A Xunta Electoral criticou unhas declaracións electoralistas que fixo nun Consello da Xunta sen prohibir que poida contestar outras preguntas sobre o 18F, pero o popular asegura que o ten vetado e a continuación contesta e cala ante dúas cuestións distintas
A Xunta Electoral emitiu hai uns días unha resolución, que se pode ler íntegra nesta información, na que criticou que Alfonso Rueda fixese declaracións electoralistas como presidente da Xunta desde o atril de San Caetano tras o Consello da Xunta do 18 de xaneiro, cando pediu á cidadanía "confianza para poder gobernar". Esa resolución non di que Rueda non poda contestar nesas roldas de prensa tras o Consello a preguntas que lle formulen os xornalistas sobre as eleccións, só que non pode dar respostas electoralistas. Porén, o popular vén aferrándose desde a pasada semana a esa resolución para limitarse a responder preguntas relacionadas co contido do Consello da Xunta e rexeitar outras cuestións.
No Consello deste xoves, tras expoñer as cuestións analizadas na reunión, Rueda deu paso ás preguntas salientando novamente, como fixera xa no Consello do pasado xoves, que non podería responder a outros asuntos. Porén, a continuación el mesmo modulou o seu auto-veto.
Un xornalista preguntoulle se a Xunta recibiu algunha invitación para acudir a un acto que este venres prevé celebrar en Galicia o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, sobre mulleres na ciencia. E a resposta de Rueda foi matizar a súa auto-prohibición: "Como é unha pregunta directa, non, non houbo ningún tipo de invitación, como pasou nas anteriores ocasións", foi a crítica que lanzou o popular a Sánchez desde o atril de presidente.
Algo máis tarde, outro xornalista tentou formular outra pregunta sobre outra cuestión allea ao tratado no Consello da Xunta deste xoves, pero xa non o deixaron rematar. Comezou a formular unha cuestión sobre as críticas lanzadas polo persoal de RTVE pola ausencia de Rueda no debate electoral convocado polo ente público estatal, pero non puido rematar. "Non me vai contestar?", preguntou. "Xa me gustaría, pero non podo contestar", concluíu Rueda.