Nos debates de política xeral como o que o Parlamento está a desenvolver dende este pasado mércores -e que culmina este venres co debate e votación das propostas de resolución- é habitual que o rol do voceiro do grupo que sustenta o Goberno se centre máis zoupar dialecticamente na oposición que en defender a acción do Executivo, labor que concentran as intervencións do presidente. Dende que en 1989 se celebrou o primeiro destes debates ese rol correspondeu sempre a un deputado do PP agás en catro ocasións, a daquela estrea -en tempos do tripartito- e de 2006 a 2008, durante o mandato da coalición de PSdeG e BNG.
O voceiro dos populares combina no debate de política xeral chamadas ao "consenso" e ao "respecto persoal" cunha representación na que simula invocar a Rosalía ou Castelao para caricaturizar a Ana Pontón
Os tons neste labor foron dispares ao longo da historia. Máis reflexivos e irónicos, caso dos tempos de Pedro Puy como voceiro, ou máis atacantes, duros e por veces argumentalmente agresivos, como sucedera con algúns dos voceiros no PP do fraguismo. E como acontece co sucesor de Puy no cargo e actual portavoz, Alberto Pazos, que na súa quenda no debate deste ano empregou un esquema semellante ao de 2025, condensando as críticas á oposición en xeral e ao BNG en particular nunha representación a xeito de mofa: se hai un ano creara o que deu en chamar "dicionario de benegués", desta volta presentou ante o hemiclo a súa "ouija bloqueira".
Pazos iniciou e rematou o seu discurso alertando sobre os "perigos da polarización" e subliñando a importancia de preservar os espazos para o "consenso" e mesmo para o "respecto persoal" e a "camaradería entre adversarios políticos", dixo evocando as ex-deputadas homenaxeadas recentemente pola Cámara. Así, por exemplo, transmitiu na tribuna as condolencias a José Ramón Gómez Besteiro polo pasamento da súa nai e congratulouse do regreso de deputados que tiveron problemas de saúde en datas recentes. Combinou eses chamamentos co que presentou como un intento de "desvelar o segredo da infalibilidade da terna promesa do nacionalismo galego".
Apoiado en que, nun acto contra Altri, Pontón considerou que "Rosalía estaría en contra" do proxecto, Pazos chancea con que a líder do BNG "non só ve mortos, tamén fala con eles" mediante un "instrumento infalible" que está "certificado pola mesmísima UPG"
"A señora Pontón en ocasiones ve muertos", dixo parafraseando unha popular escena do filme O sexto sentido para agregar que "non só os ve, senón que tamén fala con eles" para mofarse de que, nun acto contra a instalación de Altri en Palas de Rei, a portavoz nacional do BNG afirmase que "Rosalía estaría en contra" dese proxecto. "Anos acusando a señora Pontón de pitonisa ceniza do nacionalismo galego e resulta que realmente o que tiña era vocación de médium", chanceou.
Foi neste punto no que Pazos amosou ao hemiciclo a súa "ouija bloqueira", o "instrumento infalible para planificar o futuro industrial de Galicia", "certificada pola mesmísima UPG". Cunha cartolina e unha figura dunha estrela, procedeu a simular invocacións a Rosalía de Castro e Castelao preguntando a respecto de Altri ou o sector eólico e obtendo a resposta "non", coreada por parte do Grupo Popular, que celebrou especialmente cando Pazos cuestionou se Ana Pontón ou José Ramón Gómez Besteiro "presidirán algunha vez a Xunta".
"A ouija bloqueira nunca falla", rematou Pazos para concluír a representación. "Nesta terra xenerosa hai espazo para todos agás para os intolerantes e iso tamén será Galicia calidade" foi a derradeira frase dos discurso.