Pontón ofrece o BNG para "dar a volta" ao "nefasto legado" de 17 anos co PP: "Galiza merece máis"

Ana Pontón, durante o seu discurso no debate de política xeral © Parlamento de Galicia

"Galiza merece máis". A portavoz nacional do BNG afrontou a súa intervención no debate de política xeral co propósito de confrontar algo máis que o discurso co que Alfonso Rueda iniciou a sesión. Facelo cos 17 anos ininterrompidos que neste abril de 2026 vai facer o PP á fronte do Goberno galego para confrontalo co proxecto do Bloque. Co "goberno alternativo" que, mantén Ana Pontón, encarna xa a formación que encabeza.

A portavoz nacional do BNG ofrece a súa formación para encabezar o país de xeito "audaz" fronte a un PP que o deixa "estancado" e "máis feble" 

Galicia, coida a líder do Bloque, precisa un "goberno audaz" e "con visión de futuro" pero "o que temos é o presidente do estancamento" que deixa un "legado nefasto" ao que cómpre "dar a volta". "Crise demográfica", "lista de espera para ir ao médico de cabeceira", imposibilidade de acceder a unha vivenda ou "un monte que cada vez arde máis" son mostras, considera Pontón, dunha "Galiza máis estancada e máis feble" que os populares só son quen de "tapar" con "mentira", "propaganda" e "promesas baleiras".

Pontón fai balance dos 17 anos de goberno do PP durante a súa intervención no debate de política xeral CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

Nese eido da "propaganda" sitúa tamén Pontón os anuncios de Rueda en materia de vivenda. "Dinamitaron a política social de vivenda" nestes 17 anos e "cando a situación se volveu insoportable, empezou coa propaganda". "Galiza -augura a líder do Bloque- non vai ter 4.000 vivendas públicas construídas en 2028 e sábeo perfectamente" tendo en conta que "a día de hoxe só hai 171 novas vivendas protexidas rematadas".

Pontón lamenta que a "gran achega" de Rueda para "saír do estancamento" sexa "criminalizar" as persoas traballadoras que precisan unha baixa

"Galiza merece que a vivenda volva ser un dereito" e por iso, sostén, a Xunta debería transitar polo camiño que traza o Bloque, a comezar por "limitar o prezo do alugueiro a través da declaración de zonas tensionadas en lugar de boicotealas como fai en Santiago", mercar ata 4.000 vivendas xa construídas para poñelas en alugueiro ou mercar todas as vivendas protexidas que saian á venda nos próximos anos.

Neste contexto, lamenta Pontón, a "gran achega" de Rueda para saír do "estancamento" é "criminalizar" as persoas traballadoras que precisan unha baixa para equiparalas con "vagos e maleantes". E faino, advirte, mentres o devandito "legado" é posible adxectivalo como "tráxico" se o balance se centra na sanidade pública

Pontón diríxese a Rueda durante o debate de política xeral 2026 © Parlamento de Galicia

Contrasta a portavoz nacional do BNG as súas críticas ao Goberno do PP co que, ao seu xuízo, é xa o feito de que "algo neste país xa está a cambiar", cunha "nova maioría social" que xa obtivo logros, defende, como a paralización do proxecto de Altri. Ese cambio, considera, pode traducirse na aplicación do proxecto do BNG en cuxa vertente social Pontón puxo o foco en materias como a sanidade, a educación ou a atención ás persoas en situación de dependencia, nun contexto no que o "legado" do PP consiste en "facer negocio coa vellez".

"É posible construír unha Galiza mellor, unha Galiza en grande dende a confianza nas nosas propias forzas"

Ana Pontón encadrou o seu discurso no debate de política xeral no contexto bélico internacional, ante o cal reclamou ao presidente que secunde o "non á guerra" no canto de aproximarse a un "belicismo" que "sofren os galegos e galegas" a través da inflación. Con ese pano de fondo, censura, Rueda exerce a "indecencia política e moral" de presentar a guerra como unha "oportunidade" económica.

Con todos estes elementos sobre a mesa, Pontón dirixiuse á poboación para pechar a súa intervención. "É posible construír unha Galiza mellor, unha Galiza en grande dende a confianza nas nosas propias forzas", concluíu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.