"O rexistro de [demandantes] de vivenda está subindo porque a xente agora se dá conta que o da vivenda vai en serio", resume o presidente, que tamén dá sinais de 'poñerse serio' co persoal de baixa no que BNG e PSdeG observan como un cuestionamento da clase traballadora e dos médicos
Cando, no ano 2022, foi investido presidente da Xunta como remuda de Alberto Núñez Feijóo, Alfonso Rueda salferiu a súa presentación ante a sociedade galega con varios anuncios de subvencións e descontos en impostos. En 2023, no seu primeiro debate de política xeral como presidente, combinou a creación de máis axudas directas con promesas en materia industrial.
En 2024, na sesión parlamentaria para ser investido coa maioría absoluta que logrou nas eleccións de febreiro dese ano, xunto ás promesas de rebaixas de impostos ou unha reorganización de competencias industriais comezou a agromar un argumento, o da vivenda, máis efectivo e tanxible que promesas industriais por veces máis incertas, pola súa complexidade e polas posibilidades de fracaso, caso de Altri. Fíxoo coa promesa de "duplicar" o parque de pisos públicos -ata chegar a uns 8.000 na lexislatura- tras década e media de práctica parálise dos sucesivos gobernos do PP na materia que tamén foi un dos eixes do seu discurso no debate de política xeral de 2025.
Con esta bagaxe chegou Rueda ao debate de política xeral que principiou este pasado mércores no Parlamento. Reiterou o presidente a promesa de inicio de lexislatura na súa intervención inicial canda anuncios de axustes de menor dimensión na materia -caso de elevar o limiar de renda máxima para poder optar a un piso protexido-. Fíxoo entre sinais de incredulidade de BNG e PSdeG, cuxos líderes aludiron á escaseza de vivenda pública nos últimos 17 anos e ás elevadas cifras de persoas inscritas no rexistro de demandantes -xa máis de 30.000- como mostra da necesidade existente en Galicia ao respecto.
Fronte a promesas de anos anteriores que contribúen a configurar o estado dunha nación -ou dun país, ou dunha autonomía-, o anuncio estrela no debate deste 2026 foi unha cuestión de xestión ordinaria na que nacionalistas e socialistas ven máis riscos ca vantaxes
"O rexistro de vivenda está subindo porque a xente agora se dá conta que o da vivenda vai en serio", alegou o presidente na súa primeira quenda de resposta. Se agora é en serio, considerou Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, cabe deducir que "estiveron 17 anos rindo da política de vivenda". "Os últimos 17 anos foi unha coña, agora vai en serio", ironizou José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG.
Rueda asegura que "agora" a Xunta vai "en serio" cos seus plans de vivenda e bosquexa a intención de poñerse serio co persoal que deba acollerse a unha baixa laboral, piar dos discursos económicos da dereita nos últimos meses. Así, fronte a promesas de anos anteriores que contribúen a configurar o estado dunha nación -ou dun país, ou dunha autonomía-, como a reformulación da política industrial, ou da política de vivenda, o anuncio estrela deste ano presentado como tal como presidente e o seu equipo foi un maior "control das baixas por doenzas musculoesqueléticas ou de psiquiatría menor, que son as máis frecuentes" e "reforzar o papel das mutuas" para dalas por finalizadas. Unha cuestión de xestión ordinaria na que nacionalistas e socialistas observan máis riscos ca vantaxes.
O mellor que podería facer Rueda coa iniciativa, coida Pontón, é arrombala e "pedir desculpas" á clase traballadora por "criminalizala". "Que nos está dicindo, que os que dan as baixas, os médicos e médicas, o fan dunha forma indecente ou non a fan dunha forma consciente?", preguntouse Besteiro, para quen cabería preguntarse se "algo falla no sistema" antes de optar pola vía elixida por Rueda.
Pontón e Besteiro, o BNG e o PSdeG, "non entenden nada e cada día entenden menos", lamenta o presidente, que di negarse a importar a Galicia a "política tóxica". Ao seu xuízo, se o debate puxo en destaque algún problema concreto do país foi sobre os grupos da esquerda
Pero Rueda non só quere poñerse serio coas baixas. Tamén, en liña novamente cos discursos educativos da dereita, quere máis man firme no ensino. Así, asegurou que "en Galicia van comezar a aplicarse sancións contra todas aquelas condutas que atenten contra a dignidade e autoridade do persoal docente", sen explicar que se facía ata agora neses casos de condutas que xa estaban prohibidas. Unha firmeza que tamén asegura que se adoptará cos comportamentos indebidos entre o alumnado porque "en Galicia non caben os abusóns", di, ante as eivas que se veñen rexistrando na loita contra o acoso escolar.
Pero a xuízo do presidente e líder do PPdeG se o debate deste mércores puxo en destaque algún problema concreto de Galicia foi na actual oposición. Pontón e Besteiro, o BNG e o PSdeG, "non entenden nada e cada día entenden menos", concluíu, mentres que el non quere "importar a política tóxica" doutros lugares. Previamente considerara que Pontón, nas súas críticas, evidencia que "non se entera" e por iso lanza "burradas" e "disparates" contra a "Galicia calidade" que, sostén, representa a xestión dun goberno do PP moi diferente, gábase, ao de Pedro Sánchez en España.