Segundo expediente sancionador a Rueda por facer electoralismo desde o Consello da Xunta

Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do 8 de febreiro pola que agora se lle abre un expediente sancionador por facer electoralismo CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

A Xunta Electoral censura que o candidato popular volvese comunicar diversas medidas do Goberno galego "cun fin publicitario eloxioso e electoralista"

A Xunta Electoral Galega vén de abrir un novo expediente sancionador ao candidato do PP e presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, por facer electoralismo desde o Consello da Xunta. É o segundo expediente aberto a Rueda por feitos similares e o terceiro que recibe o PP en xeral, fronte a un expediente aberto a Pedro Sánchez pola súa visita electoralista a Navantia. Ademais de expedientes sancionadores, o PP xa recibiu tamén nove amoestacións por outros tantos incumprimentos da lei electoral, fronte a tres amoestacións ao PSOE e unha a BNG e Democracia Ourensana.

No caso dos expedientes sancionadores, estes aínda teñen que concluírse. A lei electoral prevé, no seu artigo 153, que "toda infracción das normas obrigatorias" contidas nesa norma que non chegue a ser delito electoral será sancionada con multa "de 300 a 3.000 euros se se trata de autoridades ou funcionarios e de 100 a 1.000 euros se se realiza por particulares".

Segundo expediente sancionador aberto a Rueda por electoralismo no Consello da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

O novo expediente aberto a Rueda parte de dúas denuncias do BNG e do PSdeG por declaracións do presidente na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do 8 de febreiro. Rueda xa fora amoestado por facer electoralismo no Consello da Xunta do 18 de xaneiro pedindo "confianza para poder gobernar" e criticando ao resto de partidos políticos. Despois abríuselle un expediente sancionador pola súa actuación no Consello do 1 de febreiro ao facer electoralismo co complemento autonómico das pensións non contributivas.

O PP xa leva tres expedientes, por un do PSOE e ningún do resto de partidos, mentres que os populares recibiron ademais nove amoestacións por tres dos socialistas e unha de BNG e Jácome

O expediente aberto agora polo Consello do 8 de febreiro censura frases de Rueda de valoración de diversas medidas anunciadas tras aquela reunión como: "somos un referente na xeración de enerxías renovables, con beneficios, medioambientais... aforros importantes"; "ante a inactividade e falta de axudas de quen toma a decisión" (en alusión ao Goberno do Estado); "programa de moito éxito que acolleu a 600 mozos e mozas"; "en Galicia o numero de dependentes se incrementou en mais de 12.000, a ratio de atención é a terceira mais alta, redución significativa da lista de espera"; "o 70% dos custos da lei de dependencia son asumidos pola comunidade autónoma"; ou "axuda con un éxito moi salientable"

A Xunta Electoral conclúe que "son declaracións cun fin publicitario eloxioso e electoralista e favorable para un dos partidos concorrentes as eleccións e que encabeza o presidente da Xunta de Galicia, polo que se produce a quebra do principio de igualdade, á par que se quebranta o principio de neutralidade que deben respectar os poderes públicos durante todo o período electoral".

Consello da Xunta do 8 de febreiro polo que é expedientado Rueda CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

A Xunta Electoral tamén salienta que as declaracións de Rueda "nin foron efectuadas en resposta a preguntas dos periodistas, polo que carecen de espontaneidade, nin quedou demostrado que todas garden relación directa cos acordos adoptados no Consello da xunta de ese día". 

Rueda fixo estas declaracións electoralistas malia que el mesmo decidiu vetar as preguntas dos medios de comunicación que non estivesen relacionadas cos asuntos tratados no Consello para evitar así caer en valoracións indebidas. Porén, malia ese auto-veto, non imposto pola Xunta Electoral, seguiu respondendo a cuestións non relacionadas co Consello e incorrendo en electoralismo tamén ao comunicar as decisións do Consello. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.