Sintonía patronal coa campaña da Xunta contra o persoal de baixa

Vieites, presidente da CEG; Rueda, presidente da Xunta; e Garamendi, presidente da CEOE CC-BY-SA CEG, Xunta e CEOE

En sintonía. A ofensiva contra as baixas que a Xunta iniciou hai mes e medio suma adeptos da parte empresarial. As patronais española e galega coincidiron nos últimos días en demandar medidas contra o "absentismo laboral" na liña de moitas das impulsadas polo Goberno galego nos últimos meses. 

As patronais española e galega coinciden en demandar medidas contra o "absentismo laboral" na liña das impulsadas pola Xunta nos últimos meses

A última acometida chegou a cargo do presidente da CEOE, Antonio Garamendi, que este martes reclamou que a Seguridade Social asuma as cotizacións e os salarios das persoas traballadoras nos primeiros 15 días de baixa, ademais das cotizacións dos contratos que se fagan para substituír o persoal que se ausente por accidente ou doenza. 

Semella que fose unha campaña coordinada, por moito que a representación do empresariado leve anos demandando solucións ao que considera un importante "problema económico". Foi o pasado 8 de abril cando no último debate de política xeral, Alfonso Rueda decidiu poñer no albo o persoal de baixa laboral co seu anuncio estrela: un novo plan para vixiar máis as incapacidades temporais. 

Alfonso Rueda, con persoal médico nunha visita ao CHUAC CC-BY-SA Xunta

Malia as críticas da oposición e dos sindicatos, durante as seguintes semanas o Goberno galego foi detallando as medidas dun plan que xa incluíra reunións da Inspección de Servizos Sanitarios con persoal médico de familia para controlar caso por caso e promover a fin de procesos de baixa. Iso sucedeu, cando menos, en 110 casos nun só mes.

Garamendi, presidente da CEOE, pide que a Seguridade Social asuma as cotizacións e os salarios das persoas traballadoras nos primeiros 15 días de baixa

Logo, o Consello da Xunta aprobou o "reforzo inmediato" dos equipos de Inspección coa incorporación de 18 novos profesionais e, ao tempo, os obxectivos de xestión do Sergas desvelaron o recorte do soldo de médicos de familia con pacientes coas baixas laborais máis longas. Pouco despois, o Goberno galego anunciaba a súa intención de modificar o protocolo para a xestión e seguimento destas baixas, un cambio que se fixo oficial o pasado 28 de maio na busca dun proceso "máis áxil e resolutivo" que outorga moito máis poder ás mutuas, que poden xa dar altas. 

Precisamente, este pasado martes e durante unha xornada sobre absentismo organizada pola patronal, Garamendi reclamou que "se potencien as competencias das mutuas", sen entrar en máis detalle sobre unha demanda que desde os empresarios sempre buscou que estas entidades poidan dar a alta ás e aos traballadores e non só propoñela. En resumo, apostar polo cambio que xa fixo a Xunta. 

A CEOE pide tamén que "se potencien as competencias das mutuas", só semanas despois de que a Xunta lles dese máis poder no novo protocolo das baixas

Non foi a única proposta da patronal estatal. A principal, a asunción dos custos das dous primeiras semanas de baixa por parte da Seguridade Social de maneira temporal e ata que se tomen unha serie de medidas para solucionar o "problema" do absentismo: máis profesionais sanitarios "e, se é preciso, mellor pagados", pero tamén máis persoal e mellores condicións para a Inspección da Seguridade Social

Só uns días antes desta ofensiva por parte da CEOE, a patronal galega, tras celebrar a súa asemblea xeral, insistiu no "incremento do absentismo laboral" como un dos principais factores que "limitan a competitividade das empresas galegas" e alertou dun custo de máis de 1.770 millóns de euros en Galicia, sumando as prestacións máis o custo directo ás empresas. 

A CEG (Confederación de Empresarios de Galicia) lamentou o incremento dun máis de 120% destes custos empresariais polo absentismo no período 2018-2025 e destacou que a duración media das baixas laborais por continxencias comúns en Galicia "practicamente duplica" a media estatal. Un dato certo, pero que obvia que, ao tempo, o país é a segunda comunidade autónoma con menos baixas laborais, case dez puntos por baixo dos datos do conxunto do Estado. 

A patronal galega fíxase como obxectivo baixar entre un e dous puntos o nivel de absentismo en Galicia

Un mes antes, e pouco despois de que a Xunta lanzase o seu plan, a patronal galega xa presentara un informe da USC e da UVigo sobre as baixas e o seu presidente, Juan Manuel Vieites, fixara como obxectivo baixar entre un e dous puntos o nivel de absentismo "para volver ser competitivos". Pediu medidas "axeitadas" no marco do diálogo social para rebaixar as ausencias "inxustificadas" e gabou que a Xunta se puxese mans á obra. 

Preguntado polo aumento de baixas por saúde mental, destacou que as persoas "valoran outras cuestións" desde a COVID pero advertiu da necesidade de reducir as baixas". "A alternativa témola na tecnoloxía; o traballador terá moito lecer, pero pouco poder adquisitivo". 

Coa mensaxe lanzada esta semana pola CEOE, as patronais únense a unha campaña que a Xunta non só lanzou, senón que aplicou con varias medidas aprobadas no goberno galego que foron contestadas por BNG, PSdeG e sindicatos, pero tamén polos colexios médicos ou os inspectores sanitarios. 

Críticas de médicos e inspectores

O Consello Galego de Colexios Médicos exixiu desligar incentivos salariais da redución das baixas e advertiron que vencellar pluses salariais ou "elementos da carreira profesional ao acurtamento das baixas laborais xera importantes riscos éticos, clínicos e organizativos". O plan da Xunta "pode comprometer a relación médico-paciente, a calidade asistencial, a autonomía clínica" e a procura da "recuperación real e segura" de cada persoa de baixa, alertaron. 

Sala de espera dun centro de saúde galego © Xunta

Só uns días despois, foi a Asociación de Inspección Sanitaria de Galicia, única que agrupa os traballadores deste ámbito e maioritario no país, a que emitiu un comunicado criticando que a Xunta dea máis peso ás mutuas na tramitación e xestión das incapacidades temporais e as altas laborais. Censuraron que teñan "unha relevancia superior á prevista na lexislación estatal" e que se intente "impoñer aos profesionais das Unidades de Saúde Laboral unha actuación á que non obriga a norma do Estado". 

Colexios médicos e inspectores sanitarios defenden un sistema máis eficaz pero desbotan o camiño marcado pola Xunta

Os colexios médicos, ademais, consideran que "a xestión axeitada da incapacidade temporal é unha responsabilidade compartida do sistema sanitario, da Administración, as empresas e a propia sociedade". E din compartir a necesidade de "mellorar a eficiencia" dese sistema, pero "sempre dende criterios clínicos, evidencia científica e respecto á independencia profesional".

Os inspectores, pola súa banda, tamén defenden a mellora da eficiencia do sistema, "diminuíndo baixas evitables ou excesivamente prolongadas", así como "revisar e homoxeneizar" os procesos de incapacidade temporal. Pero súmanse ás críticas xa expresadas polos catro colexios médicos galegos e alertan de que hai que "salvagardar" a relación médico-paciente e "antepor a valoración clínica presencial nas propostas de alta". En resumo: que é necesario mellorar o sistema pero que o camiño non é, nin moito menos, o escollido pola Xunta e que agora tamén reclaman as patronais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.