos

O PSOE caeu de 47 a 33 escanos e non chega á maioría absoluta de 55 deputados nin co seu socio actual, Ciudadanos -que pasa de 9 a 21-, nin con Adelante Andalucía -que pasa de 20 deputados a 17. O PP déixase 7 escanos -de 33 a 26- pero podería gobernar en Andalucía coa suma de Ciudadanos e Vox, que irrompe con 12 parlamentarios

Con estes resultados, no Parlamento Andaluz hai unha maioría clara da dereita: PP, Ciudadanos e Vox suman 59 escanos, catro por encima dos necesarios. O PP xa se abriu a sumar os votos da formación de extrema dereita para gobernar e expulsar o PSOE do poder, pero Juanma Moreno vai ter máis difícil que Cidadanos lles dea o seu apoio.

No caso de que o bloque da dereita non acade un acordo -que Juanma Moreno xa pediu- ábrense varias posibilidades. O PSOE pode pactar con Ciudadanos, propondo a Susana Díaz -unha posibilidade remota porque todos os seus rivais negáronse en campaña a pactar con ela- ou aceptando perder o poder e apoiando a Marín, e tratar de convencer a Teresa Rodríguez de que o seu grupo se absteña para pechar o paso a Vox. Susana Díaz abriuse á posibilidade de pactar con quen sexa facendo un chamamento ás forzas constitucionalistas para frear á extrema dereita".

Ciudadanos ten na súa man a decisión final. Pode sumarse a un bloque da dereita ou achegarse ao PSOE

Con calquera desas opcións, Ciudadanos ten na súa man a decisión final. Pode sumarse a un bloque da dereita -co que supón asumir os votos da extrema dereita- ou achegarse ao PSOE. Polo de agora, parece que sempre con Marín como opción para presidir a Xunta. Se non hai máis remedio, os de Albert Rivera teñen a chave dos posibles pactos ou do adianto electoral.

 

A irrupción de Vox

O partido de Santiago Abascal protagonizou a campaña desde que as primeiras enquisas auguraron a súa entrada no Parlamento andaluz: o seu voto protesta deixou de ser para moitos unha papeleta perdida

A gran noticia da noite electoral andaluza foi a irrupción de Vox. O partido de Santiago Abascal protagonizou a campaña desde que as primeiras enquisas auguraron a súa entrada no Parlamento andaluz: o seu voto protesta deixou de ser para moitos unha papeleta perdida. Ciudadanos e PP, que pelexan no mesmo espectro ideolóxico, non só se  negaron a combater o discurso senón que blanquearon as súas propostas contra as autonomías e a inmigración.

O contexto está medido ao milímetro: a crise en Cataluña e o auxe do nacionalismo español, un Partido Popular aberto en canal tras a perda do Goberno e a sentenza da Gürtel que certificou varias décadas de financiamento en negro, as reclamacións dos corpos policiais que levan meses na rúa reclamando a equiparación salarial cos Mossos e a Ertzaintza... Un magma propicio para axitar o seu nacionalismo español, as mensaxes contra a inmigración, a esquerda, o independentismo catalán e a relixión islámica.

Ciudadanos e PP, que pelexan no mesmo espectro ideolóxico, non só se  negaron a combater o discurso senón que blanquearon as súas propostas contra as autonomías e a inmigración

Para amplificalo, Vox contou con significativos altofalantes. Locutores como Federico Jiménez Losantos, en esRadio e Carlos Herrera na cadea Cope, con moita prédica nun sector da dereita, atuaron ao seu líder, Santiago Abascal, e déronlle minutos de radio cos que non adoitan contar os partidos extraparlamentarios para que desenvolva o seu programa: muros en Ceuta e Melilla, a deportación dos inmigrantes, debolir a lei de memoria histórica, a do aborto, a que trata de evitar a violencia machista e calquera indicio de feminismo en xeral. Acabar con todo o que segundo el non fixo a "derechita cobarde", como lle gusta referirse ao PP, o partido ao que o afiliou o seu pai con 18 anos. O seu plan está deseñado para captar a dereita máis extrema que conviviu durante as últimas décadas dentro do Partido Popular xunto ás tradicionais familias de liberais, democristiáns e conservadores e nun momento en que Casado trata de estabilizar o seu liderado.

Na dirección federal do PSOE interpretan que o ascenso da extrema dereita ten relación directa co conflito catalán e as toneladas de titulares que o procés levou a todos os diarios cada vez que Pedro Sánchez tentou un acordo parlamentario

Na dirección federal do PSOE interpretan que o ascenso da extrema dereita ten relación directa co conflito catalán e as toneladas de titulares que o procés levou a todos os diarios cada vez que Pedro Sánchez tentou un acordo parlamentario. O PSOE chegou ao 2D sen despexar a incógnita dos orzamentos e encerellado nun tirapuxa co mundo independentista: "A idea de que o reloxo do presidente está en mans destas formacións non axudou", asegura un dirixente da formación.

A cuestión catalá foi un dos eixos fundamentais na campaña de Vox e a formación que dirixe Santiago Abascal soubo sacarlle unha rendibilidade inesperada. Susana Díaz fixo o resto, din no seu partido: Impulsar unha campaña de baixa intensidade, crendo que a abstención a beneficiaba. Os socialistas laméntanse agora de estender a idea de que as eleccións estaban gañadas dende o inicio.

En Ferraz preocupa especialmente que Vox cruce Despeñaperros e se sitúe no panorama electoral estatal con opcións de obter apoios próximos ao 10%

En Ferraz preocupa especialmente que Vox cruce Despeñaperros e se sitúe no panorama electoral estatal con opcións de obter apoios próximos ao 10%. Os asesores do presidente esperan con ansia os estudos postelectorais para confirmar o peor dos seus temores: que houbo transvasamento de votos a Vox desde o PSOE e desde Podemos.

Nestas circunstancias, algúns cargos socialistas consideran que Sánchez non se pode permitir chegar ás urnas despois do xuízo do procés. O PSOE teme a extensión dunha extrema dereita á que o PP acolle xa no seu seo sen complexos e coa escusa de que todos forman parte "da casa común do centro dereita", tal e como sinalou Pablo Casado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.