Besteiro acusa a Rueda de "emendarse a si mesmo" por anunciar solucións a problemas que crean os seus gobernos

Gómez Besteiro, durante a súa intervención no debate de política xeral este mércores CC-BY-SA PSdeG

Unha "presidencia sen rumbo" e "á deriva" e un goberno "entregado ao control do relato" e "sen planificación". Así resumiu José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, o labor de Alfonso Rueda e da Xunta durante a súa intervención no debate de política xeral do ecuador do mandato. 

Besteiro cualifica a Xunta dun "goberno entregado ao control do relato" e considera a de Rueda unha presidencia "sen rumbo" e "á deriva": "Non ten modelo"

"Non quere nada máis para o país, máis aló de gobernalo", espetou Besteiro a Rueda, a quen acusou de "non ter modelo" nin "idea" para Galicia, de gustarlle "o poder e non o país" e de "non xerarlle ningunha emoción ou responsabilidade a presidencia da Xunta". 

"O que si ten é unha marca, a marca Galicia Caridade, que non confundir con calidade", dixo o líder dos socialista galegos, que sinalou o presidente por estar afeito "a lanzar moitos bonos" tras anunciar este martes o reforzo do Bono Coidado e logo de impulsar o seu executivo "o bono peixe, o bono chándal, o bono rural, o bono cultural mozo" ou "o bono autónomo". 

"Visto o visto, voulle propor un bono novo: o bono goberno, cun funcionamento moi simple e sinxelo: os cidadáns pagamos impostos e o goberno resolve os problemas. Que lle parece? A metade xa está cumprida, pero sería fantástico que anunciase vostede que vai intentar cumprir coa outra metade", díxolle. 

O líder do PSdeG acusa a Rueda de "facer unha emenda á totalidade de si mesmo" ao anunciar "solucións para problemas que leva anos creando"

Besteiro quixo exemplificar así a "pobre acción política" desenvolvida, na súa opinión, por Rueda, a quen acusou de facer "unha emenda á totalidade de si mesmo" na súa intervención por anunciar "solucións para problemas que levan anos crecendo baixo os seus propios gobernos". "E o peor non é o que di. O peor é que xa sabemos que non o vai cumprir", advertiu. 

Besteiro repasou unha acción de goberno que "non mellorou a vida da xente", nin "resolveu" os seus problemas, nin "transformou Galicia máis aló da propaganda" e da "mellora duns poucos, dos de sempre". Para o líder do PSdeG, a Xunta está "máis preocupada de silenciar a oposición que de ofrecer un proxecto propio" e para iso, di, válese da TVG e da radio público como "principais censoras"

Besteiro propuxo varias propostas e acordos ao presidente da Xunta, o primeiro deles que Galicia "dea exemplo cunha posición clara, un non á guerra e un si ao respecto ao dereito internacional e un si ao apoio a un goberno que traballa pola paz". "A paz non admite matices, dixo o voceiro do PSdeG, que denunciou que o país "quedou atrás" no paquete de axudas polo impacto do conflito en Oriente Próximo." Vende agora como un gran plan contra a guerra 157 millóns en investimentos que xa estaban previstos. É tan triste que chega a incluír reformas de pantaláns en portos ou axudas á sinalización do Camiño de Santiago", lembrou, tras propor axudas directas ao sectores produtivos, redución de taxa, apoio ao combustible ou medidas fiscais claras, ademais dun "escudo social galego". 

Sanidade "desbordada e desatendida"

O líder dos socialistas galegos abordou a vivenda e un "problema político de primeira orde" do que cre que Rueda é "responsable" tras 17 anos de goberno do PP sen que fose quen de "planificar un parque público". Malia o avance en políticas neste eido anunciadas polo presidente, Besteiro preguntouse se algunha das edificacións públicas anunciadas nos últimos catro anos "está rematada". "Aínda que todo se cumpra, que está por ver, que facemos hoxe? O problema témolo agora", dixo. 

En canto a sanidade, o socialista denunciou esperas "que non existían hai vinte anos" e unha atención primaria "desbordada e desatendida", ademais de preguntarse como pode ser que coa mellora económica de Galicia e con máis recursos haxa "peor acceso" aos servizos sanitarios. Así, urxiu a reforzar a atención primaria e a garantir máis profesionais, ademais de propor "blindar por lei a atención médica en menos de 48 horas"

Gómez Besteiro, durante a súa intervención no debate de política xeral este mércores CC-BY-SA Parlamento de Galicia

Besteiro tamén repasou todas as eivas no ensino e denunciou que "centos de nenos e nenas non reciban a atención que precisan" nos centros pola falta de persoal orientador e coidador, o que leva ao "fracaso dun sistema que presume de inclusivo pero non o é". Ante estes problemas, propuxo un "plan de choque de emprego" e outro de "infraestruturas educativas" con financiamento garantido e planificación plurianual, así como un "acordo para mellorar as condicións laborais do profesorado". 

Besteiro propón blindar por lei a atención médica en menos de 48 horas e plans de choque para o emprego e as infraestruturas no ensino

Tamén defendeu a gratuidade da primeira matrícula nos mestrados universitarios e un "incremento estable e suficiente" do financiamento universitario, antes de denunciar por "fallida" a política social da Xunta de Rueda pola "ausencia de planificación". Lembrou o incumprimento da Lei de Servizos Sociais, a vulneración da Lei de Dependencia "substituíndo dereitos por bonos que non resolven nada", así como o déficit de máis de 11.500 prazas de residencia para persoas maiores: "unha das peores situacións do Estado nun país con máis de 700.000 persoas por riba de 65 anos". 

Ademais, lembrou a perda pro parte da Xunta dunha liña de axudas europea de 23 millóns de euros para escolas infantís públicas, "mentres subvenciona na súa totalidade ás escolas infantís privadas". "E todo iso afogando as contas dos concellos, obrigándoos a financiar un Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que é responsabilidade da Xunta, cun novo acordo coa FEGAMP insuficiente", denunciou, tras asegurar que co PSdeG na Xunta o Goberno galego financiaría o SAF ao 100%. "O que está en xogo son dereitos, non os seus intereses partidistas", advertiu.

Besteiro pide a Rueda que "peche" de vez o proxecto de Altri e faga público o acordo oculto coa empresa: "Acabará saíndo pola vía xudicial" 

Por outra banda, no plano económico, Besteiro gabouse dun país rico que "pode ser o que queira ser, se tivese quen o dirixa". E lembrou os proxectos caídos, citando o de Altri como "o exemplo máis claro" do modelo da Xunta. "Venderon unha macrocelulosa como modernidade verde e acabou sendo o símbolo dunha política industrial opaca e sen apoio social nin técnico. Apostaron a unha única carta porque non tiñan plan. E tivemos que ser a sociedade galega e un goberno socialista quen frease ese erro", lembrou, para advertir que a Rueda só lle queda "unha saída digna: rectificar". 

"Fágalle un favor a Galicia, señor Rueda: peche definitivamente este proxecto e faga público o acordo oculto. Porque o que se intenta agochar por decisión política… acabará saíndo pola vía xudicial", engadiu respecto ao pacto aínda non coñecido malia as continuas peticións. 

Gómez Besteiro, durante a súa intervención no debate de política xeral este mércores CC-BY-SA Parlamento de Galicia

Besteiro tamén criticou a política enerxética e a falta de planificación que mantén "80 parques eólicos paralizados" e as repotenciacións eólicas que "impoñen sen consenso nin seguridade xurídica". Pola contra, propuxo unha "política industrial activa de verdade, planificación na industria eólica, tamén na eólica mariña, para ser líderes na transición enerxética pero con retorno en Galicia: máis ingresos para os concellos, enerxía máis barata para empresas e fogares, e renovables ligadas á creación de industria e emprego no mesmo territorio".

Mercosur, unha oportunidade

Respecto do sector primario, advertiu dunha crise provocada por anos "de goberno sen rumbo" e acusou a Rueda de ser "incapaz de frear a dereita europea que vén recortar a PAC e négase a apoiar os nosos produtos para que Mercosur, unha boa oportunidade para Galicia, sexa aínda máis beneficiosa para a nosa economía rural". "Os datos desmontan o seu discurso: menos produción, menos consumo, menos explotacións e menos futuro", resumiu. 

Por último, Besteiro volveu denuncia a negativa do Goberno galego a aceptar a condonación da débeda, de non ter unha política para a vertebración e o equilibrio territorial dunha Galicia "que funciona como un todo" e non como "un mapa chego de problemas soltos que se van atendendo segundo van estoupando". Aí aproveitou para afondar sobre a polémica arredor da política aeroportuaria, preguntando a Rueda se cre que "hai que pechar algún aeroporto en Galicia". 

"A súa planificación aquí, coma sempre, ausente. A Xunta debe ser o organismo que comprenda a rede aeroportuaria como un todo, como unha oportunidade. Pero insiste en mirar en pequeno e por iso coquetea con agresións as grandes cidades", dixo. Ademais, Besteiro incidiu en reivindicar a gratuidade total da AP-9 e referiuse á grave vaga de incendios do pasado ano para lembrar que non foi "mala sorte", senón "falta de planificación". "Non foi unha fatalidade inevitable", dixo. 

O líder do PSdeG critica que Rueda non defendese a oficialidade do galego na UE nin a presenza da cultura galega na Unesco

Respecto á identidade e á cultura, Besteiro denunciou o "escapismo" de Rueda en Bruxelas para evitar reclamar que o galego sexa lingua oficial na UE e para non afrontar o grave problema da perda de falantes, ademais de criticar que se "negase a defender a presenza da cultura galega en espazos internacionais como a Unesco". "Unha actitude que sorprendería até aos máis recalcitrantes estrategas do PP na década dos 80 e 90 do pasado século", dixo, antes de pedir ao presidente e ao PPdeG que se "afaste" da extrema dereita, "dos discursos que premian a ignorancia, das fake news e da negación do que somos como sociedade". 

"Aparten esa sección VOX que teñen enquistada no PP galego: que coquetea co negacionismo da igualdade, co desprezo ás minorías, co atrasismo científico", rematou, sen antes reivindicar que a igualdade sexa "a columna vertebral en todas as accións do Goberno" e que se cumpra coa Lei de Memoria Democrática. Antes tamén de lembrar que todo se dá nun contexto no que Galicia ten "os medios públicos máis controlados, máis cuestionados e menos vistos". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.