A Xunta Electoral amoesta Alfonso Rueda por pola súa visita a San Paio de Navia, en Vigo, o pasado 14 de ocubre, e facer declaracións que foron recollidas nunha nota de prensa da Xunta aludindo a logros da Administración autonómica en materia de vivenda.
Tras unha denuncia do PSdG da provincia de Pontevedra, a Xunta Electoral, nunha resolución á que tivo acceso Praza.gal, advirte de que a nota de prensa publicada ese mesmo día na web institucional da Xunta sobre a visita do seu presidente ás promocións de vivenda pública do barrio vulnera o artigo 50.2 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG).
A Xunta Electoral ordenou a retirada da nota de prensa e require a Rueda que "se absteña" de realizar actos coma este durante o proceso electoral
Así, ordena á Xunta a retirada da nota de prensa da web e de todas as canles institucionais onde se difundiu e require a Rueda para que, "mentres dure o proceso electoral, se absteña de realizar ou difundir actos ou comunicacións institucionais" que vulneren o disposto no devandito artigo.
A Xunta Electoral lembra que a nota de prensa denunciada foi difundida o 14 de outubro, "xa convocadas as eleccións", e con medios públicos.
Nela destacábase a "aposta da Xunta" por ampliar a oferta de vivenda pública —en pleno debate sobre a problemática que acabou causando o adianto electoral— e cifraba en perto dun milleiro os pisos en marcha. "O seu contido pon en valor a xestión autonómica nesa materia con datos de vivendas, investimentos e previsións. Non se limitou a informar con neutralidade sobre o funcionamento dun servizo público", explica.
A entidade aclara que o artigo 50.2 vulnerado non exixe que a publicacin teñan unha "finalidade propagandística expresa" senón que "abonda con que o acto organizado ou financiado por un poder público aluda ás súas realizacións ou logros durante o período electoral ou conteña manifestacións de carácter electoralista", como foi o caso.
"Non se limitou a informar con neutralidade sobre o funcionamento dun servizo público"
Ademais, a Xunta Electoral aclara que é suficiente a retirada da nota de prensa é que, nesta ocasión, "non procede a incoación de expediente sancionador", aínda que Rueda podería ser sancionado en caso de reincidencia.
Non é a primeira vez que a Xunta Electoral amoesta a Alfonso Rueda. En 2024, durante a campaña das eleccións galegas, a Xunta Electoral Galega abriu varios expedientes por facer electoralismo desde o Consello da Xunta.
Daquela, fora aberto un tras dúas denuncias do BNG e do PSdeG por declaracións do presidente na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do 8 de febreiro e logo doutra amoestación previa. Semanas antes abríraselle outro expediente sancionador por outra actuación no Consello ao facer electoralismo co complemento autonómico das pensións non contributivas.