O PP acada a maioría absoluta en Andalucía

Juanma Moreno, votando nas eleccións andaluzas © PP Andalucía

O PP obtén 32 escanos máis que en 2018, Ciudadanos desaparece do Parlamento tras perder 21 escanos

Con máis do 90% escrutado, o PP de Juan Manuel Moreno gañou as eleccións autonómicas en Andalucía e alcanza os 58 escanos. Son 32 más que os 26 parlamentarios obtidos nos comicios de 2018 e supoñen a maioría absoluta no Parlamento, nun resultado histórico no territorio.  

O PSOE, pola súa banda, acada 30 deputados. O seu novo líder, Juan Espadas, queda con tres menos dos obtidos na última convocatoria electoral, a derradeira da ex-presidenta Susana Díaz. Mentres, Vox queda como terceira forza ao obter 14 escanos, dous máis que hai tres anos e medio. 

O espazo á esquerda do PSOE, que en 2018 obtivera unido 17 escanos, queda agora en 7, coa suma de Por Andalucía e Adelante Andalucía

Pola súa banda, a coalición Por Andalucía, que integra IU, Podemos e outras forzas de esquerda, acada cinco deputados, mentres que Adelante Andalucía, a formación que lidera Teresa Rodríguez, obtén dous escanos. En decembro de 2018, cando todas estas forzas concorreran xuntas, lograran un total de 17 escanos. 

É un gran retroceso electoral, pero o máis grande, no entanto, sufriuno Ciudadanos, cuxos votos parecen ter acabado no PP. A formación laranxa queda fóra do Parlamento andaluz, onde en 2018 acadara 21 deputados. 

A gran vitoria do PP, que venceu nas oito circunscricións, será tamén lida como o primeiro gran triunfo de Núñez Feijóo, ex-presidente da Xunta e actual máximo dirixente do Partido Popular estatal. 

Andalucía acaba a súa xornada electoral moito máis virada á dereita, co PP como claro dominador e a esquerda sufrindo un importante golpe electoral, tanto no PSOE como no espazo á súa esquerda, especialmente no nucleado arredor de Podemos e Izquierda Unida. 

A participación non chegou ao 60%, sendo case idéntica á de 2018, nunhas eleccións que supoñen acompañe a Galicia como as dúas comunidades autónomas onde o PP goberna con maioría absoluta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.