O PP vota "non" a todas as propostas de BNG e PSdeG agás tres no debate de política xeral

Resolucións aprobadas no debate de política xeral de 2026 CC-BY-SA Imaxe: Parlamento de Galicia | Montaxe: Praza Pública

Os populares só aceptaron sen mudalas unha proposta nacionalista e outra socialista, e negociaron outra máis con estes, e 11 do total de 52 aprobadas foron por unanimidade

"Non entenden nada e cada día entenden menos", díxolles o mércores o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aos líderes de BNG e PSdeG, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro. Así que nesa liña de considerar que só o PP entende Galicia, este venres, na votación das 40 propostas de resolución formuladas por cada partido no debate de política xeral, os populares cumpriron coa previsión de aprobar as súas 40 iniciativas pero rexeitar a inmensa maioría das propostas nacionalistas e socialistas, aos que só aprobaron unha proposta en cada caso e ademais negociaron outra dos socialistas.

O resultado final, grazas a que o PP si aceptou nove propostas de Democracia Ourensana, foi que remataron aprobadas un total de 52 propostas de resolución, 11 delas por unanimidade. Porén, como en anos anteriores, agora o seu cumprimento, sen que o Parlamento poida impoñelas, depende da Xunta. Ou do Estado, porque o 70% das propostas do PP reclamaban algo ao Goberno de Pedro Sánchez.

O PP só aceptou dúas propostas do PSdeG, unha delas tras negociala para reformala, e unha do BNG. E só cedeu ante o BNG para reformar unha proposta popular que acabou así apoiada polos nacionalistas.

Das súas propias propostas, os populares aprobaron sen modificación 39, mentres que si mudaron lixeiramente unha, logrando así o apoio do BNG, para esixir ao Goberno de España que a Xunta participe máis na cogobernanza de fondos europeos

Das propostas do BNG os populares aceptaron a última hora unha para mellorar a planificación hidráulica

E das do PSdeG aceptaron unha sen mudanzas, para garantir o persoal adecuado ás necesidades do alumnado en todos os centros educativos, e outra tras negociala, para garantir un acceso inclusivo á cultura e "equidade" na selección da dirección de entidades artísticas. Unha puntualización que o PSdeG introduce en referencia ao proceso lanzado pola Xunta para renovar a dirección do CGAC cun funcionario ou funcionaria que deberá presentar un programa para o museo de "máximo 5 páxinas".

Si houbo máis acordo entre o PP e o deputado de Democracia Ourensana. Os populares votaron directamente a favor cinco propostas de Armando Ojea e aprobáronlle outras catro tras negocialas, en xeral con medidas de reequilibrio territorial para o interior en xeral ou a provincia de Ourense en particular. 

Foron aprobadas por unanimidade iniciativas para garantir os recursos docentes necesarios no ensino ou mellorar diversas infraestruturas e a planificación hidráulica

Con independencia destas negociacións sobre o voto maioritario do PP que garantiu a aprobación dun total de 52 resolucións, delas resultaron finalmente aprobadas por unanimidade 11. Foron as anteditas resolucións do BNG para mellorar a planificación hidráulica, do PSdeG para garantir os recursos docentes necesarios no ensino, de DO para que a programación do Xacobeo non discrimine territorios ou varias do PP para rexeitar o terrorismo, protexer as vítimas de violencia de xénero, rescatar e transferir a AP-9 a Galicia ou mellorar diversas infraestruturas de transporte.

Durante as intervencións deste venres previas á votación a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, salientou o feito de que a propia Xunta considere como principal anuncio deste debate que quere restrinxir as baixas laborais que outorgan os médicos. Unha iniciativa que ao seu ver transmite que a cidadanía galega son "vagos e maleantes" e os médicos "uns defraudadores". A viceportavoz do PSdeG, Lara Méndez, considerou que a Xunta está a desenvolver unha "demolición deliberada" do estado de benestar na que "a Galicia Calidade que tanto predican se converte en Galicia caridade".

Porén, para o portavoz do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, as súas propostas fan deste "o debate da clase media, que é o motor de Galicia, desa Galicia que madruga". Nesa a súa intervención final Pazos apelou ao diálogo. "O noso modelo é o de falar, o de escoitarnos", dixo, e a continuación o PP votou en contra de case todo o que propuxo a oposición.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.