O Sergas revoga 13.400 baixas laborais "non xustificadas", que atribúe a descoñecemento dos médicos e lentitude das probas

Consulta de Atención Primaria nun centro de saúde CC-BY-SA Xunta

Inspectores de Sanidade citaron no último medio ano 20.000 persoas de baixa das áreas de Ferrol, Lugo e Santiago por ser as que maior proporción teñen e ditaron a alta do 67%

Hai meses que o Goberno de Alfonso Rueda vén poñendo o foco no absentismo laboral, que o presidente da patronal galega considera un "gravísimo problema" para as empresas. Un problema que no fondo é sanitario, xa que se produce avalado por baixas médicas autorizadas por facultativos que consideran que a persoa en cuestión non pode traballar. Ante ese problema a Consellería de Sanidade puxo en marcha o pasado verán un plan específico de revisión de baixas do que este luns día 13, no primeiro Consello da Xunta deste ano, o presidente Rueda ofreceu o primeiro balance: inspectores de Sanidade citaron no último medio ano 20.000 persoas de baixa médica e deron de alta o 67% por considerar que estaban inxustificadas.

Un traballador da construción CC-BY-NC-SA CIG

No seu plan contra o absentismo laboral Sanidade puxo o foco nas áreas sanitarias de Ferrol, Lugo e Santiago por seren as que maior proporción de baixas presentan en función da súa poboación. Entre xuño e decembro os inspectores da consellería citaron 20.254 pacientes e logo de analizar os seus casos deron de alta a 13.684 persoas, o 67,56%.

O conselleiro di que hai un problema de "formación e coñecemento da normativa" por parte dos médicos e outro porque "o sistema non dá feito as probas necesarias"

Segundo o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a maioría das baixas son froito de dores (neuralxias) ou problemas psiquiátricos "leves" e prolónganse no tempo de xeito indebido. Ante o feito de que as baixas son outorgadas e prorrogadas por médicos do Sergas, o conselleiro foi preguntado se o problema é que os facultativos abusan das baixas e se están a recibir instrucións para seren máis estritos. Segundo o conselleiro, "hai dous problemas", un de "formación e coñecemento da normativa" por parte dos médicos e outro de duración das baixas porque "o sistema non dá feito as probas necesarias". 

O conselleiro de Sanidade e o presidente Rueda tras o Consello da Xunta deste luns 13 de xaneiro, primeiro do ano tras o último celebrado o 27 de decembro CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Sobre o primeiro problema o conselleiro asegurou que a consellería está a impulsar actuacións de "formación a médicos prescritores para aclarar o que non teñan claro". E sobre o segundo asegura que se están a tomar medidas de diverso tipo, desde a integración das probas que realizan as mutuas na historia laboral do Sergas ata plans de actuación en eidos como o da saúde mental, no que a Xunta vén anunciando medidas desde hai anos pero no que a lista de espera para unha consulta de psiquiatría conta cun 22% máis de doentes no último ano

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.