BNG e PSdeG piden no Parlamento de Galicia máis actuacións da Xunta coas súas propias competencias en vivenda e sanidade
Xa viña sendo unha tendencia habitual nos últimos anos pero agora cunha porcentaxe moito máis elevada. Cando o Goberno de España non está en mans do PP, as propostas de resolución populares no debate de política xeral do Parlamento de Galicia, como o que se está a celebrar esta semana, disparan o número de peticións ao Estado. En anteriores debates as reclamacións ao executivo central adoitaban situarse en arredor da metade do total das propostas de resolución, pero no debate deste ano 27 das 40 propostas conteñen peticións expresas ao Goberno de Sánchez.
Pola súa banda, as peticións de BNG e PSdeG céntranse en reclamar actuacións á Xunta, sobre a que ten as competencias de control e impulso o Parlamento galego. Pero mentres as 40 propostas do PP teñen garantida a súa aprobación grazas á súa maioría absoluta, as formuladas por nacionalistas e socialistas deben ser negociadas cos populares para que estes acepten apoiar algunha na votación final que se producirá este venres.
Neste documento podes consultar as 160 propostas, 40 por grupo, formuladas por PP, BNG, PSdeG e DO:
Mentres as 40 propostas do PP teñen garantida a súa aprobación, as presentadas polo resto de grupos deben ser negociadas para que algunha saia adiante co apoio dos populares
As propostas de resolución do PP piden actuacións do Goberno de Sánchez en cuestións tan dispares e habituais no seu discurso político como volver rexeitar o terrorismo de ETA, impulsar o Xacobeo ou que o pazo de Meirás non só lembre a ditadura de Franco senón tamén a Pardo Bazán. Son resolucións que reclaman ao Estado mellores infraestruturas, atribúenlle responsabilidades na situación da sanidade galega ou pídenlle maior implicación no desenvolvemento industrial do país.
As propostas do PPdeG foron presentadas pola número 2 do partido, Paula Prado, quen volveu criticar a oposición, como tamén fixo este mércores no debate o seu voceiro, Alberto Pazos, tirando dunha suposta "ouija bloqueira".
Pola súa banda, desde a oposición o BNG aposta coas súas propostas de resolución por "sacarlle o freo de man" á Xunta. Segundo a viceportavoz primeira do BNG, Olalla Rodil, o presidente debe "unha desculpa por criminalizar as e os traballadores tratándoos de vagos e defraudadores coas baixas". Os nacionalistas tamén poñen o foco nas súas propostas en reclamar máis vivenda pública, o reforzo da atención primaria e a dependencia ou un financiamento autonómico xusto.
Polo PSdeG foi o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, quen presentou as súas propostas de resolución salientando que "Galicia necesita un goberno que actúe xa". Os socialistas poñen o foco na vivenda, a sanidade ou nunha "implicación real da Xunta na candidatura de Vigo como sede do Mundial de fútbol".
Pola súa banda, o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, centrou as súas propostas de resolución en peticións que reclaman un mellor reequilibrio territorial co interior de Galicia.